Por Pilar Rahola
www.pilarraohola.org
"Entendo que nos queiran borrar do mapa, pero non pretendan que cooperemos con vostedes para lograr ese obxectivo". O feito de que esta vella frase, dunha cáustica Golda Meir aos dirixentes palestinos, sexa tan vixente na actualidade dános a medida da traxedia que sofre Terra Santa desde hai décadas.
En realidade, esa mesma frase xace na drástica decisión militar que tomou o Goberno israelí, e que o volveu a pór baixo o punto de mira -e de ira- planetario: a necesidade de frear o permanente intento de destrución de Israel. Como dicía recentemente o profesor Joan B. Culla, ante a incursión militar do Tsahal na franxa de Gaza caben múltiples reaccións e algunhas teñen un sentido crítico xusto. Pero como abundan as reaccións histéricas, carentes de calquera indicio de reflexión serena, estritamente baseadas no maniqueísmo e o prexuízo, será necesario facerse algunhas preguntas ao albur dos feitos. Escribíao hai pouco o xornalista Ari Shavit en Haaretz:"A operación Chumbo Fundido é unha operación xusta. E é, tamén, unha operación tráxica". Discrepo do termo "xusto" porque, como tamén dicía Golda Meir, "as guerras non nos gustan, nin cando as gañamos". Nunca pode considerarse xusta unha incursión militar que provoca decenas de mortos, aínda que teña como obxectivo a destrución do operativo militar de Hamas. Pero, pode considerarse inevitábel? Algúns intelectuais, como Amos Oz, xa alertaron de que a incursión en Gaza implicaría unha nova gran campaña contra Israel. Pero mesmo a esquerda israelí mantén unha posición moi morna respecto da incursión. Porque a decisión de atacar a Hamas chega despois dun tremendo cansazo da sociedade israelí, farta de non atopar ningunha saída nin ningunha esperanza. E farta de saber que o outro lado traballa incansablemente para destruíla. Vexamos, pois, as preguntas, dirixidas especialmente aos pancartistas que vociferan o seu odio a Israel polas rúas das nosas cidades, a maioría sospeitosos habituais, desde os convencidos da esquerda intolerante, sempre preparados a levantar o puño contra Israel, até os múltiples sectores do islamismo. Curioso, por certo, este pornográfico compadreo. Os que saen á rúa din facelo a favor da liberdade de Palestina. Ben, onde estiveron durante todos estes anos en que creceron fenómenos fundamentalistas que oprimían até o delirio aos propios palestinos? Hamas ten algo que ver coa liberdade, ou ten todo que ver co fascismo de corte islamita? A liberdade deféndese adestrando a nenos para o suicidio e escravizando a mulleres? A liberdade deféndea Irán, país que sostén economicamente a Hamas? É a liberdade o patrimonio dos terroristas de Hezbollah? Din, tamén, que saen á rúa por solidariedade. Ben. Solidarios con quen? Con Mahmud Abas, o presidente palestino, que foi menos crítico coa incursión que calquera pancartista europeo? Cos palestinos que non están de acordo co uso dos fondos de axuda a Palestina para armar exércitos e preparar atentados? Preguntáronse que ocorre con eses fondos? A solidariedade cos palestinos deféndese minimizando o terrorismo e perdoando as agresións de Hamas? Deféndese a paz levantando a líderes palestinos que non cren nela? É certo que, contra Israel, a esquerda intolerante vive mellor. E é certo tamén que, a realidades complexas, a masa vociferante prefire a simpleza dos malos e bos. Pero máis aló dos prexuízos, os feitos son túzaros. Israel retirouse de Gaza, deixando intactas as estruturas económicas que creara. Hamas destruíunas todas e aproveitou a retirada para volver preparar un exército de destrución. E centenares de mísiles despois continúa preparándose para iso. O silencio desa esquerda, hoxe tan iracunda, foi moi significativo. O que está a ocorrer en Gaza é tráxico. Pero non empezou coa incursión de Israel. E cargar todas as culpas contra Israel é cómodo e é simple, pero non serve de nada. Porqué o principal inimigo do pobo palestino palpita no seu interior.
Comentarios