Joaquín Balboa, a historia dun dos sobrevivintes do horror de Mautahusen



Joaquín Balboa foi un deses galegos antifascistas aos que lle tocou sufrir dobremente. Logo de vivir unha cruenta Guerra Civil e a represión franquista, fuxiu a Francia, onde tamén foi apresado polos nazis e acabou nun dos peores campos de concentración da época, o de Mauthausen, onde morreron centos de republicanos.

A Asociación Cultural Monterrei Cultura e Territorio quer renderlle, agora, homenaxe a este loitador antifascista natural de Estevesiños (Monterrei) cunhas Xornadas sobre ‘Exilio e Deportación’ que se desenvolverán na Casa da Cultura de Verín os días 2,3 e 4 de agosto.
Falamos con Heladio Anxo Fernández Manso, vogal da directiva e coordinador desta actividade, sobre a figura de Joaquín Balboa.

– Quen foi Joaquín Balboa?
Joaquín naceu en Estevesiños, concello de Monterrei, no ano 1908. Emigrou a Barcelona coa súa muller a finais dos anos vinte onde traballou como perruqueiro da Asociación de Cegos. Na guerra civil alistouse como carabinero nas brigadas mixtas do exército republicano.

– Como chegou a un campo da morte como Mautahusen?
Cando caeu Barcelona en mans dos franquistas fuxiu cara Francia coma outros 500.000 refuxiados, en febreiro de 1939. Estivo encerrado nos campos de concentración establecidos polo goberno francés, en Prats del Molló e na praia de Barcarés, nunhas condicións lamentables. En 1940 formaba parte da 209 Compañía de Traballadores, no departamento do Yonne, onde foi apresado polos alemáns en agosto dese mesmo ano. Pasou por varios stalags (campos para prisioneiros de guerra) ata recalar en Mauthausen, xunto a máis de 9.000 republicanos españois, en abril de 1941. Era un triángulo azul (apátrida) co número 3833. O réxime franquista, aliado dos nazis, consentiu que os rotspanier (roxos españois) fosen encerrados nos campos de exterminio.

– E cal foi a súa experiencia neste campo?
Joaquín sufriu coma todos os presos a fame, o frío, o maltrato e todas as penalidades propias dos campos nazis. Así e todo librouse do traballo na canteira e viu mitigado o seu sufrimento por seren barbeiro. Coma noutros moitos casos, ter un oficio foi un factor fundamental para saír vivo de Mauthausen. Ademais, en xullo de 1943 foi trasladado a un subcampo de Mauthausen, no sur de Austria, a granxa das SS no mosteiro de Sankt Lambrecht, onde as condicións eran mellores. Alí foi liberado polas tropas aliadas en maio de 1945.
Despois da liberación viviu en Francia ata 1949, ano no que regresou a Barcelona. Pertenceu a asociación Amicale de Mauthausen, e a principios dos anos 70 el e súa muller volveron a Estevesiños, onde faleceu en 1994. Antes, en 1989, o programa Enfoques da TVG levouno de novo ao campo para a rodaxe do documental ‘Mauthuasen, regreso ao campo da morte’ dirixido por Manuel Torrente.

– Cres que a memoria dos represaliados na Guerra Civil, no franquismo ou nos campos nacis está xustamente recoñecida? 
O feito de que esteamos realizando esta homenaxe no 2016 significa que non se ten recoñecido a memoria dos represaliados. É unha vergonza que a democracia española non teña asumido sen paliativos a loita e o sufrimento das persoas que se enfrontaron ao fascismo, dentro e fóra de España. Non se trata de vinganza, senón de xustiza. Non se pode entender que se recoñeza e condene o sufrimento dos xudeus no holocausto e se oculte a presenza dos republicanos españois nos mesmos campos.

Que habería que facer, porque semella que non hai implicación dos poderes públicos?
Debería ser unha política de Estado, sen partidismos, por isto estamos especialmente contentos coa participación no evento do concello de Monterrei, gobernado polo PP, e tamén do concello de Verín, onde gobernan o PSOE e o BNG. É tamén fundamental que na escola se estude a represión dándolle a importancia que merece, porque unha sociedade democrática non pode basearse na ocultación nin no esquecemento. Polos represaliados e represaliadas, pero tamén por nós, porque é unha lección que non aprendemos, como amosa o que acontece hoxe cos refuxiados.

– Hai unha lei da Memoria Histórica, cres que se cumpre?
Non coñezo en detalle a lei, pero semella que non, como podemos comprobar coas polémicas que xera. É incrible que aínda haxa rúas ou prazas con nomes que homenaxean o fascismo.

- Por que unha homenaxe agora?
Un sobriño de Joaquín púxose en contacto con nós e pensamos que sería importante sacar a luz a figura de Joaquín, un veciño, unha persoa coma nós que tivo a desgraza de vivir un dos episodois máis aterrecedores da historia da humanidade. Cremos que a súa cercanía espacial e vital permite un maior e mellor coñecemento do acontecido porque é máis fácil sentir empatía, non é algo afastado da nosa realidade.

– E é un acto puntual ou ides seguir lembrando a súa figura?
A homenaxe inclúe unha exposición sobre o ‘Exilio e a Deportación’ que se vai poñer a disposición dos centros educativos e doutras institucións. Tamén pensamos continuar co páxina de facebook onde recollemos toda a información desde hai máis dun ano, non só de Joaquín Balboa, senón tamén de Antonio Pérez, de Albarellos (Boborás), membro da Resistencia no sur de Francia e deportado a Buchenwald. E por suposto colaboraremos e impulsaremos calquera actuación vinculada coa memoria histórica na comarca.

– Cal e o traballo que realizades desde a Asociación Cultural Monterrei Cultura e Territorio?
A Asociación naceu da Plataforma en Defensa do Castelo de Monterrei, polo o que a nosa actividade céntrase na defensa e difusión do Patrimonio e da cultura en xeral da comarca de Monterrei, pero fundamentalmente na recuperación do uso público do castelo, no que a Xunta construíu un hotel.

Comentarios