Galicia e o Xenocidio. Por Xosé Luís Méndez Ferrín


Por Xosé Luís Méndez Ferrín

Chamáronme a atención por escribir como Dainoff o apelido do médico de Ourense que un día fora o primeiro neno da cidade en ser chamado "bebé". Dainoff,cargando moito no efe xeminado, dicían a miña nai e Pilar Fernández-Barxa,a cal se criara na mesma casa da Praza Maior na que tiñan a clínica os dentistas rusos, que por certo non lle cobraban aos pacientes en má situación económica.

Dainoff era como se dicía e escribía en Ourense, pero, na realidade, el era Volodia Dainow, e o "w" que usaba debería lerse como labiodental sonora ao modo alemán.

A súa dona usaba o apelido de solteira e era Marie Dicker. Todo aparece moi ben explicado na bitácora ou blog, non sei, titulada, ao modo Luís Pimentel, "Diario de un médico de guardia". Autor: David Simón, Ourense. Os Dainow-Dicker, e os seus fillos, fuxiron de Galicia en xullo de 1936. Logo foron presos na Francia ocupada polos nazis e internados no campo de concentración de Drazy, exclusivo para xudeus franceses. Desde ese campo particular saían os infelices para outros de exterminio.

Na revista "La Lettre Sepharade", da que eu fun socio protector,lin a relación dos viaxeiros dun tren especial que saiu de París cargado de xudeus sefardíes franceses que ían legalmente a España, seguramente acollidos ao decreto de Primo de Rivera inspirado polo doutor Pulido.

Entre moitos apelidos sefardís eu atopei os apelidos askenizis, e yiddish, Dainow e Dicker. Os dentistas regresaban a Ourense seguramente confiando na súa condición de nacionalizados espariois. Ela,Marie, morreu en Irún e a el,Volodia, perdémoslle a pista.Outros xudeus residentes en Galicia desde había moito tempo sofreron cruel persecución en 1936. É ben coñecida a sorte adversa da familia Kuper de Vigo, e dela temos tratado no Faro.

En canto aos Sbarsky de Pontevedra, o horror acentúase. Abraham, o pai,vai parar á illa de San Simón. 0 seu fillo,Jacob, xulgado, xunto co dirixente galeguista Alexandre Bóveda, e, coma el, condenado a morte e fusilado na Caeira.

Para min sería moi importante que alguén escribise unha historia das persecucións e crimes cometidos en Galicia dos que foron vítimas xudeus nosos.

Comentarios