Os galegos nos campos de concentración nazis


Por Quico Paz Antón*

Un capítulo pouco investigado e pouco divulgado que resulta oportuno rescatar da memoria é aquel que protagonizou un numeroso continxente de cidadáns galegos que, entre 1940 e 1945, morreron nos campos de concentración nazis co beneplácito das autoridades franquistas.

Dos dous grupos en que se dividen os deportados a estes campos, os galegos pertencen na súa maior parte ao primeiro grupo no que estaban os republicanos que pasaron a Francia arredor de febreiro de 1939 diante da inminente caída de Barcelona. Ao comezar a II Guerra mundial foron integrados nas Compañías de Traballadores Estranxeiros e algúns enroláronse no exercito francés e mesmo na resistencia. Coa vitoria nazi en Francia foron conducidos a campos de prisioneiros de guerra e nos meses seguintes identificados pola Gestapo. En agosto de 1940 foron enviados a Mauthausen.

Os primeiros en chegar, o día 6, foron CARLOS ROMERO REBÓN de Ares, JOSÉ FIDALGO PÉREZ de Arzúa, FRANCISCO CAAMAÑO FERNANDEZ E JOSÉ MINGUEZ CASTRO da Pobra do Caramiñal, JESÚS ARIAS LÓPEZ de Sarria, JOSÉ MOSQUERA GONZÁLEZ de Ourense, VERISIMO RODRIGUEZ OLLERO de Paderne de Allariz ou SANTIAGO DURAN DURAN de Ribadavia.

Os datos coñecidos a día de hoxe cifran en 191 os compatriotas galegos deportados dos que faleceron 111, desapareceron 13 (seguramente mortos non rexistrados) e foron liberados 67 en 1945 coa fin da guerra.

O primeiro falecido foi RAMON DIAZ RIBAS de 54 anos, de Vilaxoán, concello de Vilagarcía de Arousa. Faleceu o 27-xaneiro-1941. O último en morrer foi ANTONIO GOMEZ TORRES o 17-febreiro-1945, tiña 30 anos e era da cidade de Pontevedra. O grande período de exterminio dos galegos nos campos nazis foi entre setembro de 1941 e marzo de 1942. Neses seis meses asasinaron a 76 dos 111 galegos mortos. Os campos de exterminio onde faleceron foron os de Mauthausen e os seus anexos de Hartheim (a 40 km) e sobre todo Gusen (a 5 km). En Hersbruck morreu MANUEL PARDO de Viveiro en 1944.

A morte da maior parte destes deportados corresponde a un período anterior ao exterminio por motivos raciais. Foi un asasinato por motivos estritamente políticos pero utilizando xa métodos de asasinatos en masa, cruelmente planificados seguindo a máxima do campo de Mauthausen: o exterminio mediante o traballo. Ademais a fame, o frío e as enfermidades. Sen embargo tamén se utilizaron as técnicas que logo serían reprobadas coma un dos maiores crimes contra a humanidade: os 18 mortos en Hartheim foron asasinados con gas, entre eles os cidadáns da cidade da Coruña FERNANDO BATALLA CAULE, ADRIANO CASTILLO SOUTELO, JUAN CLEMENTE GARCIA DE LA CRUZ, JUAN GONZALEZ DEL VALLE, JULIO MARTINEZ ARIAS, LUIS RAFALES LAMARCA, e outros veciños de Covas , Dumbría, A Pobra, Zas, Entrimo, Ourense, O Covelo, Pontevedra e Vigo.

Unha mención aparte debemos dedicar á responsabilidade do estado español que nada fixo polos deportados negándose Ramón Serrano Suñer, o Ministro de Asuntos Exteriores, a recoñecer a nacionalidade española dos galegos cautivos polo nazismo. Hoxe coñécese a circular de 25 de setembro de 1940 dirixida pola Gestapo a tódalas autoridades do III Reich na que se indica que os combatentes a favor da República caídos prisioneiros de Alemaña serían enviados aos campos de concentración e desprovistos do carácter de prisioneiros de guerra. Tamén é coñecida unha comunicación oficial dende a Embaixada española en Berlín datada en abril de 1941 informando do internamento de españois en Mauthausen dende agosto de 1940. Os entón responsables do Ministerio de Asuntos Exteriores limitáronse a escribir a man no documento: “no parece conveniente hacer nada a favor de los internados, archívese”. Escrito a man polo Director General de Europa, Pelayo Olay. En consecuencia, os galegos en Mauthausen, foron obrigados a levar o triángulo azul que distinguía aos apátridas do mesmo xeito que os demais presos procedentes doutras comunidades do estado español.

Dende logo resulta curioso este proceder de negar a nacionalidade española aos deportados por parte do réxime franquista que tanto empeño puxera en negar os estatutos catalán, vasco e galego do período republicano. Aos deportados de Cataluña, de Euskadi e aos galegos, o franquismo non só lles negou os seus dereitos nacionais. Tamén os desproveu da nacionalidade española.

O remate da II Guerra mundial trouxo a fin daquel horror para os que quedaban con vida, un de cada tres. O primeiro galego liberado foi MANUEL SANCHEZ JALDA de Vigo, o 15-abril-1945 en Bergen-Belsen, e despois, MIGUEL COLMENERO FERNÁNDEZ de Ribas de Sil. Entre o 3 e o 5 de maio viron a liberdade o resto dos presos que igual que os que quedaran alí mortos para sempre procedían dun amplo abano de localidades do país: Betanzos, Ferrol, a Pobra do Caramiñal, Ribeira, Sarria, Viveiro, Lugo, Castro Caldelas, Maceda, Entrimo, Ribadavia, Bueu, Pontevedra, Redondela, Vigo, Vilagarcía ou Vilanova de Arousa, por citar só algúns lugares de procedencia desta tráxica nómina.

Polas razóns expostas, consideramos que pagaba a pena falar uns minutos no Parlamento destes galegos que escribiron un capítulo heroico nos campos de concentración nazis e instar á Xunta de Galiza a lembrar a súa memoria, que sexan homenaxeados nas conmemoracións do Ano da Memoria e que o Goberno de Galiza promova a investigación histórica dos deportados galegos nos campos nazis.

*Quico Paz Antón é membro do grupo Na Lúa. Artigo publicado na revista ENCLAVE

Comentarios