Por Adolfo García Ortega
Europa, e sobre todo o estado español, volve caer na trampa do maniqueísmo, á hora de analizar a escalada de violencia en Oriente Próximo. Volve verse aos palestinos como unha permanente vítima, e só como vítima. E ese vitimismo utilízase, tal como desexan os seus mullidores, como escusa e argumento contra Israel, estado incómodo onde os haxa para gran parte de Occidente porque lembra, unha e outra vez, as históricas e constantes emanacións do antisemitismo europeo, este moito máis cómodo -irresponsábel inconsciencia!- coa ideoloxía perniciosa que supón xa unha seria ameaza aos nosos valores: o islamismo sutilmente dominante.
Israel foi atacado e chantaxeado. Por desgraza non é novo: leva anos obrigado a defenderse. Leva anos tendo que xustificar a súa existencia, unha existencia lexítima e lexitimada. Leva anos hostigado, e por iso obrigado a executar políticas duras, ás veces durísimas, porque o contrario, o diálogo e o trato igualitario cos palestinos, os seus representantes e o mundo árabe en xeral, incluído Irán, que non é árabe, demostrouse inviábel. É absolutamente certo que unha política non-defensiva por parte israelí equivalería á súa desaparición como estado. Mais en todo caso, só Israel foi capaz de facer concesións e de dar pasos unilaterais cara á solución, como a saída de Gaza, por exemplo. Na curta historia de Israel -historia que ninguén, neste momento, pode garantir que chegue a cumprir un século, salvo que os israelís mesmos asuman, como fan, o seu propio destino, custe o que custe-, eses pasos de diálogo cos palestinos só serviron para o engano, o vitimismo, o incremento do acoso e a hipocrisía política por parte árabe. Os palestinos e os árabes en xeral, desde a independencia de Israel, tomaron a substitución, e non só metafórico, do aparentemente periclitado nazismo alemán e centroeuropeo. Esta herdanza é a base de todo o conflito actual.
Cando analizamos o que sucede estes días en Israel, en Gaza, no sur do Líbano, moitos intelectuais e políticos, e moitos cidadáns, esquecen que hai detrás longos anos de paciencia incontenible por parte de Israel. Certo que houbo moitos actos israelís, moitisimos talvez, que causaron desolación, horror, morte e destrución. E non é fácil xustificalos pola razón, e menos polo corazón, pero á hora de xulgalos hai que aplicar un pensamento desprexuizado, algo que nunca aplica Europa ou gran parte dela (e menos o mundo árabe e musulmán, sumido todo el, absolutamente todo el, na tiranía máis retrógrada), para poder entender que a política forte á que se ve abocado ás veces o Estado israelí é a salvación de Israel, porque ninguén vai dar a cara por Israel na Historia que vén, como ninguén a deu no pasado.
Cando chegou ao poder Hamás xa se sabía que aplicaría o único criterio moral e político que o sostén: a destrución de Israel, aínda a costa do sacrificio e o sufrimento do propio pobo palestino, empobrecido, entre outros, polos seus dirixentes e as súas milicias fanáticas. Como senón se pode entender a mentalidade do atentado suicida, da morte como principio sacralizado e universal, da utilización da poboación civil como permanente escudo humano dos terroristas palestinos, hoxe no Goberno? Seica alguén se parou a pensar que a manipulación dos mortos e feridos civís palestinos procede dunha premeditada -e demoledora- estratexia, con Irán e Hezbolá á cabeza, para xerar ese vitimismo que tanto satisfai ás conciencias europeas e permítelles seguir facendo o xogo dos que desexan a desaparición de Israel? Certo que Israel xa non ten contemplacións con esas taimadas argucias de Hamás ou Hezbolá, porque diso depende o seu futuro máis que nunca, pero avisou. Advertiuno desde que no Goberno está Hamás, cuxo programa fundacional, como ben explicou Daniel Jonah Goldhagen nun magnífico artigo publicado no xornal EL PAÍS (9-2-2006), é un hiperdesenvolvemento da ideoloxía nazi.
Os maiores inimigos do pobo palestino ou libanés son Hamás, Hezbolá e os seus patrocinadores, especialmente Siria ou Irán, un país este último dirixido por unha casta sacerdotal, inimiga dos valores de xustiza, igualdade e solidariedade que a democracia laica representa (ou sexa, nós), e gobernado polo maior tolo que dará o futuro inmediato, Mahmud Ahmadineyad, e a quen Europa non soubo parar os pés (nin o fará) até que cometa a tropelía que vese ve vir: unha orquestrada acción de provocación a Israel para que o conflito se xeneralize cara a países que permitan xustificar a intervención nuclear de Irán na rexión. Pero non vemos que isto é o que xa fixo Hitler? Aínda que a moitos non lles guste, o único camiño para a nosa supervivencia é entender dunha vez por todas que Israel somos nós, ou boa parte de nós, e a súa existencia é garantía da nosa existencia. Os que falan de xenocidio cunha desfachatez ignorante deberían apuntar os seus dardos cara aos asasinos dos seus propios pobos: Irán, Hamás, Siria. O noso inimigo común é Hezbolá, como o é Al.-Qaeda. E o futuro que chega cada día, dio máis alto e máis claro.
EL PAIS – 02.08.06
Comentarios