Na Sinagoga de Viena



Por Afonso Vázquez-Monxardín

O outro día estiven nesa fermosa porta do oriente europeo que é Viena, visitei a sinagoga e escoitei calado os porqués dun guía que carecía de respostas. Nunha lápida recórdase aos xudeus vieneses mortos pelexando nas fileiras xermanas durante a I Guerra mundial. Noutras lémbrase aos xudeus vieneses mortos polos seus compatriotas xermanos durante a II Guerra Mundial. Só vinte anos transcorreran entre ambos feitos, entre a consideración dos xudeus como unha parte máis da nación e a vontade de exterminio que levou a que a colectividade pasará de cento setenta mil membros a só sete mil. E deles sesenta e cinco mil, asasinados. ¿Como? ¿Por que este cambio? preguntábase o guía sen atinar cunha resposta fácil. Desde hai uns anos, seica se comeza a falar do tema. Os austríacos non foron só vítimas, foron parte do problema. Moitos asistiron entusiasmados á integración –Anschluss- nun só ente político.
A purificación racial veu cun proxecto compartido no que eles se comportaron igual que os alemáns do común: calar e mirar para outro lado. ¿Como se pode producir un cambio tan rápido nunha sociedade rica, variada e culta como a vienesa? O antisemitismo sempre latente desde os pogroms da idade media, tolerados historicamente polas igrexas cristiás que os consideraban culpables de “deicidio”, rexorde vez tras vez e en contextos e aparencias diversas: Francia medieval, Rusia zarista ou stalinista, Alemaña nazi... E hoxe de novo en Europa unha inxenuidade perigosa parece situar a algúns máis preto dos homes bombas de Hamas que da minúscula nación de Freud, Kafka ou Einstein.

Os galegos sempre admiraron a ese pobo da diáspora que soubo reagruparse despois do maior asasinato planificado na historia humana. En Bos Aires foi proverbial esta amizade a través de Luís Seoane autor dos murais da Sociedad Hebraica Argentina. Pola memoria de Seoane e pola de Alberto Fernández, panadeiro galego morto no atentado de Herbolá contra a Asociación Mutual Isarelita Argentina, irmá do noso Centro Galego, o 18 de xullo de 1994, debemos de ampliar as fontes de información e puntos de vista antes de deixarnos ir co simple antixudaísmo dominante no progresismo europeo. Shalom quere dicir ola, adeus e tamén paz.

Artigo publicado no xornal GALICIA-HOXE

Comentarios