GOZA ISRAEL DOS MESMOS DEREITOS QUE CALQUERA ESTADO MEMBRO DAS NACIÓNS UNIDAS?


Goza Israel dos mesmos dereitos que calquera outro estado membro das Nacións Unidas?.

Abriuse unha pequena fenda nos máis de cincuenta anos de exclusión de Israel dos corpos da ONU o 30 de maio de 2000, cando Israel aceptou un convite para converterse en membro temporal do grupo rexional Europa Occidental e Outros Estados (WEOG pola súas siglas en inglés). Aínda que só provisoriamente, este paso histórico podería finalmente rematar coa discriminación da ONU contra Israel e abrir unha porta á participación israelí no Consello de Seguridade. Israel é o único estado membro da ONU excluído de grupos rexionais. Xeograficamente, pertence ao Grupo Asiático; con todo, os estados árabes vetaron a súa participación. Sen ser membro de ningún grupo rexional, Israel non pode sentarse no Consello de Seguridade nin en ningún outro corpo da ONU.

O WEOG é o único grupo rexional que non é puramente xeográfico, senón máis ben xeopolítico. O WEOG consta de 27 membros: todos os estados de Europa Occidental; e «outros»: Australia, Canadá, Nova Zelanda e EE.UU. De todos xeitos a participación de Israel no WEOG está severamente limitada. Cada catro anos Israel ten que solicitar de novo a súa admisión, posto que o seu rango é só temporal. A Israel non se lle permite presentar candidatos para postos vacantes en ningún corpo da ONU durante dous anos, e non pode competir polos principais organismos da ONU, tales como o Consello Económico e Social, por un período máis longo. Durante os primeiros dous anos, aos representantes israelís tampouco se lles permitiu que aspirasen a postos no Consello de Nacións Unidas. Ademais destas restricións, a Israel só lle permitían participar nas actividades do WEOG na oficina central de Nova York da ONU. Israel fica excluído das discusións e consultas do WEOG nas oficinas da ONU en Xenebra, Nairobi, Roma e Viena; xa que logo, Israel non pode participar en discusións sobre dereitos humanos, racismo e un gran número doutros asuntos que se manexan nestas oficinas da ONU. Israel aínda agarda, no futuro, ser admitido como membro natural no grupo de Asia.

Cal é a situación no Consello de Seguridade no seu tratamento do Medio Oriente?.

Unha coidadosa análise das accións do Consello de Seguridade no Medio Oriente, amosa que foi moi semellante a que da Asemblea Xeral na súa relación cara a Israel. Os candidatos ao Consello de Seguridade son propostos por bloques rexionais. No Medio Oriente, isto significa que a Liga Árabe e os seus aliados adoitan ser incluídos. Israel, que ingresou na ONU en 1949, xamais foi elixido para o Consello de Seguridade, mentres 18 membros da Liga Árabe si o foron. Siria por exemplo comezou un período de dous anos como membro do Consello de Seguridade no 2002, e exerceu como presidente do organismo en xuño dese ano. Os debates sobre Israel abundan, e o Consello de Seguridade condenou en repetidas ocasións ao Estado de Israel, pero nin unha soa vez adoptouse unha resolución crítica da OLP ou dos ataques dos árabes a Israel. As sesións especiais de urxencia da Asemblea Xeral son raras. Ningunha desas sesións foi convocada xamais ao respecto da ocupación chinesa do Tibet, da ocupación indonesia de Timor Oriental, da ocupación siria do Líbano, das matanzas de Ruanda, das desaparicións en Zaire ou os horrores de Bosnía-Herzegovina. Por case dúas décadas, estas sesións foron convocadas en exclusiva para condenar a Israel.

Estados Unidos sempre apoiou a Israel na ONU e pode darse por seguro que vetará calquera resolución que sexa crítica con Israel?.

Moita xente cre que sempre Estados Unidos apoia a Israel co seu veto no Consello de Seguridade da ONU. O histórico, con todo, mostra que Estados Unidos con frecuencia oponse a Israel no Consello.

En 1990, por exemplo, Washington votou a favor dunha resolución do Consello de Seguridade condenando o xeito no que Israel manexou as revoltas do Monte do Templo. Á vez que particularizaba «os actos de violencia cometidos polas forzas de seguridade israelís», a resolución omitía mencionar por completo a violencia árabe que a orixinou. En decembro de 1990, EE.UU. condenou a Israel pola expulsión de catro líderes de Hamás. As deportacións producíronse en resposta a numerosos crimes contra civis cometidos e reivindicados por Hamás, algún moi próximo ao día da aprobación da Resolución como fora o asasinato de seis civís israelís nunha fábrica de Jaffa varios días antes. A resolución non dicía palabra ningunha a propósito de Hamás e os seus crimes. Describía a Xerusalén como territorio «ocupado», declaraba que os palestinos debían ser «protexidos» de Israel e pedía ás partes contraentes da Convención de Xenebra que garantisen o acatamento de Israel. Foi a primeira vez que o Consello de Seguridade invocaba a Convención contra un país membro.

En xaneiro de 1992, EE.UU. apoiou unha resolución unilateral que condenaba a Israel pola expulsión de 12 palestinos, membros de grupos terroristas que eran responsábeis de perpetrar actos de violencia en Israel. A resolución, que describía a Xerusalén como territorio «ocupado», non facía mención das causas que provocaran as expulsións: os asasinatos, a partir do mes de outubro, de catro civís xudeus a mans de palestinos radicais. En 1996, EE.UU. apoiou unha condena de inspiración saudita a Israel por abrir un túnel nos arredores da mesquita da Al Aksa. En efecto, este túnel, que permite aos visitantes ver toda a lonxitude do muro occidental do Monte do Templo, non está de ningún xeito preto da mesquita. Israel foi culpado por reaccionar con violencia aos ataques dos palestinos que protestaban pola apertura do túnel. Estados Unidos non emitiu o seu primeiro veto ate 1976, nunha denuncia sirio-libanesa contra Israel. De 1967 a 1976, EE.UU. apoiou ou se abstivo en 24 resolucións, a maioría das cales eran críticas de Israel. De 1973 ao 2000, o Consello de Seguridade adoptou aproximadamente 100 resolucións sobre Medio Oriente, novamente, a inmensa maioría delas críticas de Israel. EE.UU. vetou un total de 35 resolucións e, polo demais, ou apoiou as críticas do Consello cara a Israel ou se abstivo, aproximadamente dous terzos do tempo. En xullo de 2002 Estados Unidos mudou a súa política e anunciou que vetaría calquera resolución do Consello de Seguridade sobre o Medio Oriente que non condenase o terrorismo palestino e nomease a Hamás, á Yijad Islámica e aos Mártires da Al-Aksa como os grupos responsábeis dos ataques. EE.UU. tamén dixo que as resolucións deben mencionar que calquera retirada israelí está vinculada á situación de seguridade, e que ambas partes deben ser chamadas a buscar un arranxo negociado. Os árabes aínda poden evadir a EE.UU. acudindo á Asemblea Xeral, onde as resolucións non obrigatorias apróbanse por maioría de votos e o apoio a case todas as resolucións en contra de Israel danse por seguras.

O papel xogado por Nacións Unidas na resolución do conflito foi ate o momento útil?

Aínda que o proceso de paz árabe-israelí, que se inaugurou en Madrid en 1991, está estruturado sobre a base fundamental das negociacións directas entre as partes, a ONU constantemente ignora este principio. Os acordos de Oslo fúndanse na idea das conversacións bilaterais para resolver as diferenzas entre israelís e palestinos. Con todo, a Asemblea Xeral usualmente adopta resolucións que tentan impor solucións sobre puntos moi críticos, tales como Xerusalén, as Alturas de Golán e os asentamentos. Ironicamente, as resolucións do Consello de Seguridade de 242 e 338 instaban as negociacións bilaterais, que son logo socavadas de continuo polas propias resolucións da Asemblea Xeral. Xa que logo, os antecedentes ate a data indican que a ONU non desempeñou un papel realmente útil na resolución do conflito árabe-israelí. Veremos no futuro.

Comentarios