O boicot contra Israel


Por Abraham B. Yehoshúa, escritor israelí, impulsor do movemento da esquerda pacifista israelí "Paz Agora" (Shalom ajshav)

Haaretz - Jerusalen, 7 de Xullo de 2015

Nas últimas semanas estamos a ser testemuñas dun movemento a favor do boicot a Israel, xa sexa en relación con produtos manufacturados nas colonias xudías ou xa sexa mesmo cos producidos no propio Estado de Israel; ademais, pídese o cesamento de intercambios comerciais con empresas israelís. Por suposto, tamén está a haber boicot por parte de artistas, cantantes, directores de cinema e escritores que están a cancelar a súa visita a Israel á vez que participan en manifestacións contra Israel. A isto hai que sumar os actos de protesta de organizacións estudantís e de intelectuais de esquerda en Europa e en Estados Unidos, nas que participan obviamente palestinos e árabes musulmáns.

Ao principio, en Israel desprezaron os primeiros signos desa campaña prol boicot. É certo que xa nas décadas do cincuenta e sesenta, antes da guerra do Seis Días, cando Israel era pequeno e débil desde o punto de vista económico e político, todo os países árabes tentaron organizar un boicot xeral contra Israel, en especial, no sector económico, pero ese intento fracasou, sobre todo porque non tivo acollida nos países occidentais. Ademais, o recordo do Holocausto aínda era moi forte no consciente colectivo e Israel era considerada unha democracia xusta que loitaba pola súa existencia fronte a ditaduras árabes, onde a riqueza do país non se reflectía no benestar dos seus cidadáns.

Con todo, o boicot de agora é moi distinto. É verdade que Israel segue sendo a única democracia de Oriente Medio, pero a historia contemporánea ensinounos que unha democracia tamén pode invadir territorios e cometer abusos contra outros pobos, tal como, por exemplo, fixeron Francia en Alxeria ou Estados Unidos en Vietnam ou en Iraq. Por tanto, o carácter democrático de Israel non impide que actúe con crueldade cos palestinos e siga mantendo a un pobo baixo control militar e civil durante tantos anos. Así pois, o xurdimento deste boicot (parecido nalgúns sentidos ao que no seu momento houbo contra Sudáfrica) busca obrigar a Israel a cambiar a súa política e moi especialmente facer que deteña a construción de máis asentamentos no territorio palestino destinado a ser a base do seu futuro Estado.

No entanto, entre os que apoian este boicot tamén hai xente atónita ante o caos que nesta época alaga o mundo árabe; xente que recoñece o feito lamentable e deprimente de que, tras a retirada israelí da franxa de Gaza, Hamas non canalizou a súa política cara ao obxectivo de construír infraestruturas e orientar a economía para mellorar o benestar da poboación civil, senón que se dedicou a abastecerse de armamento co fin de atacar cidades israelís. Tamén comprenden que o apartheid de Sudáfrica non ten nada que ver coa situación de ocupación en Cisxordania. Os negros surafricanos non pretendían botar aos brancos, senón gozar dos mesmos dereitos civís.

En cambio, o conflito cos palestinos é moito máis complexo, xa que segue habendo bastantes palestinos que non recoñecen o dereito de Israel a existir.

A pesar disto, a inxustiza coa que o Estado de Israel está a actuar cos palestinos enerva non só aos que inimigos tradicionais de xudeus e israelís, senón tamén a aqueles que si recoñecen a lexitimidade de Israel. Por iso, ese constante roer, a través de asentamentos xudeus, o pequeno territorio cisxordano (un cuarto da Palestina anterior) debe pararse segundo moitos israelís e xudeus, e iso explica que o movemento a favor do boicot a Israel vaia gañando adeptos. Está claro que como en todo movemento popular sempre hai, xunto a quen realmente se preocupan polos dereitos dos palestinos, xente que en realidade son antisemitas pola vella e persoas que son radicais islamitas que o que negan simplemente é o dereito a existir do Estado de Israel. Por suposto, o Goberno de Israel aproveita este feito para condenar a actitude de todos os promotores do boicot. E mesmo aproba unha lei pola que un israelí que mostre o seu apoio a calquera boicot contra Israel pode ser levado a xuízo. No entanto, isto non impediu que miles de israelís expresasen o seu apoio a un boicot específico contra os produtos manufacturados nos asentamentos en territorio palestino.
É obvio que non se pode aplaudir que boicoteadores violentos entren nun supermercado de Europa e empecen a tirar produtos israelís. E tampouco resulta agradable que artistas estranxeiros se manifesten en contra da propia existencia do Estado de Israel. Pero, doutra banda, hai unha necesidade urxente de que a comunidade internacional presione a Israel para que deteña a construción de asentamentos en terras palestinas antes de que se inicien as complexas negociacións sobre un acordo israelo-palestino.

Se os gobernos europeos queren que cese este boicot popular e vergoñoso, deben presionar de verdade a Israel co fin de que pare a construción de máis asentamentos, porque este feito crearía por si só un ambiente positivo de cara a unha ansiada negociación que aplique a solución dos dous estados, solución que conta co consenso da comunidade internacional e do propio Goberno de Israel.

Comentarios