Escribiu Werner Sombart que «Israel pasa sobre Europa coma o sol: cando chega prodúcese unha explosión de nova vida. Á súa partida, todo cae en podremia». Sombart non reparou en que por máis dun milenio viña refutándose a súa diagnose e padeceramos precisamente a experiencia inversa. Europa non lle deu ao pobo de Israel un día de acougo: mentres por séculos asasínannos, directa ou indirectamente, mentres aclaman ou condonan a quen aspira a destruírnos, os europeos empéñanse en ignorar que o seu odio por Israel é endémico. Supoñen que é racionalidade ou compaixón o que os leva á perenne conclusión de que o agresor, sempre é o xudeu.
Hai un pequeno Estado (trinta veces máis pequeno que o estado español –máis pequeno que Galiza) cuxa creación era de aprémante necesidade para salvar centos de miles de vidas das gadoupas de Europa (terras xermánicas, mares británicos, bancos suízos, silencio vaticano). É curiosamente o Estado que espertou en Europa a máis sostida hostilidade, unha que non se reservou a ningún outro. É por iso que a cruzada de Arafat colleitou unha popularidade desproporcionada á urxencia dos seus obxectivos e á virulencia dos seus medios. Logrou elixir o inimigo perfecto.
Das ducias de pobos sen Estado que hai no mundo (cachemires, tamiles, kurdos, neocaledonios, tibetanos, surinameses, aymaras, corsos, vascos, cataláns, galegos e máis) curiosamente, só os palestinos gozan de enorme simpatía europea. Europa sabe que Israel ofreceulles todo o territorio que din reclamar, e que os líderes destes respostaron con trinta meses de bombas e atentados suicidas en pizzarías, en ómnibus escolares, en discotecas.
Que ofreceulles ingresar dignamente no concerto dos Estados do mundo, con axuda económica e científica de Israel, axuda que os seus irmáns petroleiros árabes nunca lles ofreceron. Que rexeitaron todo. Que foron envelenados pola obsesión irredentista de destruír Israel, nin un milímetro menos. Europa fai a vista gorda, e así disfraza de perdón o seu resquemor antixudeu.
Os líderes palestinos comprometéronse en reiterados tratados de paz con Israel a que non botarán máis man ao terrorismo, senón que esgrimirían as súas demandas na mesa de negociacións. Europa sábeo mais prefire escusalos polo asasinato deliberado de nenos e adolescentes. Cando máis, Europa limítase a condenar «a violencia» de todas as partes, a do agresor e a da vítima agredida.
Só contra Israel apresúranse os medios europeos a lanzar o epíteto de «nazi». Que a maioría das vítimas israelís durante esta Intifada foron mulleres e nenos xudeus, mentres a gran maioría das vítimas palestinas foron homes combatentes, para Europa é un detalle baladí. Que xamais houbo masacre en Jenín, non ten importancia. Que foron árabes cristiáns (e non o demonizado Sharón) quen hai máis de vinte anos perpetraron as matanzas de Sabra e Shatila, non conta. A mitoloxía xudeofóbica que tiña feito do xudeu un ser vingativo e sanguinario, réprobo e deicida, pois debe hoxe reeditarse con «o xudeu de entre os países». Se os palestinos deben ser defendidos, é dos seus propios dirixentes, que os empuxan unha e outra vez a baños de sangue, que os someten diariamente a un réxime de medo e execucións sumarias, a corrupción xeneralizada e falta de dereitos, ao envío de párvulos á fronte como carne de canón. Pero Europa condena a Israel.
E se sempre se acusa a Israel de agresor, aínda cando se trate das formas en que Israel se defende, é porque se dá por sentado (case nunca explicitamente) que a mera existencia de Israel é o acto de agresión. No pasado a mera existencia do xudeu individual requiría de desculpas e explicacións. Hoxe ocórrelle á nación no seu conxunto, e polo tanto a alternativa que se lle ofrece ao Estado hebreo é o suicidio. Europa sabe que o quid do conflito no Medio Oriente non é o problema árabe-palestino, e que é un espellismo soster que poderiamos gozar de paz se o pobo árabe palestino tivese independencia política. Os réximes árabes son feudais, escravistas, belicistas, misóxinos. Non precisan de Israel para os seus festivais de sangue. Pero Israel é a súa escusa perfecta, a que Europa pode aceptar e difundir.
O real é que os dirixentes palestinos rexeitaron toda posibilidade de crear o seu propio Estado, cando se decataron de que para iso debían facer as paces cos hebreos. O quid desta guerra non é o problema palestino, senón a deslexitimación de Israel. Europa sábeo e o distorsiona. Que non nos veñan coa abafadora hipocrisía de que o sufrimento do pobo palestino esperta misericordia. A Europa os palestinos impórtanlle moi pouco. Cando Xordania matou a millleiros deles ou cando Kuwait expulsou a decenas de miles, non se escoitou ningunha voz de condena europea.
Non son os palestinos os que motivan as críticas, senón o dubidoso pracer de castigar a Israel. Unha segunda manipulación é a de «territorios ocupados». Coma se antes da ocupación, o terrorismo árabe non se tivera ufanado de matar xudeus. A vociferada ocupación ocorreu en 1967, mais a OLP de Arafat fora creada en 1964 (nos cálculos europeos, foi para liberar os territorios que serían ocupados tres anos despois). En 1965, os delegados soviéticos nas Nacións Unidas, non só se opuxeron a que a Declaración dos Dereitos Humanos incluíse a condena da xudeofobia, senón que propuxeron que o texto condenase como crimes raciais «o sionismo, o nazismo e o neonazismo» (nesa orde). Así, houbo un único movemento nacional (o xudeu) ao que se lle atribuían os fins diabólicos da conquista planetaria, e non o seu único obxectivo: asegurar a súa patria renacida para o pobo xudeu perseguido. A mitoloxía xudeofóbica transformaba ao sionismo nun insulto, como previamente fixera co xudeu individual. Debe de haber no dicionario algunha voz para definir tanta cega obsesión. En lugar de provocar a agresión palestina por medio de perdoala, Europa podería facer unha contribución inmensa á paz.
Só se os seus gobernos se concentraran un pouco en demandar o fin da incitación nas escolas árabes ou censurasen o terrorismo (todo terrorismo, tamén o que mata xudeus). Se se preocupasen por rematar coa violencia irracional que veu a suplantar as negociacións (lembramos que ate o día de hoxe Israel nin sequera figura nos mapas dos árabes, que os nenos palestinos estudan en clase que Israel debe ser destruído, e que se lles ofrece como modelo a imitar, non ao médico ou ao home de ben, senón a quen se suicida facendo estourar unha bomba nun bus de pasaxeiros xudeus). Se, finalmente, investise un pouco na democratización dos Estados árabes. Eses pasos constituirían un avance concreto cara á paz; son o quid da cuestión. Mais Europa ten outras prioridades.
Comentarios