FELIZ ANINOVO 5767

Por Moncho Iglesias Míguez.

As tradicións están marcadas e repítense en todas as familias. É habitual desexar un shana tová umetuká (feliz e doce ano novo) cando se saúda e os máis relixiosos engaden o anhelo de que a outra persoa sexa inscrita no libro da vida. Isto é así porque este día ábrense tres libros: un para os xustos e honrados, un para os malos e outro para o resto da xente. Mentres eses que se portaron peor quedan inmediatamente rexistrados no libro da morte, a xente regular queda en suspensión ata Yom Kippur (Día do perdón), dez días máis tarde.Como todas as festividades xudías, a cerimonia comeza co ocaso, marcado polo son de sirenas que se escoitan en todo o país, e o alumeado de candeas. Servindo de preparación para esa última velada do ano, percórrense as sinagogas, a noite anterior, lendo os textos sagrados e compartindo vixilia. O día propio, que, de acordo a certas leis relixiosas, nunca pode cadrar domingo, mércores ou xoves, séguense certas regras transmitidas xeración tras xeración. Neste sentido, as roupas negras, vestidas polos máis relixiosos durante todo ano, múdanse por prendas claras e mantos brancos. Ao mesmo tempo, as comidas sempre inclúen certos alimentos, todos elos simbolizando a data que se venera.
Mazás bañadas en mel, mostra da esperanza dun ano doce; granada, posto que crese que a froita contén 613 grans, o número exacto de preceptos que ha cumprir un bo xudeu; un peixe ao que se lle poda comer a cabeza, para que o ano comece ben e sega así ata o final, e para que esteamos sempre á cabeza de todo; e outros pratos propios de cada unha das culturas que congrega a relixión xudía enchen mesas regadas de viño e rezos para cada un dos manxares. Mais hai un alimento que debe evitarse: os froitos secos. Amais de producir flegmas e facer así máis difícil o recitado dos rezos do día, o valor numérico da palabra en hebreo, egoz, é o mesmo que pecado, heta.Familias enteiras unidas ao redor das Escrituras Sagradas lembran os ditados da súa fe, facendo coincidir a xudeus e musulmáns no silencio de acordos espirituais que só separa o home. Para ambos empeza un período de reflexión no que preocupan os pecados cometidos durante o ano e se intenta meditar sobre eles para non repetilos.
Así pois: shalom aleinu u-al kol a-olam, que a paz sexa connosco e con todo o mundo.
Moncho Iglesias Míguez
Publicado en VIEIROS www.vieiros.com

Comentarios