CULPABILIZAR A ISRAEL É MOITO MÁIS DOADO.

Por Pedro Gómez-Valadés
Falar do conflito no Oriente Medio. Falar de Israel e Palestina. Non debera ser para ninguén que queira afrontar o tema de verdade con rigor, doado. Desde logo para min non o é en absoluto. Porque son consciente de estar a falar aquí, desde a comodidade do meu computador, dunha realidade na que hai centos de mortos polas dúas bandas. Non é para min doado sinceramente falar sen medo a dicir parvadas, do que para moitos é o día a día de sangue e medos. Mais co voso permiso tratarei de debuxar algunhas claves da miña visión do conflito.

É evidente que este sangrante conflito herdado do século XX, non semella vai ter no futuro inmediato unha resolución que faga posíbel a paz. A merecida como en poucos lugares da Terra, paz para os homes e mulleres, sexan israelís ou palestinos que queiran ou non, terán que vivir e convivir xuntos. Xuntos como até agora en guerra, ou na desexábel paz. Os feitos que estes días colocan de novo en portada dos telexornais o conflito en Oriente Medio, a pouco que un faga un mínimo exercicio de obxectividade, son moito máis simples de recoñecer. Aínda que por suposto, os efectos non son nin serán por desgraza simples.Gaza: Una facción radical de Hamás comeza por declarar que se opón a Ismael Haniyeh, o seu primeiro ministro, cando este negocia co presidente da Autoridade Nacional Palestina un acordo que implica, máis o menos, o recoñecemento implícito de Israel. Dita facción decide emprender unha acción terrorista, e o pasado 25 de xuño, penetran en territorio israelí, fóra xa de Gaza, onde matan a varios soldados e secuestran a un. Conseguen de cheo o seu obxectivo. A partir dese intre, xa no é posíbel pensar en alcanzar un acordo. Eses fanáticos de Hamás sabían moi ben o que facían, provocar unha resposta de Israel nos territorios da franxa Gaza -que lembremos xa non tiñan presenza israelí- e, deste xeito sabotar as poucas posibilidades de reconducir a deriva cara o desastre que desde a vitoria electoral de Hamas, fan insoportábel o día a día do pobo palestino.Líbano: uns días despois, Hezbollah decide, casualmente o mesmo día que remataba un dos prazos dados a Irán polo seu affaire atómico, estrear uns novos mísiles capaces de chegar un pouco máis no corazón de Israel. E sen provocación previa e usurpando descaradamente o dereito único e soberano do Estado libanés de defender as súas fronteiras, penetran en territorio israelí e matan non só militares, senón civís. Hezbollah (Irán) sabía moi ben o que facía. Sabotaxe. A forza da reacción israelí con certeza non sorprendeu en absoluto a Hamás nin a Hezbollah. Os terríbeis acontecementos que hoxe estamos a vivir desde a nosa comodidade europea, son a mellor das situacións soñadas por Hamás e Hezbollah (Irán).
Palestina ten dereito á súa soberanía plena. Ten dereito a un estado propio con todas as condicións que iso implica. Israel ten non só o dereito de existir, senón que ten o dereito á súa seguranza. Israel como calquera estado ten o dereito soberano á autodefensa. Outra cousa e xulgar se o exercicio desa autodefensa é proporcionado ou desproporcionado. Pero teñamos en conta un factor que desde logo en Tel Aviv non é un factor menor, Israel é o único estado no mundo que non se pode permitir o luxo de perder unha guerra. A hipotética perda dunha guerra polo estado de Israel moi posibelmente conlevaría a súa desaparición.Palestinos e israelís fican condenados sen remisión a convivir. Canto antes as dúas partes asuman ao cento por cento isto, máis sairá gañando a poboación civil que como en todo conflito bélico é a que máis ten que perder. Estou certo de que se a resolución pasase só pola defensa dos intereses, dos dereitos de Israel e de Palestina, o problema ficaría seguro en vías de solución, se non estaría xa resolto desde hai moito tempo. Mais as cousas nese anaco de terra no Medio Oriente non tiña porque ser así. Cando en 1948 Israel declara a súa independencia co aval de Nacións Unidas, e constitúe o estado de Israel no 10% adxudicado a tal efecto pola ONU que deixaba o restante 90% do territorio daquela denominado Mandato Palestina, aos palestinos, no canto de proclamar o estado Palestino o que fixeron foi simplemente declarar a guerra a Israel. Siria, Iraq, Líbano, Exipto, Xordania, invaden a parte adxudicada en principio para o estado Palestino e na guerra que manteñen co nacente estado de Israel, contra os cálculos seguro dos estados agresores, Israel amplía as súas fronteiras a conta de parte do que tiña que ser o estado Palestino. Mais o groso das mesmas, dese 90% que a ONU adxudicara para o estado Palestino, foi simplemente anexionado, non por Israel, foino polos seus veciños árabes. Por que os estados árabes veciños, non constituíron o estado de Palestina? Podían perfectamente manter a reclamación dos territorios ocupados por Israel e ao tempo proclamar o estado de Palestina. Pero non, preferiron simplemente anexionarse a parte do pastel que cada un deles boamente puido ocupar e esquecer aos perdedores auténticos e traizoados polos seus propios irmáns árabes. Que diferente sería hoxe o panorama no Oriente Medio.Mais é evidente que a situación a día de hoxe é ben diferente da que puido ser. E o que hoxe estamos a vivir pouco ten que ver xa realmente coa orixe do problema. Na lexítima reclamación palestina mestúrase hoxe un factor que empeora non só a diagnose, se non o tratamento e desde logo, a posíbel “curación/resolución”. O integrismo islámico. A guerra que o fundamentalismo islámico mantén contra Israel está pensada para acabar co Estado hebreo a longo prazo e pola vía do desgaste. Para o integrista islámico, Israel non ten dereito á vida, e quen non ten dereito á vida non pode ser recoñecido como parte válida de ningunha negociación.

Esta lóxica xenocida afirma que quen non ten dereito á mesma existencia polo feito de "ser" non merece máis que a súa eliminación custe o que custe e a través de calquera medio. E se imos ás páxinas web de Hamas ou Hezbollah, pois iso é o que claramente e sen tapuxos podemos ler: os xudeus son a encarnación do mal, e Israel a peor das blasfemias que a un infiel se lle pode ocorrer: instalarse en terra sagrada do Islam. Cando o teu inimigo quedou definido neses concluíntes termos, a única vía de solución a este conflito é a violencia pura e dura.

Esa é a razón fundamental pola que este conflito desgrazadamente vai durar aínda moitos anos. Será afortunadamente case imposíbel ver a Israel claudicar e deixarse eliminar a mans dos teócratas do Corán. Pero tampouco a fixación relixiosa de quen se ve a si mesmo como xusticeiro de Alá cesará na súa loita a morte contra o "inimigo sionista". Quizais estou expondo este conflito na súa posición máis radical e extrema, pero, a xulgar polos feitos e as palabras, é nesa parte do espectro onde agora mesmo se xoga esta guerra. Desde logo, indiscutiblemente quen máis debe está interesado nunha paz negociada é Israel.

Proba diso foi a xenerosa oferta de Barak a Arafat nas negociacións de 2001 en Camp David, cando Israel cedía importantes cotas de poder ao nacente Estado palestino a cambio dunhas fronteiras recoñecidas, seguras e un acordo de paz permanente. Esta oferta consistía basicamente na devolución do 96% dos territorios ocupados, incluída a parte vella de Jerusalem coa excepción do barrio xudeu e o armenio, e máis de 30 billóns de dólares en compensación polos refuxiados. Desgrazadamente, a oferta foi rexeitada por Arafat e axiña comezou como resposta palestina a denominada segunda intifada. Por que se optou pola violencia e a intransixencia cando existía a posibilidade de comezar unha nova etapa baseada na negociación e a posta en marcha dun Estado palestino coas máximas garantías? Pois porque iso implicaba o recoñecemento real e pragmático do Estado de Israel, algo inaceptábel para o imaxinario radical árabe. Lembremos que xa antes Anuar el Sadat fora asasinado por este mesmo motivo. A valoración relixiosa islamista radical exclúe por principio o recoñecemento dun Estado infiel no medio do que eles consideran o seu territorio. Poderiamos falar da valoración relixiosa que fai o xudeu practicante de país, pero, por sorte para Israel, a pertenza relixiosa é unha opción máis entre outras.

O proxecto nacionalista xudeu é moito máis político que relixioso desde o seu nacemento. Na maioría dos países islámicos, pola contra, non existe a política como práctica independente dos ditados do Islam. Non existe sociedade civil artellada e capaz de neutralizar un poder relixioso que se erixe en norma e auténtica, cando non única, constitución destes países. Este é o obstáculo insalvábel na política palestina e árabe en xeral. Se até hai pouco podíamos ter algún optimismo ao respecto diso, a vitoria de Hamas e a reactivación da organización proiraní Hezbollah indican que o obstáculo segue sendo desgrazadamente o mesmo.

Esta é a razón fundamental ao meu ver, pola que non se avanza cara a unha paz permanente neste conflito. E honestamente non entendo por que parte da esquerda segue percibindo a Israel como a única parte culpábel do asunto. Que razóns hai que nos impidan ver ao inimigo como o que é e non como nós quixésemos que fose? Por que culpabilizamos por completo a Israel, en detrimento dunha análise máis xusta e imparcial que inclúa, aínda que sexa un mínimo de culpabilidade árabe e palestina? É realmente obxectiva a postura de adxudicar a Israel o cento por cento da responsabilidade, e xa que logo, da culpabilidade da non resolución do conflito? De nada serven as manifestacións pacifistas ou contra "a guerra" en abstracto se só se trata daquelas guerras ou conflitos que nos interesan por razóns ideolóxicas. Non fai falta revisitar o caso da vella Iugoslavia, sen ir máis lonxe, alguén dixo algo (alén Carlos Taibo) a propósito do drama en Chechenia?. Logo Putin esixe cinicamente a Israel contención, Como a súa en Grozni por exemplo?

Non pretendo desviar a atención, en absoluto. Israel ten a súa parte de responsabilidade, mais na miña opinión a parte árabe tamén ten a súa e non vexo a case ninguén mencionala. Para gran parte da "conciencia" europea Israel é culpábel faga o que faga coincidindo así plenamente cos seus inimigos viscerais que só desexan ver o Estado hebreo desaparecer no Mediterraneo. Se ataca selectivamente cúlpaselle de asasinato arbitrario e condenábel, se envía comandos de acción puntual serían tamén cualificadas de accións asasinas. A idea fundamental é que Israel non ten dereito a ningunha defensa, a ningún exército. Un país definido a priori como usurpador e imperialista é evidente que só se desexa a súa rendición sen concesións e canto antes. Podería Israel defenderse dos ataques de Hezbollah utilizando outras tácticas máis efectivas e con menos mortes civís? Ese si pode ser un tema de discusión válido e até razoable. pero para entrar neste punto de debate máis equilibrado e obxectivo habería que comezar a considerar a Israel con voz propia, con dereitos inalienábeis como nación.

Poderiamos persuadir a Irán e Siria de que asumisen a negociación con Israel previo recoñecemento do seu lexítimo dereito a existir? Como? Poderiamos persuadir a Hamas do mesmo? Desde logo, se a nosa única solución ao conflito é culpabilizar a Israel e vitimizar ao palestino ou ao árabe nun plano de idealización en ocasións delirante, entón este conflito non terá máis solución que o desgaste constante e a destrución violenta dun dos adversarios. É iso o que gran parte da esquerda europea no fondo desexa?Os acordos baséanse na realidade. Guste ou non guste. E a realidade é que o estado de Israel está no taboleiro e coa lexítima pretensión de ficar. Tería sido posíbel algún acordo se o IRA e o goberno británico mantivesen inamovibles as súas esixencias de máximos?. Unha e outra parte deberon asumir o principio da realidade. E desa asunción naceron os Acordos do Venres Santo que con máis ou menos fortuna, acadaron para o Ulster un tempo novo no que o diálogo calou as armas. Oxalá no conflito de Oriente Medio as partes asumisen a realidade como punto de partida. Mais recoñezo que non son nada optimista ao respecto. Dubido que o fascismo islámico teña ningunha intención de camiñar por esta vía.
Pedro Gómez-Valadés

Comentarios