A ESQUERDA E A YIHAD


Por Fred Halliday, profesor de Relacións Internacionais na London School of Economics e no Institut Barcelona d´Estudis Internacionals. É autor de “O islam e o mito do enfrontamento” (Bellaterra, 2005).

Nos últimos anos, e especialmente desde que Estados Unidos invadiu Irak, en marzo de 2003, víronse en todo o mundo sinales dunha convergencia crecente entre as forzas da militancia islamista e a esquerda antiimperialista. Aparte dunha simpatía moi estendida -aínda que normalmente non expresada- cara aos atentados do 11-S, xustificada porque “os americanos merecíano”, desde 2003 vimos unha coincidencia explícita de políticas e un sólido apoio a la resistencia iraquí -na que hai fortes elementos islamistas- e, máis recentemente e de xeito aínda máis explícito, ao Hezbollah libanés. Hai pouco, uns manifestantes radicais vascos marcharon precedidos por un militante que ondeaba unha bandeira de Hezbollah. Ademais, como a maioría dos que se opuxeron á invasión de Iraq en 2003 tamén se opuxeron á invasión de Afganistán en 2001, existe así mesmo, recoñecida ou non, unha actitude de apoio aos grupos armados antioccidentais, é dicir, talibáns, que están actuando en Afganistán.

Ao mesmo tempo, algúns políticos de extrema esquerda en Europa trataron de facer causa común con representantes dos partidos islamícos en temas relacionados co antiimperialismo e a exclusión social en Occidente. Un exemplo é a acollida dada pola esquerda británica -incluído o alcalde de Londres- ao líder dos Irmáns Musulmáns, o jeque Yusuf al Qaradaui. E máis importantes aínda que o apoio aos grupos guerrilleiros islamistas, por suposto, son as alianzas entre Estados: Irán conta cada vez máis co apoio de Venezuela. Chávez foi a Teherán un mínimo de cinco veces. Atopámonos, quizais de xeito incipiente, ante unha nova fronte unida internacional. O certo é que este asunto da relación entre a esquerda radical e o islam político ten unha longa historia que debería facer reflexionar a quen trata hoxe de formar unha alianza, aínda que sexa “táctica”, cos movementos e Estados islámicos. Xa o intentaron os primeiros bolcheviques: ante o bloqueo da revolución proletaria en Europa logo de 1917, volveron a mirada cara ás forzas antiimperialistas e, ás veces, islámicas que actuaban naquela época en Asia. O primeiro país do mundo que recoñeceu a Revolución Bolchevique foi o reino de Afganistán, en pleno conflito cos británicos. Desde aquel momento, Lenin recomendou que a Rusia soviética prestase sempre “especial atención” ás necesidades do pobo afgano, un consello que ía ter consecuencias irónicas pero históricas en 1979. Ate nos anos posteriores a 1945, os estrategas soviéticos tentaron topar un contido “democrático nacional” no islam e interpretar o seu énfase na igualdade, a caridade, o reparto da propiedade e, non menos importante, a loita -é dicir, a yihad-, como formas primitivas de comunismo. Aínda que en Moscú algúns orientalistas describían ao profeta Mahoma como un axente do capitalismo comercial, outros autores marxistas, sobre todo o especialista francés Maxime Rodinson, trazaron unha imaxe máis positiva, aínda que este último recoñeceu posteriormente que a súa admiración por Mahoma derivaba, en parte, das similitudes que vía entre el e Stalin.

Con todo, esta simpatía e esta procura de alianzas tácticas ficaron eclipsadas durante moito tempo por outra tendencia, a do enfrontamento e a loita entre o comunismo e o socialismo, por unha banda, e o islamismo organizado por outro. Nos anos vinte e trinta, os bolcheviques topáronse cunha inmensa oposición relixiosa e tribal en Asia Central e trataron de destruír as bases sociais da relixión organizada, fundamentalmente mediante a emancipación das mulleres, ás que, naquel contexto social, vían como un sucedáneo de proletariado. Como presaxio da guerra fría, a insurrección fascista en España, que acababa de vivir as súas guerras coloniais en Marrocos, reclutou a decenas de miles de soldados árabes para a Guerra Civil, co argumento de que o catolicismo e o islam recibían o mesmo trato por parte das forzas impías da República.

A partir dos anos cincuenta e sesenta, a situación empezou claramente a mudar. No mundo árabe, fronte ao ascenso do nacionalismo laico -sobre todo o nacionalismo árabe de Exipto-, Occidente e varios Estados conservadores como Arabia Saudita recorreron á relixión, denunciaron o comunismo como un invento dos xudeus e criticaron o socialismo por promover o ateísmo e a loita de clases. En 1965, Arabia Saudita creou a súa propia organización internacional en contra dos socialistas, a Liga Islámica Mundial, a través da cal financiaba e guiaba a grupos de todo o mundo; a Liga segue en activo, sobre todo entre os inmigrantes musulmáns en Europa occidental, e mantén aberto -cousa talvez sintomática- un gran edificio no centro de Bruxelas. En Exipto, o enfrontamento entre os Irmáns Musulmáns e o réxime nasserista foi en aumento, e o seu líder, Sayyid Qutb -posteriormente, a inspiración intelectual de Osama Bin Laden-, morreu executado en 1966.

Varios países de Oriente Próximo utilizaron a oposición crecente entre a esquerda laica e as forzas islamistas no contexto da guerra fría. Por exemplo, en Turquía, o exército promoveu a grupos islámicos contra a extrema esquerda nos anos setenta. En Siria, os opositores ao réxime baazista fomentaron un levantamiento dos Irmáns Musulmáns en 1982. Ate incluso en Israel, nos anos setenta, as autoridades de ocupación, decididas a debilitar as institucións laicas da Al Fatah, permitiron que varios grupos islámicos, que máis tarde se converteron en Hamás, abrisen centros educativos e universidades e recibisen fondos da Liga Islámica Mundial.

Esta movilización do islam contra a esquerda resultou evidente, sobre todo, en tres países. En Sudán, a chegada ao poder en 1989 da Fronte Islámica Nacional -unha póla afastada dos Irmáns Musulmáns- representou o recurso xeneralizado ao cárcere, a tortura e a execución contra os opositores laicos e de esquerdas. O FIN seguía o modelo de partido leninista e pretendía, ademais de esmagar aos comunistas en Sudán, levar a cabo a política revolucionaria de exportar o seu modelo a Exipto, Túnez, Alxelia e Eritrea, entre outros lugares. Nesta tarefa contou coa axuda, entre 1990 e 1996, dun distinguido hóspede internacionalista, Osama Bin Laden. Aínda maior foi a represión en Indonesia en 1965, cando o exército volveuse en contra do Partido Comunista, naquel entón o máis numeroso fóra dos países do bloque comunista. Os grupos islámicos uniron as súas forzas ás do exército e outros grupos interesados en arranxar contas locais e, nunha serie de matanzas cometidas en Java e outras illas, asasinaron a un millón de persoas.

A alianza máis espectacular e con máis consecuencias entre Occidente e o islamismo foi, está claro, a que se produciu en Afganistán. Na maior operación secreta levada a cabo pola CIA, Estados Unidos, con axuda de Arabia Saudita e Pakistán, traballou ao longo dos anos oitenta para mobilizar ás forzas islamistas en contra do Goberno do Partido Democrático Popular e as forzas soviéticas que acudiron no seu auxilio en decembro de 1979. Foi en Afganistán onde Bin Laden organizou o seu exército de combatentes yihadistas procedentes de todo o mundo e onde elaborou a ideoloxía de loita internacional que cristalizó o 11 de setembro de 2001. Non parece que aos que apoiaban aos islamistas afganos nos anos oitenta lles preocuparan as consecuencias posteriores dos seus actos. E, con todo, a guerra afgana foi ao mundo do século XXI o que a Guerra Civil española á II Guerra Mundial, a cociña do diaño na que se prepararon por primeira vez todos os caldos que despois envelenaron ao mundo.

A esta historia da yihad contra a esquerda, ao longo de moitos decenios, hai que engadir outra cousa máis, as enormes diferenzas que deberían separar calquera programa imaxinábel da esquerda radical dos grupos islámicos. Os dereitos da muller, o secularismo, a liberdade de expresión, son temas nos que estas dúas correntes políticas opóñense radicalmente. Como deberían oporse en relación con outro aspecto, que é a falta absoluta, no programa islamista, de calquera internacionalismo de inclusión; pola contra, ao mesmo tempo que fan os seus chamamentos á comunidade dos musulmáns, os islamistas -tanto Al Qaeda como Hezbollah- desprenden veleno e un chovinismo implacábel respecto dos cristiáns, os xudeus e ate os musulmáns que non sexan da súa mesma seita. Seguramente, quen desde a esquerda se alía hoxe cos islamistas faino remitíndose a certo concepto de falsa conciencia. Pero está por ver que conciencia é a máis equivocada.

Comentarios