A UNIÓN EUROPEA, NA HORA DO LÍBANO

Homenaxe de Pasqual Maragall ás vitimas do Holocausto durante a súa estadía en Israel


POR PASQUAL MARAGALL

O conflito do Líbano converteuse sen dúbida no acontecemento máis importante e transcendente deste verán, por encima mesmo dalgúns dos nosos apremantes problemas máis próximos. Desde esta esquina do Mediterráneo vivémolo con preocupación e angustia crecentes. Hoxe, após as interminábeis semanas en que só falaron as armas, o alto o fogo alcanzado constitúe unha pequena esperanza entre tanta inxustiza e sufrimento causados pola guerra.

Por destino e por vocación, todo o que acontece en Medio Oriente interésanos e aféctanos. Desde a nosa inequívoca identidade mediterránea, ficamos comprometidos firmemente coa causa da paz e a cooperación entre os veciños das dúas beiras do Mediterráneo.

Precisamente este compromiso euromediterráneo é o que nos fai máis conscientes da complexidade da situación de Medio Oriente. E o que nos leva a rexeitar as visións simplistas e maniqueas que non fan outra cousa que alimentar o conflito. Estamos predispostos a entender as razóns, os temores e os anhelos dos diversos actores do drama. As dun Estado de Israel que ten o lexítimo dereito a existir e a defenderse das agresións. As dun pobo palestino que ten dereito a crear o seu propio Estado. As do Líbano que ten dereito a dotarse dun Estado que organice a convivencia das súas diversas comunidades sen inxerencia estranxeira. A dos países árabes que teñen dereito a desenvolverse nun contexto de paz e seguridade.

E máis alá, mesmo estamos predispostos a escoitar as razóns dos movementos islamistas que -agrade ou non- forman parte do problema e por conseguinte terán que formar parte da solución. Posibelmente este recoñecemento elemental sexa unha condición necesaria para facer posíbel o abandono da violencia. Estados, Estados en precario, movementos político-relixiosos, milicias armadas... son a expresión da complexidade dun conflito que -como explica Joschka Fischer no seu recente libro O retorno da historia- desenvólvese simultaneamente en tres planos: o nacional, o rexional e o relixioso.

A conciliación de todos estes dereitos e intereses é a obriga formalmente asumida por Nacións Unidas. Así o veu facendo coas sucesivas resolucións do Consello de Seguridade sobre Medio Oriente desde 1947 ate hoxe mesmo. É o camiño que vai da resolución 181 -pola que se abre a porta a un Estado xudeu e a un Estado palestino- á resolución 1701 -que arbitra o alto o fogo no Líbano-. Entre ambas as dúas, se sucederon as resolucións que foron perfilando a fórmula para resolver o conflito árabe-israelí: o pleno recoñecemento do Estado de Israel e a creación dun Estado palestino coas fronteiras anteriores a 1967.

Nada de todo isto é novo. Os esforzos por se aproximar á paz en Palestina son o máis parecido aos traballos de Sísifo: un eterno volver a comezar. Pero este é o único camiño ante unha alternativa peor: o da resignación a unha guerra infinita, que é o que parece predicarse nos círculos neoconservadores. Crear as condicións para o cumprimento efectivo das resolucións de Nacións Unidas sobre Medio Oriente é responsabilidade de todos os actores que teñen un peso real no escenario mundial. Esta era a intención do denominado cuarteto composto por Estados Unidos, Rusia, a Unión Europea e a propia Organización de Nacións Unidas, coa súa folla de ruta para avanzar para cara a paz.

Das dificultades actuáis en levar adiante dita iniciativa xorde precisamente a convición de que Europa debe e pode ser un actor moito máis importante implicado na resolución do conflito de Medio Oriente. Entre outras razóns porque -a diferenza de Estados Unidos- o futuro dunha Unión Europea próspera e en paz depende en boa medida dunha evolución pacífica de toda a rexión do Oriente Próximo e Medio. Por iso témonos que felicitar da rápida reacción da Unión Europea para intervir no Líbano sob o mandato de Nacións Unidas. Resumiuno perfectamente Javier Solana: sen a forza de intervención da ONU non haberá paz, pero sen Europa non habería forza de intervención de Nacións Unidas. Esta vez podemos afirmar que Europa non chegou tarde como sucedeu en Bosnia e en Kósovo. A rápida decisión europea debe moito á determinación mostrada polo Goberno de Romano Prodi, que rematou por arrastar a unha Francia reticente ante as grandes dificultades da empresa.

Non menor foi a determinación amosada polo Goberno español, coherente coa orientación da nosa súa política en Medio Oriente, baseada nalgúns puntos incuestionábeis. O apoio ao proceso de paz entre palestinos e israelís, sobre a base da existencia de dous Estados soberanos e viábeis que convivan en paz dentro de fronteiras seguras e recoñecidas; o impulso ás relacións bilaterais con Israel; a contribución activa á modernización das estruturas de goberno da Autoridade Nacional Palestina; a contribución á pacificación e á reconstrución civil de Iraq; o diálogo político constante con Exipto e Xordania; o apoio -hoxe con máis razón que nunca- aos esforzos do Líbano para consolidar a súa independencia; e o recoñecemento da importancia das relacións con Siria para garantir este proceso coa súa retirada do Líbano. Sen esquecer a implicación para atopar vías de diálogo no difícil contencioso nuclear entre a republica islámica de Irán e a comunidade internacional.

Porén, non pode agocharse o risco que asume a Unión Europea ao aceptar o compromiso de defender a Israel de novas agresions terroristas e ao mesmo tempo de garantir a plena soberanía do Líbano. A delicadísima cuestión do desarmamento de Hezbollah parece ser a pedra de toque desta misión. Cuestión sobre a que Nacións Unidas busca unha fórmula satisfactoria para todas as partes e que probabelmente se resolva máis pola propia evolución do proceso político libanés que como resultado dunha condición previa e executábel a curto prazo. Sexa como sexa, hai que asumir o risco que comporta o noso reafirmado compromiso euromediterráneo. É tamén o risco asociado á vontade de Europa de ser un actor eficaz e recoñecido na escena internacional. É, en definitiva, o risco que afrontamos para devolver a Nacións Unidas o seu papel de garante multilateral da paz, unha vez constatado o fracaso do unilateralismo norteamericano en Iraq.

E é evidente que non abonda coa intervención militar para facer factíbel e duradeiro o alto o fogo no Líbano. Javier Solana advirte de que non podemos cometer a inxenuidade de pensar que podemos tentar arranxar o conflito de Oriente Próximo con intervencións parciais: ou resólvese o conflito entre israelís e palestinos ou continuará a guerra infinita. Dende a convición xeralmente compartida de que o conflito non ten solución militar, é preciso volver a pór en pé a folla de rota, cunha implicación europea moito máis decidida e coa vontade de contemplar globalmente o problema.

En resumo, tres liñas de acción:

- Pleno apoio á decisión da Unión Europea de se implicar activamente na Forza de Intervención de Nacións Unidas no Líbano para asegurar o alto o fogo permanente entre Israel e Hezbollah.
- Acentuar o compromiso da Unión Europea en Oriente Próximo, coa cooperación ao desenvolvemento, coa revitalización da folla de ruta do cuarteto e coa presenza no territorio axudando á viabilidade do Estado palestino.
- Potenciar a política mediterránea da Unión Europea, cuns aliados ben decididos como a Italia de Romano Prodi.

Pasqual Maragall é presidente da Generalitat de Catalunya.

Comentarios