“Os tempos converteron en impopular a manifestación aberta do odio aos xudeus. Sendo este o caso, o antisemita busca novas formas e foros onde poder instalar o seu veleno. Agora agóchao tras unha nova máscara. Agora non odia aos xudeus, só é antisionista!!”.
Martir Luther King na súa "Carta a un amigo antisionista" 1967.

sexta-feira, janeiro 27, 2012

Eu non estiven alí

Por Pedro Gómez-Valadés
Faro de Vigo - Atlántico - El Progreso e Galicia Confidencial

Un ano máis xurde entre a friaxe do calendario invernal un novo 27 de xaneiro. Un 27 que ate hai pouco máis de medio século era só a véspera do 28, como moito un modesto Santo Tomé de Aquino no calendario santoral católico ou simplemente, o vixesimoséptimo día do ano no calendario gregoriano. Mais todo iso mudou de xeito brutal e para sempre un 27 de xaneiro de 1945. Ese día, unidades da División número 100 do Exército Roxo, baixo o mando do xeneral Krasávina, entraron en Auschwitz-Birkenau e liberaron aos 2.819 prisioneiros que despois de 5 anos de masacre ficaban con vida. 2.819 testemuñas da infamia, 2.819 testemuñas do horror inexplicábel que asolou o corazón da vella e culta Europa, a nosa Europa, e que converteu para sempre a un vello e frío cuartel do Exército polaco no monumento funerario perenne de máis de millón e medio de seres humanos que desde aqueles días fican soterrados para sempre e como única tumba, no ceo. Tamén no noso ceo. No aire que serviulles como cadaleito despois de que o delirio xenocida os transformase nas cámaras de gas e nos fornos crematorios en parte do aire que agora e por sempre respiramos e respiraremos.
Igual que ese aire incoloro pero gris, acompañará por sempre a vida na Terra, a lembranza, o non esquecemento, a loita contra o devastador ruído do tempo que todo cala e silencia, ese aire, testemuño vital da morte, debe lembrarnos sempre, con cada bocanada que recollemos e expulsamos, que millóns de persoas morreron, foron asasinadas de xeito planificado e industrial durante esa longa noite de pedra que sacudiu as entrañas das Europas na metade do século pasado.
A pesar da distancia na terra e nos tempos. A pesar dos anos trascorridos, a pesar da lonxanía aparente da xeografía da barbarie nazi e da nosa terra finisterraica galega, hai centos de galegas e galegos que xa non están aquí mais que foron e serán por sempre irmáns de sangue dos millóns de xudeus asasinados.
Xosé Fernández Vázquez, o comandante Soutomaior, quen na súa fuxida do fascismo vitorioso en España, padeceu a prisión e a tortura en Auschwitz-Birkenau.
Marceliño Pardal Pouso, o derradeiro supervivente galego, deportado no campo de Mauthausen, e quen faleceu o 19 de abril de 2009.
As irmás Touza, Xulia, Lola e Amparo de Ribadavia que arriscaron a súa vida no máis fermoso xesto de salvar as de centos de xudeus e refuxiados que fuxindo da Europa ocupada e en guerra chegaban a través da rede humanitaria de salvamento que outro galego exemplar, o doutor vigués Eduardo Martínez Alonso, teceu desde os Pirineos ate a fronteira portuguesa e logo desde alí á liberdade e á vida.
E coma pequena homenaxe permitídeme mencionar só a catro galegos, catro. En representación dos centos mortos nos campos de exterminio nazis. O vigués Agustín Cameselle Fernández, morto no campo de Gusen. O ourensán Manuel Soutullo Iglesias, morto en Mauthausen. O lucense de Viveiro, Manuel Lamelas, morto en Mauthausen. O coruñés Xosé Albedro Vilaverde, morto en Mauthausen.
O ano 2005 Nacións Unidas con moitas décadas de retraso decidiu que desde aquela, todos os 27 de xaneiro serían enmarcados baixo o lema de "Recordemos hoxe e por sempre", na memoria pedagóxica para as xeneracións presentes e futuras do que nunca deberán esquecer. Porque nunca debe volver a suceder. Nunca debeu de suceder.
Eu non estiven alí. Ti, caro lector, tampouco. Mais non debemos ser cómplices por esquecemento ou omisión dun crime brutal que nunca con certeza conseguiremos entender na súa enorme dimensión. Eu non estiven alí. Mais precisamente por iso, eu non esquecerei xamais.

27 de xaneiro: Día Internacional de Recordo das Vítimas do Holocausto



27 de Xaneiro: "Día Internacional de Recordo das Vítimas do Holocausto"
Resolución 60/7 de Nacións Unidas
***
"Sei que a miña voz se perde no devastador ruído do tempo, agardo que as xeneracións vindeiras non nos esquezan" Violeta Friedman
***
Lembrar hoxe e por sempre
***
Asociación Galega de Amizade con Israel

quarta-feira, janeiro 25, 2012

Clima invernal en Israel

Conferencia en Vigo: "Vida e morte nos campos de Auschwitz"



Venres, 27
Día Internacional de recordo das vítimas do Holocausto
Conferencia-coloquio:
“Vida e morte nos campos de Auschwitz”
Interven:
Paz Moreno Feliu (catedrática de Antropoloxía Social na Universidade Nacional de Educación a Distancia)

Presenta: Xulio Picatoste (maxistrado da Audiencia Provincial de Pontevedra).
Lugar: Auditorio do Areal (rúa Areal, 46) en Vigo, á 8 da tarde.
Entrada libre
Organiza:
Club Faro de Vigo

terça-feira, janeiro 24, 2012

Orixes



Por Alfredo Conde

Publicado na revista "De Compostela a Ierushalaim" nº1

A miña tía avoa Raquel morreu con noventa e nove anos. Trátase dunha boa idade pra morrer. Hoxe tería uns cento trinta. A súa irmá Áurea, a Titá, pequeniña e miuda, aínda que de proporcións esveltas, tamén morreu sendo da mesma idade. Un día, pilléina correndo polo pasillo da casa. Pero, Titá, díxenlle, qué fas? Paróuse en seco. É verdade, respondéume, é que nunca me acordo de que teño noventa e nove anos, e claro. Logo sigueu andando a modo cara a cociña, que debía ser onde dirixira a súa aloucada e doméstica carreira. Por aquel entón aínda era quen de tocar o piano e poñerse a entonar cancións cunha voz apagada xa, si, pero aínda fermosa e e doce. Dalí a pouco, a Titá, empezou a dicir que cumprir cen anos era obsceno. Un día encamou, deixou de ter apetite e deixouse ir pra poder seguir sendo decente. Quíxena moito, á Tita. A Raquel non a quixen tanto. Meu pai, sobriño político dela, chamáballe A Sapa. Xa llo chamara o home da Titá, o tío Xan, ó que eu non coñecín. Víaselle que lle acaía.

O avó materno delas e máis da miña avoa Regina, tamén materna, fora escribano en Maceda antes de que os escribanos se volveran finos e comezaran a se chamar notarios. A tía Raquel contabame que, sendo nenas, cada vez que as outras nenas as querían insultar, dicianlles rabí, rabí! Cando mo contaba eu entendía o afán da miña nai pola literatura escrita por xudeos e non deixaba de relacionar os ditos e as consellas, as paremias e os refinamentos verbais da miña avoa Regina cos que viñan nesas novelas que eu tamén lía. Logo atoparía toda esa cosmovisión, todas esas pautas de comportamento, condensadas, reflectidas nos seiscentos trece mandamentos de Maimónides. Ou iso creo.

O meu avó paterno foi médico. Hoxe andaría entre os cento trinta ou cento corenta anos, acaso algo máis. Recordoo sempre dacabalo, lendo, mentres se desprazaba a consultar enfermos, vestido enteiramente de negro e cuberto cun chapeu negro. Unha vez, en Praga, estando cun amigo escritor, esperando polo guía que nos había acompañar ós dous, vin nun trinque un sombreiro igoaliño que os do meu avó e merquéino de contado. Acto seguido, cubrinme con el. Eu ía moi traxeado en negro. Nestas, o meu amigo sinálame unha moza que ven surrindo cara nós e dime: debe ser a guía que esperamos. Cando a beleza que surría chegou onda nós dirixéuse a mín e díxome: Ides ou vindes de Xerusalem? Debeu pensar que eu era un rabino. Daquela viaxe gardo esta anécdota, un vello gramófono e máis un arce que arrinquei no cimeterio xudeo, ó pé mesmo da campa de Frank Kafka, e que hoxe asombra a miña horta.

Veño, pois, de xentes que se ocuparon nos oficios que se lle consentiron ós xudeus e que se comportaban en sintonía co millor que se agardaba deles. Quen dos meus non foi médico, foi boticario; quen non foi escribano, foi escritor; mesmo houbo entre os meus curtidores que conseguiron gran fortuna logo de chegar a Galicia dende fóra, non hai aínda tantos séculos, dous tan só. O resto, agás os Vés Duran da miña avoa paterna, que viñeron das lindes de Aragón e Cataluña, exiliados logo da I República Española, agás eles, os meus, todos, son galegos de vello. Pero todos, prácticamente todos, veñen de por aí, ou de todo por aí por onde eles andaron veño eu, afeito a paremias e ditos, sombreiros e actitudes que, o acendrado catolicismo dos máis deles, se eu ben o vexo, aínda non conseguiu desterrar.

É a miña, xa que logo, unha familia católica, apostólica e romana dende Deus saberá cándo, probe de mín, que me confeso agnóstico e me sei de formación xudeo-cristiá. Pero tamén herdeiro de todo canto a Ilustración aportou ó ser humano, dende os dereitos que o amparan ata a Luz que pretende iluminalo, aínda, nestes comenzos de século nos que tales ideais se atopan xa en regresión que se da por inevitable, agás que a nosa dedicida vontade se empeñe en evitar tal decadencia.

Séime, pois, pertencente a unha certa maneira de comprender o mundo, a unha concepción da cultura que entende por tal todo canto atinxe ó home. Ó mesmo home ó que nada do humano lle pode resultara alleo.

Séime decidido partidario da paz entre os homes e as nacións. Sei que unha lingua non é nunca nemiga doutra lingua e que unha relixión non debera selo tampouco doutra. Pero non ignoro que os homes fan que esas inimistades xurdan, que eses enfrontamentos se produzan, e sei que, chegada a hora de optar, se me empuxaran a elo, se mo impuxeran e non me quedara outro remedio que optar, primeiro seguiría optando pola paz. Logo, xa en derradeira instancia, sei que optaría por todo ese sistema de valores do que se falaba un pouco máis atrás. O que nos aportou a dignidade de ser homes, o reconocemento da existencia duns dereitos que nos identifican como tales, xunto coa libertade e maila condea que sempre implica o ter que vivir nela, pois teño por certo que o home é libre e está condeado a selo. Pra elo sei que debo consideirar a razón coma instrumento de relación e de traballo, nunca a ignoracia, a fe cega e irracional, a violencia como argumento irrefutable, pois sei que un home nunca é máis ca outro. Nin menos.

sábado, janeiro 21, 2012

Galiza nos Campos da Morte nazis





Por Francisco Xavier Redondo Abal


Lembranza dos galegos deportados polo nazismo


(Inzar Razóns, nº35)


Hai agora case vinte e cinco anos que Lois Vázquez Fernández publicara, nas páxinas de Grial, un arrepiante documento sobre os galegos mortos –asasinados– no campo de exterminio austríaco de Mauthausen. O artigo de Lois Vázquez baseábase, fundamentalmente, no libro editado en 1969 por dous superviventes do inferno concentracionario, Manuel Razola e Mariano Constante. Vázquez narraba o pesadelo dos republicanos españois que dende febreiro de 1939 encheron os campos franceses, tras a saída pola fronteira gala fuxindo da represión dos fascistas e vencedores da Guerra Civil española. Nomes vergoñentos para a nación francesa como Argelès, Saint-Cyprien, Barcarès e tantos outros. Aínda e todo, o verdadeiro inferno estará por chegar para tantos e tantos galegos e españois en agosto de 1940, momento no que, ocupada Francia polos alemáns, se iniciarán as deportacións masivas aos campos da morte nacionalsocialistas. O traballo de Lois Vázquez remataba, para redimilos do silencio, coa nómina dos cento sete galegos asasinados en Mauthausen, unha cifra que coincide practicamente coa ofrecida nas últimas investigacións, pero que deixaba á marxe aos superviventes que hoxe, por fortuna e a modo, comezan a ser rescatados da desmemoria. Dende aquel lonxe 1982, avanzouse moi pouco na memoria das ducias de galegos que viviron, en primeira persoa, o horror do internamento argallado polas autoridades do III Reich. E no pasado Ano da Memoria do 2006, onde surxiron iniciativas tendentes a reparar, rehabilitar e dignificar ás vítimas da represión franquista, todos parecen esquecer que case douscentos galegos –douscentos inocentes– foron, por partida dupla, unha parte dos grandes perdedores da Guerra Civil española. Porque, primeiro, perderon a loita pola legalidade, a democracia e a constitucionalidade que representaba a II República española. E perdérona contra os que, coas armas na man, asaltaron o poder lexitimamente establecido, iniciaron unha cruenta guerra de tres anos e cercearon as liberdades asolagando e esnaquizando o país para convertelo nun vasto camposanto de miseria e medo. Así foi até a metade da década dos setenta. Eses galegos perderon, por outra banda, a dignidade como seres humanos cando foron deportados, co coñecemento e visto e prace das novas autoridades franquistas, aos campos de exterminio. Padeceron fame, frío, enfermidades e traballaron como escravos para a necesitada industria de guerra alemá. Perderon, así mesmo, a nacionalidade: foron nada máis que Kazettler, prisioneiros, roxos españois, pero o triángulo azul cosido ás roupas delatábaos como apátridas. Moitos, unha ampla maioría, perderon incluso a vida. E perdérona nunhas condicións infames onde a supervivencia no día a día supuña un desafío ás veces insuperábel. Hoxe, sen recoñecemento público nin institucional, sen unha praza que os lembre, sen conxuntos escultóricos conmemorativos que recollan os seus nomes e apelidos, os galegos asasinados no universo concentracionario –e os que sobreviviron– son os esquecidos entre os esquecidos. Haberá, algún día, un poder na nosa Terra que repare semellante inxustiza histórica? Bastaría un xesto, por cativo que fose, para que os nomes dos que sufriron en nome da liberdade e a democracia non se perderan na desmemoria colectiva. Non o merecen. En xullo do pasado ano 2006 o Ministerio de Cultura publicou, cunha tirada de 3.000 exemplares, un traballo dos historiadores Benito Bermejo e Sandra Checa, profesores da UNED e da Universidade de Málaga, respectivamente, titulado Libro memorial: españoles deportados a los campos nazis (1940-1945). A obra, froito do traballo calado e teimudo de varios anos, recolle dun xeito aséptico a relación dos case nove mil españois deportados aos infernos dos campos de concentración e exterminio nazis. A maioría, case cinco mil, foron parar a Mauthausen. Daqueles nove mil, só sobreviviron dous mil setecentos, menos dun terzo. Libro memorial é un libro frío, nu, carente de xuízos de valor e de interpretacións, mesmo falto de relatos persoais. É precisamente o estar espido o que lle dá unha valía incalculábel: ao longo das súas 587 páxinas, ordenadas por comunidades autónomas e dentro delas por provincias, só hai nomes e apelidos. Os nomes que hoxe poucos queren lembrar. Os nomes dos esquecidos, dos que morreron e dos que sobreviviron –e que hoxe andan por volta dos noventa anos– e, xunto a eles, a data de nacemento, o número de prisioneiro que lles foi asignado, a data e lugar de deportación, o número da matrícula de ingreso no campo, os traslados –se os houbo– e, como remate, unha letra, unha inicial que transloce o fin de cada un deses nomes: F (falecido), L (liberado), E (evadido). O F, baixo fondo negro, sobresae teimosamente dende a primeira até á derradeira páxina. Parece, visto rapidamente, como se ninguén sobrevivira. O traballo de Bermejo e Checa foi posíbel grazas á apertura dos arquivos en Alemaña, Austria e demais países onde se situaban os campos. Pero, como subliñan os autores na súa presentación, sen a colaboración das familias, tería resultado imposíbel. Porque para elas a cuestión é sinxela: dignificar a memoria do seu parente, de alguén inexistente aos ollos dos outros. Pero que, en realidade, si existiu. Ambos os dous historiadores recollen na súa investigación a nómina dos galegos falecidos nos campos e tamén a dos superviventes –a diferenza de Lois Vázquez, que mencionaba só aos asasinados–, e se facemos un estudo de casos poderemos tirar cuantiosas conclusións. Por exemplo, o número de deportados: en total, 179, todos homes, dos que 78 naceran na provincia da Coruña (44%); 33 na de Lugo (18%); 34 na de Ourense (19%), idéntica cifra que para a provincia de Pontevedra. Eses 179 inocentes conformaron, aproximadamente, o 2% do conxunto dos republicanos españois internados nos campos da morte. Deles, 108 morrerán neles. Case o 90% dos galegos detidos e enviados como animais aos centros de concentración foron parar ao Konzentrationslager Mauthausen, situado na Alta Austria, á beira do Danubio. Un campo especial e excepcional: unha fortaleza construída en pedra, de aspecto medieval, o primeiro en alzarse fóra de Alemaña e o último en ser liberado. Pero Mauthausen non foi, nin moito menos, o único campo que acolleu de entrada, nos primeiros envíos, a prisioneiros de orixe galega: Dachau tivo oito detidos; Buchenwald, seis; e Sachsenhausen, Natzweiler e Neuengamme dous cada un. O primeiro continxente de galegos deportados formárono unha ducia de detidos que tiveron como destino común Mauthausen, a onde foron transladados o 6 de agosto de 1940. Con seguridade foran apresados polos nazis cando se atopaban enrolados nas Compañas de Traballadores Estranxeiros, ao servizo do exército francés. Arrasado este entre maio e xuño de 1940 polas tropas alemás, o apresamento destes refuxiados resultou doado. Nos días seguintes continuarían as deportacións. O derradeiro prisioneiro galego enviado a un campo foi un coruñés, Emilio Rodríguez, transladado a Buchenwald en data tan tardía como é decembro de 1944. Descoñécese se sobreviviu. O prisioneiro máis novo do que temos noticia chamábase Manuel Fernández e nacera na Coruña o 24 de marzo de 1926. Foi enviado a Natzweiler cando contaba só 18 anos de idade. Como poderá supoñerse, este rapaz non puido, por razóns obvias, participar na guerra de España, pero si na resistencia anti-nazi, especialmente se temos en conta a data da súa detención e posterior traslado ao campo (xuño de 1944). Lograría sobrevivir. O mesmo caso, pero no extremo oposto, é o de Cástor Martínez Parada, o prisioneiro galego de maior idade cando foi deportado. Nado en Trascastro, Lugo, en 1880, contaba con sesenta anos cando foi enviado a Mauthausen en agosto de 1940, no coñecido convoi de Angulema. Un ano despois falecerá en Gusen, un dos campos subsidiarios de Mauthausen. Dos cento oito galegos asasinados nos campos, foi o natural de Sarria Jesús Arias López o primeiro en inaugurar a macabra listaxe. Deportado como no caso anterior de Angulema a Mauthausen, falecerá en Gusen en febreiro de 1941. Tiña 31 anos. O nome de Antonio Gómez Torres é o último a engadir á nómina de galegos mortos antes da liberación. Este pontevedrés, nado en 1915, foi deportado a Mauthausen na primavera de 1941. Morreu en Gusen a finais de febreiro de 1945. Restaban pouco máis de dous meses para o final da II Guerra Mundial. A honra, e a sorte, de ser o derradeiro galego en ser liberado da barbarie nazi correspondeulle a Isolino Caamaño Novo, do concello coruñés de Dumbría. Caamaño ingresara en Mauthausen en abril de 1944, sobreviviu en Melk e, no que debeu ser un día resplandecente, foi liberado en Ebensee o 6 de maio de 1945. Tan só un día antes, o 5 de maio, os detidos en Mauthausen vían, por primeira ven en moito tempo, a luz ao final do túnel. Foi aquí, precisamente, en Mauthausen ou nos seus campos dependentes onde pereceron o maior número de galegos. Así, en Gusen foron asasinados 78, todos os que alí foran enviados. Ninguén sobreviviu. Tamén Hartheim recibiu a 17 persoas nadas en Galiza. Todas morreron. Outros moitos campos recibiron, tras un primeiro ou segundo traslado, aos nosos compatriotas e reducíronos a un simple número: Bergen-Belsen, Dora, Flossenbürg, Allach, Melk, Schwerin, Gross-Rosen, Hersbruck... até completar a listaxe de vinte e catro campos de morte onde a presenza galega está documentada. Dos 179 galegos deportados, só 62 regresaron con vida do inferno. Coñecemos os seus nomes, as súas orixes, se morreron... De volta ao principio, a pregunta, hoxe e agora, é: para cando unha lembranza permanente que dignifique a súa memoria? Polo pronto, para eles vaia esta homenaxe.


Bibliografía


Armengou, Montse e Belis, Ricard (2005), El convoy de los 92,Barcelona: Plaza & Janés.Bermejo, Benito e Checa, Sandra (2006), Libro memorial: españoles deportados a los campos nazis (1940-1945), Madrid: Ministerio de Cultura.Borowski, Tadeusz (2004), Nuestro hogar es Auschwitz, Madrid: Alba.Constante, Mariano e Pons Prades, Eduardo (1979), Los cerdos del comandante,Barcelona: Argos Vergara.Constante, Mariano (2005), Los años rojos: españoles en los campos nazis, Barcelona: Galaxia Gutenberg.Massaguer, Lope (1997), Mauthausen, fin de trayecto: un anarquista en los campos de la muerte, Madrid: Fundación de Estudios Libertarios Anselmo Lorenzo.Pike, David Wingeate (2003), Españoles en el Holocausto: vida y muerte de los republicanos en Mauthausen, Barcelona: Mondadori.Pons Prades, Eduardo (2005), El Holocausto de los republicanos españoles: vida y muerte en los campos de exterminio alemanes (1940-1945),Barcelona: Bellacqua.Serrano, Secundino (2005), La última gesta: los republicanos que vencieron a Hitler (1939-1945),Barcelona: Crítica.

Unha parroquia chamada Galicia



Por Luís Seoane

O nome de Galicia ou de galego apenas ten no noso século resonancia algunha en Europa. Descasí en un e outro sitio de xeito misterioso, aparece al­gunha vez en boca de alguén. Un día alguén nos di que esiste unha ponte onde se lembran dun galego. ¿Quén foi o emigrante que deixóu co nome da terra, "Galicien" memoria da súa estirpe? Non poidemos averigualo. Non embargantes o nome non ten probabelmente máis de medio século, a idade da ponte. ¿Foi acaso un traballador que tomóu parte na súa construcción ou tiña sido alguén procedente de Galicia que se afincóu nos seus arredores, que de tal xeito logróu destacar súa persoalidade? Fai medio século non esistian inmigrantes galegos en Suiza. Ti­vo que ser un home isolado que dou lugar a esta denominación. Nós non embargantes non poidemos atopar a ponte do "Galicien".

Un día falamos co propietario dunha galería de arte de Ginebra, Don David Benador, un home afabel, cuia nobleza e bon­dade refrexábanse na faciana, e relatóunos: "A1ó, donde eu nacín, esistía a parroquia Galicia, era unha parroquia difrente ás outras, roáis severa nas ora­cións e que se caracterizaba porque o pan ácimo da Pascua facíase amasado con viño en vez de auga". O lugar onde nacéu o Sr. Benador e en Andrianápo­lis, en Turquía, na fronteira con Bulgaria, e o seu pobo, o do señor Benador, é o sefardí. Moitas vegadas temos mostrado a nosa adhesión a este pobo errante que nos deixóu o seu sangue na Penínsua Ibérica e que concretamente en Galicia, transmitíu estirpe e algunhas costumes. Un erudito ourensán de comezos deste século, Alonso, escribíu sobre deles, i Evaristo Correa Calderón adícalles un capíduo de un dos seus libros máis afortunados. Por outra banda na historia medieval galega destácase como unha acción heróica a defensa de Ribadavia feita polos xudíos contra os invasores ingleses apoiados por Portugal. Na Costa da morte esiste unha aldea chamada Si­nagoga. Unha estrela de David está grabada nun pórtico dunha eirexa románica de Betanzos e outra na empuñadura da espada de Andrade o Bó no seu sepulcro. Moitos apelidos actuales de Galicia son de ese orixen e bastantes dos que eles levan son de es­tirpe galega. Un dos máis grandes xudeos de tódolos tem­pos, Spinoza, era orixinario da provincia de Ourense i está por analizar a infruencia de Galicia no seu pan­teismo filosófico, como outra insine persoalidade xudea, francisco Sánchez, o médico escéptico de Montpellier, era natural de Tuy. As rosquillas ácimas de Galicia teñen con seguranza o seu orixen no pan ácimo, e algúns eruditos nestas cuestións poden informárennos de outras costumes que nos quedan da Tonga estan­cia dos xudeos en Galicia. 2 posibel que esa mesma insatisfacción inteleitual e sentimental do galego, ese mesmo non afacerse en esta terra, teña mesturado ao remoto orixen céltico seu porcentaxe importante de herdanza xudea. Américo Castro estudióu nos po­sos días, moi xustamente ao noso xuicio, a gran herdanza que en xeral legaron á penínsua. Mais volternos ao relato de Don David Benador. Andrianápo­lis era o nome grego da Edirné de Turquía. Pola data de que nos fala, fin do século XIX, o señor Benador, era unha cidade militar habitada por tur­cos, gregos, armenios e sefardíes. Unha desas cidades do oriente europeo que se distinguía polo seu pinto­resquismo, onde vivían mesturados e por barrios xen­tes das máis diversas relixións e razas.

Algo do que mdeberon ser na Edade Media algunhas das cidades casteláns, e sabor de todo, con un superior desenrolo cultural, a imperial e inigoalable Toledo. Os gregos eran propietarios de restaurantes, cafés e tabernas. Competían con eles na venda de café e bebidas os armenios, que ademáis ocupábanse de negocios de xoiería. Os turcos musulmáns tiñan como principal oficio fabricar babuchas e xabróns de luxo. E os se­fardíes eran mercaderes en teas, en linóleum, e ha­bía entre eles bastantes orfebres. Os turcos eran, ade­máis, os que gobernaban e constituían a poboación militar. Para éstes, tódolos outros pobos: armenios, gregos, sefarditas, eran "Yaur", como denomiñaban a tódolos que non eran musulmáns. No barrio sefardíe falábase e cantábase en español, en ladino, e o co­mercio facíase en "la calle", a onde se estendían as ceremonias relixiosas. Coñecíanse uns a outros, máis que polos apelidos polos nomes seguidos dos oficios: David, o mercader en cadros; Abraham, o colcho­neiro; Simón, o orfebre; e algúns destes grandes mer­caderes eran proveedores do exército turco, o que non evitaba que nas rúas se pelexasen a miudo sefar­díes e turcos.De Andrianápolis xurdiron ilustres persoalidades do mundo sefardí como os Alfassa, Camondo e Ben­veniste, cuias estirpes continúanse en Francia e all se destacóu o sabio Talmudista e poeta Joseph Halevy. Apelidos correntes entre eles eran Rodríguez, Calderón, Castro, Alcabés, Karo, Loria, Navón... Na "parroquia Galicia", como lembra o señor Benador, as leituras dos libros sagrados eran máis longas e asimesmo as oracións. O barrio estaba dividido en parroquias : Aragón, Cataluña, Castilla, Sevilla, etc., e a de Galicia.

En ésta vestíanse de xeito difrente, usaban uns libros que aos mozos parecíanlles máis com­prados, eran máis longas, como xa dixemos, as ora­cións e tiñan o privilexio de comer o pan ácimo da Pascoa amasado sin levadura, feito con viño en vez de auga. 0 privilexio tiña nado en Galicia como consecuencia de unha calaña, esplícanos o señor Bena­dor. Algúns conversos aseguraban que os relixiosos sefardíes degolaban a nenos cristiáns pra realizar as súas ceremonias. Un provocador converso chegóu a poñer sangue na Tora pra denunciar aos sefardíes As autoridades. O sacristán, ou como se chame o en­carregado de coidar a sinagoga, tivo un soño inque­dante referido á Tora e tivo tempo de cambeala de­nantes que chegasen as autoridades, deixando quedar en mal lugar ao provocador denunciante e salvando aos seus de unha persecución inxusta. Leenda ou verdade, o caso é que entre os sefardíes de Andria­nápolis os de orixen galego diferenciábanse por ese privilexio, ademáis de por algunas outras cuestións de rito, o idioma e os traxes. No oriente europeo continuábase, pois, a diferenciación de Galicia, unha diferenciación en canto aos sefardíes, non coñecida por nós, i endexamáis, que sepamos, estudada en Ga­licia. Debemos esta noticia a un home que ama e sinte a España e que intruso nos seus anos de xu­ventude vivíu en Barcelona participando en aquelas loitas que ensanguentaron esa cidade na época en que era unha capital anarquista de Europa.

Na Bar­celona de Noy del Sucre e de Anxel Pestaña.

Xenebra, 24-IV-63SEOANE, LUIS: Comunicacións mesturadas, ed. Galaxia, 1973

.
OS SEFARDÍES DE ORIXE GALEGO

A Editorial Universitaria de Buenos Aires acaba de poñer á venda un fermoso libro adicado aos xu­deos españoles, "Historia de los sefarditas", cuio autor é Felipe Torroba Bernaldo de Quirós, que é con seguranza, non o sabemos, —na segunda tampa onde se fai referencia ao libro non se di nada sobre o autor—, un xoven profesor cecáis, ou un erudito español. "Sefarad" é a verba hebrea que desiña a Es­paña e sefardita é o xudeo oriundo de España; menor, España e Portugal, seguindo as desiñacións ac­tuáis da Península Ibérica, pois contén asimesmo aos xudeos portugueses. Varias vegadas témonos referido aos xudeos galegos, á mestura importante de san­gue coas outras moitas sangues que circulan polo home galego actual. Sangues, algunhas delas, máis recentes en Galicia, como a dos suevos, ou de outras tribus xermánicas das que estaban tan orgulosos po­sos abós, ou así parecíao, ao denominar Suevia a Galicia, e tan antiga con seguranza como a dos de­rradeiros celtas chegados a territorio galego anos antes dos tempos de Nabucodonosor cando chegaban coas espedicións fenicias en percura do estaño das Ca­sitérides. A partir da primeira mitade do século II chegaron á Penínsua Ibérica en grandes ondaxes de emigrantes espulsados de Palestina.

Todo esto e moi­to máis narra Torroba Bernaldo de Quirós nun libro de 300 páxinas que sucede, en importancia, aos dous tomos de Amador de los Ríos e aos outros dous de Caro Baroja, que, a pesares da súa estensión, apenas se ocupan de Galicia, onde os xudeos chegaron a se situar en lugar importante pola cantidade deles e polo pulo que exerceron no comercio galego, comoestudióu fai medio século Benito F. Alonso pra se referir aos xudeos da provincia de Ourense. Comenza Don Felipe Torroba o seu capíduo tiduado "Los ju­díos en Galicia", co seguinte párrafo: "El cielo ga­laico, la dulzura y feracidad de aquellas tierras ubé­rrimas con los verdes prados, los emparrados de vid y los parches de granito, atrajeron bien pronto nu­tridas colonias hebreas. La tierra verdeante, jugosa y fértil, la cercanía de los puertos, tan conveniente a sus afanes mercantiles siempre, hicieron que allí se sintiesen como en su propia casa, adoptando las costumbres, la lengua y hasta la defensa del país galaico. Por eso arraigan allí tan hondamente y han quedado tantos recuerdos y vestigios israelitas en aquella tierra". Este párrafo deberían de aprendelo de memoria os pais galegos pra llo traspasar aos seus fillos racistas que iñoran cuasi sempre que en algúns casos ostentan apelidos galegos de craros an­tecedentes xudeos, ou igoalmente xudeos que galegos. Torroba Bernaldo de Quirós aporta algúns datos, non dabondos, pois trátase dun libro de divulgación; mais os suficientes pra que calquer galego poda dedu­cir a estraordinaria infruencia que exerceron no pa­sado de Galicia e na constitución do home galego actual. Refírese aos xudeos de Monforte que repo­blaron a vila de Ares, preto de Betanzos "cuya igle­sia parroquial de Santa Eulalia conserva arcos de herradura, restos del edificio de la antigua sinagoga"; pero ¿e as grandes colonias hebreas que habitaron na Cruña, Sobrado dos Monxes, Santiago, Ponteve­dra, Ourense, Celanova, Allariz, Ribadavia, Monforte, Vigo, Bayona, etc.?

Cómo puido conservárese deica os nosos días, non somentes o nome dunha rúa como a da Sinagoga na Cruña, senón con este mesmo nome unha aldea na Costa da Morte, ou o Campo dos Xu­deos en Pontevedra, ou o da Pena dos Xudeos na mesma Cruña, i esistiese tamén un terreo chamado Sinagoga en Sobrado dos Monxes? Establecéronse en toda Galicia, cruzáronse con galegos cristiáns, e, nanobleza galega, abondan seus nomes xunguidos aos máis aristocráticos apelidos, moitos que logo da ex­pulsión decretada polos Reises Católicos pasaron a Castela. A eirexa galega foi á súa vez, a diferencia de outras de España i Europa, benévola cos xudeos, pois endexamáis os distinguiron por raza senón por relixión. Algunha vila como Ribadavia tivo en algún tempo máis poboadores xudeos que cristiáns, i escri­bindo sobre esto, di Torralba Bernaldo de Quirós : "Después de expulsados, no olvidaron los judíos a Ribadavia, legando a los suyos el recuerdo de aque­lla tierra amada, así en el siglo XVII, volvieron conversos y se establecieron en un arrabal de la villa, haciendo de ella en poco tiempo un floreciente emporio comercial". I esto, en xeral, sucedéu en toda Galicia. "Los judíos de Orense y Pontevedra, durante las per­secuciones, alternaban su vida en Galicia y en Por­tugal, estableciéndose acá y allá, según les iban las cosas y el rencor que les profesaban —luego del de­creto de expulsión de los Reyes Católicos— sus de­nunciadores. Si un decreto les refugiaba en un país vecino, otro les hacia volver. Así han permanecido conversos la mayoría de ellos".

Lástima que non se teña escrito o libro sobre os xudeos en Galicia, que non se recolla canto durme nos arquivos galegos acer­ca deles. Ufanaríamonos moito menos de ser orixi­narios de razas bárbaras que algún día invadiron Galicia, e non aparecerían nas noticias dos xornáis de Buenos Aires algúns racistas de apelido galego, ou aparecerían menos, afortunadamente son moi poucos, e descobriríamos o verdadeiro segredo dal­gunhas costumes perdurábeles en Galicia. Pola nosa parte sempre sostivemos que era máis importante pra calquera, ter igoal sangue que a de Cristo ou dos seus apóstoles xudeos que a dun capitán en Flandes, no caso en que tódalas sangues non estén moi mesturadas dende hai moitos miles de anos.

28-VII-68

SEOANE, LUIS: Comunicacións mesturadas, ed. Galaxia, 1973

Intervención do Embaixador de Israel Alon Bar, na cerimonia de entrega dos Premios Samuel Hadas 2012










.
Sra. Presidenta,

Sr. Ministro:

moitas grazas polas súas palabras.

Excelentísimas señoras,

excelentísimos señores,

Autoridades,

Señoras e señores,

Amigos,
Boas noites.

Moitas grazas a todos por compartir connosco este acto de clausura das conmemoracións do XXV aniversario do establecemento de relacións diplomáticas entre España e Israel.
Un ano cheo de actividades e iniciativas culturais, comerciais e políticas, entre as que destacan as visitas do Presidente de Israel, Shimon Peres, a Madrid, e a das súas Altezas Reais os Príncipes de Asturias a Xerusalén.
En 1986, na Haia, representantes dos nosos gobernos asinaban o acordo de establecemento de relacións diplomáticas entre España e Israel.
Unha sinatura que puña fin a décadas de desencontro, que pechaba o doloroso capítulo dunha anomalía histórica que prolongouse de máis.
O pasado xudeu de Sefarad e o hispanismo da diáspora sefardí son aspectos singulares e de grande peso, convertendo en algo especial as relacións entre ambos os países.
Nestes 25 anos non fixemos máis que empezar a recuperar o tempo perdido.
Polo peso da historia e polas circunstancias rexionais, o encontro non sempre foi doado, pero sempre moi interesante, cunha alta carga emocional.
Señoras e señores,

A breve historia destas relacións é unha historia de éxito impresionante. España e Israel son hoxe dúas democracias que desde as dúas beiras do Mediterráneo traballan en favor da paz e a cooperación.
O diálogo político é moi intenso a todos os niveis, en ocasións mesmo íntimo.
Os intercambios culturais están en crecemento permanente; cada vez é maior a presenza de arte e cultura israelí en España, e a española en Israel.
Tamén é digno de mención o grande número de turistas israelís que anualmente visitan España; o pasado ano foron máis de 300.000.
Hai que salientar, e máis nestes momentos de crise económica, o alto nivel do intercambio comercial. De feito, Israel é o principal cliente de España en oriente próximo, e aínda estamos moi lonxe do que podemos chegar a facer xuntos.
As prioridades do goberno español e as características da economía israelí, unha economía que creceu un 5% en 2011, unha economía que é dinámica e está baseada na iniciativa e a innovación, sentan a base para dar un salto cualitativo e cuantitativo nas relacións comerciais e empresariais.
A creatividade e a innovación, a flexibilidade e a exportación, deben de ser os alicerces das novas pontes que debemos tender entre España e Israel. Se impulsamos a creación de iniciativas conxuntas empresariais, científicas, comerciais e educativas, sen dúbida afrontaremos mellor os desafíos do futuro.
Este magnífico punto de partida para o futuro das nosas relacións é posíbel grazas á axuda de persoas e institucións que contribuíron ao establecemento de relacións e o seu posterior desenvolvemento e consolidación en diferentes ámbitos. Persoas e institucións como ás que hoxe entregamos os Premios Samuel Hadas de Amizade España-Israel.
Somos conscientes de que outras moitas persoas, institucións e asociacións tamén son merecedoras do noso recoñecemento, pero é parte da natureza deste tipo de eventos. Non por iso esquecemos nin deixamos de agradecer a súa contribución.
O galardón leva o nome de Samuel Hadas, falecido hai dous anos, primeiro Embaixador de Israel en España e un dos artífices do establecemento das relacións diplomáticas en 1986.
Con esta entrega de premios, a Embaixada de Israel fai público o seu recoñecemento e as súas mostras de gratitude a quen tanto fixeron, e non sempre nun ambiente favorábel, para consolidar as relacións entre España e Israel e por defender a causa de Israel.
O Estado de Israel está en débeda con vostedes.
Grazas a todos e brindo, sen ter aínda a copa na miña man, pola nosa amizade, co convencemento de que todo será moito máis doado nos vindeiros 25 anos.
Alon Bar

Embaixador de Israel
(as fotografías e os videos do acto poden verse aquí)

O amigo israelí



Por Pilar Rahola



A pesar dos moitos anos que levo no tema, aínda sorpréndeme a pregunta. Cada vez que o meu nome ou dalgún amigo asócianse á palabra Israel, xa sexa por unha charla ou un libro, sempre aparece alguén que pregunta, por que?. E por suposto nunca se trata dunha pregunta virxe, nacida ao albur dunha conversa despreocupada, senón con aire de interrogación acusatoria. É mentar a Israel, e a algúns ábreselles a porta do inferno, os demos saen a pasear e todos os tópicos do dicionario de burrilandia caen encima do herexe. Por suposto aparecerá na conversa a palabra sionista, o cal non significa que o tal oira falar de Theodor Herzl, nin teña pajolera idea do substrato socialista que palpitou na creación do sionismo, nin saiba nada da democracia israelí. E por non saber nin tan só sabe que acusar a alguén de sionista é unha simpleza de ignorante. Pero oíron algún tam-tam e leron algunha web desas que perpetúan os estigmas antisemitas, tanto na súa versión de extrema dereita como de extrema esquerda, e crense que están dicindo algo moi gordo. Persoalmente non me importa nada, porque aínda que é evidente que non o son (o sionismo corresponde aos israelís), tamén é certo que o sionismo é unha historia de éxito, capaz de crear da nada un país de altísimo nível tecnolóxico e científico, cunha democracia sólida que integra xentes de todas as procedencias e, encima, sobrevivir no medio de países inimigos que os hostigan bélicamente, tanto con guerras como financiando a violencia terrorista. Se algo triunfou naquela zona convulsa é precisamente o sionismo, outrora, por certo, sinónimo de progresismo. Pero como a maioría dos que opinan sobre Israel non saben nada, crense que están insultando ferozmente. Coitados!

Con todo, a miña pregunta é a contraria, e por que non? Como se pode estar en contra dos valores que crearon o Estado de Israel e da súa loita pola supervivencia? Valores que son os nosos porque son os da liberdade. Ou os nosos son os valores de Hamas, de Irán, de Siria? En calquera caso é sorprendente que tanta xente opine tanto sobre un país do que non sabe nada. Pero tampouco é estraño porque a historia do prexuízo contra os xudeus é unha historia de ignorancia. Non podía ser distinto no caso de Israel. Pois ben, e en homenaxe a todos aqueles que se enfadarán, bríndolles o premio que a Embaixada de Israel deunos a un grupo de persoas que fai anos que saímos do armario. Xentes de orixes e ideoloxías diversas pero coincidentes nesta cuestión. O premio é o Samuel Hadas, en homenaxe a unha grande persoa que foi o primeiro embaixador de Israel no estado español. Só me cabe dicir que sintome orgullosa de telo recibido. E saben por que? Porque hai anos que souben responder a esa pregunta.

A mensaxe do Holocausto no século XXI




A mensaxe do Holocausto no século XXI



A derrota do nazismo e o exterminio do xudaí­smo europeo



Por Shlomo Ben Ami






60 ANOS DESPOIS DA DERROTA DO NAZISMO e o exterminio do xudaísmo europeo, acompañado de masacres e barbaridades cometidas contra outros colectivos políticos e étnicos, a mensaxe do Holocausto xudeu segue máis vivo que nunca. Máis que nada e perante todo, este reside na aterradora narrativa cuxos plenos detalles probablemente non se coñecerá nunca. Os xudeus --esa mensaxe non debe cambiar--, foron vítimas da maior barbarie xamais cometida contra un pobo pola mera razón de existir, de ser. Pero desde alí, ábrese o camiño á nosa pedagoxía como cidadáns que queren construír un mundo mellor sobre as cinzas do pasado.



UN Holocausto é unha historia de verdugos e de inocentes, diso non pode caber ningunha dúbida. Pero, tal e como reflícte "O pianista" de Roman Polanski, a mensaxe pode as veces ser algo máis complexa. A odisea do pianista Vladislav Spielman quebra todos os moldes, pois na longa noite do Holocausto xudeu, cando a noso pobo estaba rodeado de chamas sen posibilidade algunha de fuxir do inferno, apareceron polacos e alemáns bos e incluso algúns xudeus malos, os mesmos que nos primeiros anos do Estado de Israel serían procesados por colaboración coa besta nazi. Non deixa de ser intrigante que a lei israelí para o procesamento dos nazis e os seus asistentes sexa ate hoxe aplicada principalmente a colaboracionistas xudeus, na súa maioría pobre xente que o que querían era saír do inferno da maneira que fóra, ser kapos nos campos era unha delas. Pero, a pesar de todo, raios de luz de xenerosidade e de humanidade sobreviviron en medio da escuridade. Ao final, o espírito do home como un ser que pode facer o ben non morreu nin en Auschwitz. O pranto xudeu ten seis millóns de razóns, pero ao mesmo tempo estamos chamados a recoñecer o ben que sobreviviu ao mal. Alí está o caso dos xustos entre as nacións. O concepto dos xustos entre as nacións --Hasidei Umot Haolam-- está ancorado nunha milenaria tradición xudía Batia --filla de Deus-- así definiu a tradición á filla do Faraón que salvou ao bebé Moisés do exterminio decretado polo seu pai a todos os primoxénitos hebreos. Ate hoxe, máis de 20.000 non xudeus foron recoñecidos como Hasidei Umot Haolam ao arriscar as súas vidas para salvar xudeus ao longo do Holocausto. É verdade, os nazis non poderían cometer a solución final sen a complicidade activa dos seus propios concidadáns alemáns e dos seus veciños ucranianos, polacos, estonios, latvios, lituanos, húngaros, croatas, franceses, holandeses, belgas, italianos, gregos, iugoslavos e incluso noruegos. Non obstante, naquela Europa enferma moralmente existiron illas de excepción, ocasionalmente, persoas decentes que arriscaron as súas vidas ao abrir súas casas, os seus mosteiros e igrexas para introducir un raio de luz naquel inferno no que parecía que Deus desaparecera.



DOUS. A partir do momento no que o sistema nazi se impuxo en Alemaña en 1933, non poucos gobernos occidentais abriron as súas portas aos refuxiados xudeus. Iso --é necesario constatalo--, foi previo á política de exterminio, cando se trataba só de deportación. Estados Unidos aceptou máis de 150.000, Gran Bretaña 80.000, (incluíndo 10.000 nenos no que se coñeceu como a 'Kindertransport operation' despois do Kristalnacht de 1938). Máis tarde, Europa deu as costas aos xudeus, e pechoulles as súas portas. A guerra absorbeu todas as súas enerxías, e non quedaba espazo de xenerosidade para os xudeus. Pero incluso cando os gobernos nos traicionaron, alí estaban diplomáticos individuais dispostos a cruzar os límites das instrucións dos seus gobernos para facilitar visados. Entre estes salientar o británico Frank Foley, e o Cónsul Xeral chinés en Berlín, Dr. Feng Shan Ho. Ao estoupar a guerra incorporouse a esta sagrada labor de salvación un número considerable de diplomáticos: o holandés Jan Zwartendijk e o xaponés Chinne Sugihara en Lituania; o portugués Arístides de Sousa Mendes que axudou no sur de Francia a miles de refuxiados xudeus a cruzar a fronteira cara España como país de tránsito para América. Co mesmo obxectivo e facilitando un itinerario similar actuou en Vichy o americano Varian Fry. E que dicir do sueco Raul Wallenberg e do español Ángel Sanz-Briz, ambos anxos protectores de miles de xudeus en Budapest. Na ocupada Polonia onde todos os xudeus estaban obrigados a vivir en ghettos, e o fame precedía ao exterminio físico como o maior axente da morte, os alemáns non permitiron ningunha saída. Antes de ser un magno campo de exterminio, Polonia, o xeneral gubernament, foi a prisión colectiva non só dos xudeus polacos senón de gran parte do xudaísmo europeo. De feito, o exterminio masivo das xudeus comezou coa operación Barbarrosa, a invasión da Unión Soviética en xuño do 1941, un espazo onde máis de 2 millóns de xudeus vivían naquel intre. O método era simple, e non foron só os nazis da SS senón as oficiais da Wermacht os que levaron a cabo a barbarización da guerra, sen gases nin cámaras, a través de execucións masivas e fosas comúns. De alí o matanza de Babi Yar, un inferno sobre o cal escribiu máis tarde o poeta Yavtushenko que en Babi Yar non hai nin monumento nin homenaxe aos masacrados. Desa maneira foron executados un millón de xudeus polos Eizensgruppen. Pouca, moi pouca labor quedaba alí para os Hasidei Umot Haolam. Pero, aínda así os houbo. En Byalistok, a primeira cidade alemá conquistada pola Wermacht, centenares de xudeus foron encerrados na sinagoga que acto seguido foi incendiada por unha patrulla de soldados. Os xudeus intentaban fuxir sen éxito, e practicamente todos acabaron mortos; pero non todos. Un cristián polaco, empregado da sinagoga en labores de limpeza e mantemento --cuxo nome nunca se saberá-- puido abrir unha pequena fiestra na parte traseira da sinagoga, a través da cal puideron fuxir unha ducia de xudeus. Foron 2000 os cadáveres sepultados naquela sinagoga de Byalistok.



Non lonxe de Byalistok, en Jedwabue, tanto a masacre como o raio de luz e humanismo chegaron da man da poboación polaca local. Mil xudeus foron asasinados por aldeáns polacos, pero sete, todo un mundo, foron salvados por unha tal Antonina Wyrzykonska. Relixiosamente protexeunos con enormes riscos para toda a súa familia, durante 28 meses. Antonina acabaría a súa vida en Chicago, non porque ela quixese separarse da súa terra, senón porque os seus veciños a perseguiron e fixeron a súa vida imposible por ter salvado a 7 xudeus da aldea. Os mesmos que lle debían a súa vida axudárona a instalarse en Estados Unidos. E non son estes máis que exemplos selectos e non necesariamente os máis destacados. Pois poucos casos son tan emblemáticos como, por exemplo, o de Yanush Korchack, o pedagogo polaco que foi á morte cos seus alumnos xudeus por coherencia cos valores que lles inculcou nas súas clases.



TRES. Cales eran os motivos destes xustos entre as nacións que optaron por salvar a xudeus da deportación e o exterminio? Máis que nada eran persoas que elixiron actuar; a súa foi unha decisión de comportarse dunha forma civilizada, dunha maneira humana. Rehusaron renderse ao paso irresistible da barbarie. Non se trataba de persoas que actuaron de forma espontánea; máis ben valoraron os riscos para eles e para as súas familias e tomaron unha decisión. A presenza de Deus non se notou en Auschwitz; pero ao mellor, e a pesar de todo, si a través do heroísmo destes homes e mulleres electos. Non deixa de ser interesante esta obsesión do Estado de Israel de buscar e rescatar do esquecemento aos xustos. As veces parece que con esa busca o que queremos dicir é que o home é unha besta cruel, e o que nos preguntamos: por que estes xustos se comportaron dunha forma tan anormal? Son eles os normalmente humanos ou son os outros? Tristemente, Hannah Arendt, coa súa banalidade do mal diría que os estraños e anormais eran os xustos e que o mal é o intrinsecamente humano. Para Carl Lutz en Budapest os seus actos de heroísmo para salvar xudeus en Bucareste eran naturais á súa condición de cristián. E ese foi o motivo, relixioso tamén, dalgúns baptistas polacos en Polonia oriental. O papel do Vaticano no Holocausto segue sendo un capítulo aberto e controvertido. Pero cristiáns de fe e amor, xente da a pé, estiveron na vangarda da salvación de xudeus. Son eles quen indicaron os límites do mal, pero tamén a fraxilidade do ben. O ben é sempre difícil, raro e fráxil, pero nunca imposible incluso no inferno dos infernos. Actos de altruísmo heroico non son o monopolio dos Mahatma Ghandi ou Albert Shweitzer; son de feito a manifestación diaria de persoas ordinarias cuxo coraxe moral emana dos camiños rutineiros a través dos cales viven as súas vidas.



CATRO. O imperativo xudeu de lembrar e conmemorar e recoñecer a heroica labor de salvación dos xustos dignifícanos como seres humanos; estamos obrigados a lembrar o ben, non só o mal. É obrigatorio que esta lembranza siga viva máis alá do momento en que o holocausto sexa unha memoria viva. Porque non se trata simplemente de recoñecer a coraxe individual, senón de inmortalizar a lembranza do ben que o ser humano é capaz de facer en momentos en que a civilización parece ter sido secuestrada polas forzas do mal absoluto, lembrar o castelo de carácter do individuo anónimo ao acudir ao rescate das vítimas da barbarie. Máis aínda, trátase de resaltar a fe e a convición de que o home --se é que temos que aprecialo como unha criatura única-- ten unha capacidade sen límites para o ben, para unha conduta ética e moral. Esta parte de luz e esperanza no carácter do ser humano é máis que suficiente, se a rescatamos e a cultivamos, para combater e incluso derrotar á súa parte escura.



CINCO. Hai 15 anos, o xornalista polaco-alemán Henruck Broder acuñou o "bon mot" segundo o cal os alemáns nunca perdoarán aos xudeus polo Holocausto. Iso é hoxe máis que nunca unha verdade tanto en sectores da esquerda como da dereita europea. Desde logo de que criticar a Israel non é antisemitismo, pero illar a Israel como o único obxecto de crítica e denigración nun planeta onde abundan as violacións de dereitos humanos e os xenocidios --de Darfur a Ruanda e Chechenia---, pode as veces que si o sexa. Dicía cinicamente Sir Isaiah Berlin que odiar aos xudeus non é antisemitismo, senón odialos máis do que é necesario.



Agora a moda é a negación do Holocausto. Se esta non fose unha epidemia non se moverían hoxe tantos gobernos europeos a lexislar a penalización da negación, pois, como o expresaba onte o presidente italiano Giorgio Napolitano hai un camiño directo que conduce da negación do Holocausto ao antisionismo.


Nestes días, é a propia Asemblea Xeral da ONU, posiblemente de forma unánime, a que podería subscribir unha condena incondicional á nefasta cultura da negación. A negación da Shoá é en realidade unha forma de desafiar a existencia do Estado xudeu posto que este foi presentado como a xustificación última do Sionismo. Ahmedineyad non inventou nada. O "Institute for Historical Review" de Estados Unidos leva longos anos negando o Holocausto; e ese é tamén o caso de non poucos institutos a través do mundo árabe. "Os (falsos) Protocolos dos sabios de Sión" e tópicos inequivocamente antisemitas foron divulgados persistentemente por persoas e institucións do máis alto nivel a través do mundo árabe. Gran parte da esquerda tende a negar a persistencia do antisemitismo agás cando este vén das filas da dereita. A venda de "Mein Kampf" se dispara constantemente a través de Oriente Medio e os "Protocolos" vendíanse descaradamente no Congreso Contra o Racismo da ONU en Durban, un foro, sexamos honestos, netamente de esquerdas.


O relativismo é tamén outra forma de negación do Holocausto. A partir do fin da Segunda Guerra Mundial houbo unha desafortunada tendencia de asimilar todo tipo de opresión ou agresión co nazismo, a GESTAPO ou as SS. Frecuentemente non se trata máis que de politiqueo barato ou preguiza intelectual. Non obstante, é difícil crer que toda comparación de Ariel Sharon con métodos nazis, e a definición do terrorismo suicida como reflexo dunha resistencia parecida á francesa contra os nazis, é simple inxenuidade.


Cando toda morte civil se converte en crime de guerra, o concepto se devalúa e perde o seu significado; e cando toda expulsión de civís dunha aldea se converte en xenocidio, é que non sabemos xa que é realmente Xenocidio. Cando Auschwitz está en todas partes iso significa que non está en ningunha; e cando toda ocupación militar é un "holocausto", o Holocausto acaba borrándose da nosa memoria e parece que iso é precisamente o obxectivo daqueles que erroneamente cren que para mobilizar simpatías a favor dos palestinos é necesario borrar toda simpatía a favor dos xudeus, sexa en Israel ou na Diáspora, posto que só así pode a "raison d'etre" de Israel ser cancelada. Cando todo é idéntico é que a vida da razón cedeu á propaganda visceral. A distinción, a capacidade de distinguir entre fenómenos humanos e históricos, é un signo de civilización. Así que cando o poeta oxoniense Tom Paulin se pon do lado de quen compara sionismo con nazismo, e cando Saramago fala da batalla de Jenin, onde 52 terroristas e 20 soldados israelís morreron, coma se fóra Auschwitz, é a condición do artista e do intelectual a que está a ser violada. Dicíao Milan Kundera con gran humildade no seu discurso de 1985 ao aceptar o premio Xerusalén: as grandes novelas son sempre algo máis intelixentes que os seus autores.



SEIS I Pero, tamén nós as israelís temos a obriga de ser cautos coa nosa mensaxe e coas metáforas que manipulamos. A Shoá é, pois, non só unha ferida dunha envergadura meta-histórica, é tamén un axente presente na configuración da nosa identidade e unha posible explicación de non poucos dos complexos espirituais e políticos da nosa vida como israelís e xudeus. Se no país máis poderoso de Oriente Medio toda guerra ou ameaza pode ser inmediatamente interpretada coma unha introdución ao Holocausto, é que nós mesmos axudamos a esa banalizacin da Shoá. Ese foi claramente o caso da Guerra dos Seis Días e da Guerra de Yom Kippur. Desde logo, a Guerra do Golfo, coas súas máscaras antigás, os mísiles de Saddam e a sensación de vulnerabilidade total, non fixo máis que consolidar máis aínda se cabe este nexo imborrable entre a existencia israelí e a memoria da Shoá. Para algúns é un nexo cómodo que facilita certas posturas políticas e dá lexitimidade á filosofía do temor ao compromiso, á sospeita eterna fronte aos xentís. O debate que se abriu con Ben Gurión segue pois vivo, aínda que os seus parámetros non son sempre os mesmos. Menahem Begin nunca estivo disposto a iniciar un diálogo normal con Alemaña. O debate interno acompaña a memoria. A Shoá como peza angular na nosa condición de vítimas segue viva e aliméntana tanto os políticos dos distintos bandos coma os medios de comunicación. A conta entre o pobo xudeu e os seus verdugos debe quedar aberta. Iso é vital tanto para o verdugo como para a vítima. Ambos teñen que tirar conclusións e leccións continuas, ambos teñen que educar novas xeracións contra as malignas consecuencias da xenofobia, o racismo e o antisemitismo. As leccións que a vítima ten que tirar non son que o Holocausto nos concede autoridade e inmunidade moral para derrubar todas as barreiras éticas na nosa loita pola consolidación do Estado xudeu. A lección da vítima da xenofobia non é que agora se lle permita a ela tamén exercer a xenofobia e permanecer ate a eternidade dentro dos confíns mentais dun vitimismo obsesivo. Desgrazadamente, aínda que a memoria é intrínseca ao ser humano, este non aprende do seu pasado. Como explicar doutro xeito que a teoría da raza superior e do espazo vital (Lebensraum) sigan tendo as súas variantes nos nosos tempos? Aí este o parkoi, o plano ideado por Slovodan Milosevic que pretendía limpar Kosovo a través da expulsión forzosa e o xenocidio. E que dicir de Ruanda e de Darfur coa inexplicable repetición do fenómeno da indiferenza por parte da comunidade internacional. E aínda así, é un fenómeno único. Non me parece correcto que o verdugo e os seus descendentes eludan a responsabilidade e o se afrontar ao Holocausto como unha barbarie de dimensións únicas a través de exercicios de historicismo --o caso de Ernest Nolte en Alemaña-- cuxo obxectivo é banalizalo, integrándoo no mosaico das atrocidades perpetradas por outros réximes totalitarios e incluso por nacións normais durante o proceso incontrolado da furia bélica durante a Primeira ou a Segunda Guerra Mundial.


A pesar de todo, o Holocausto é unha atrocidade única, e a loita pola continua relevancia das súas leccións debe quedar aberta. A Shoá é aínda unha ferida aberta entre Israel e Europa, un nó de complexos. As difíciles relacións políticas entre Israel e Europa non responden só a posturas políticas diverxentes. Debaixo delas subxace un trasfondo histórico, unha relación enormemente complicada entre xudaísmo e europeísmo. A actitude israelí cara Europa nunca puido estar libre da pesada carga histórica que desde tempos inmemoriais acompañou a nosa simbiótica relación de amor-odio, afinidade e rexeitamento.


Se ben é verdade que o complexo de culpabilidade colectiva dos europeos xogou un certo, aínda que modesto, papel na creación do Estado de Israel, na conciencia israelí Europa segue sendo un continente baixo sospeita. A reacción da opinión pública europea, incluso dalgúns dos seus gobernos, diante da intifada palestina, ilustra posiblemente a natureza e a magnitude do complexo israelí-xudeu na conciencia europea. En Israel, a intifada certamente conduciu a excesos que merecían toda censura, e a propia sociedade israelí rebelouse contra eles. Son contadas as sociedades onde se escoitaran autocríticas tan acerbas e dolorosas en tempos de crise como en Israel. Movementos de masas protestaron polos excesos, a prensa fixo añicos aos gobernos e, consecuentemente, producíronse cambios políticos que respondían ao nexo entre democracia e responsabilidade. Pero a crítica europea que fixo uso con extrema facilidade, e incluso frivolidade, de expresións tan irresponsables por estar cargadas de significado histórico como exterminio, xenocidio, cacería humana --coma se fósemos os israelís tropas invasoras nazis marchando sobre Europa-- demostrou así ter unha axenda oculta na que a obxectividade non era o máis salientable. É difícil eludir a conclusión de que a intifada serviu para que a conciencia europea intentase librarse do seu complexo de culpa polo Holocausto, cargando sobre os ombreiros de Israel a responsabilidade de estar cometendo unha represión de dimensións holocáusticas. En certa forma, había unha sensación de regocixo diante do infortunio do pobo escollido --cuxo exterminio marcara de ignominia a fronte de Europa, a súa marca de Caín--, que deixou así de ser un pobo diferente ou moralmente superior aos demais. En realidade, Europa, cuxa historia está sementada de escandalosos excesos, tanto en terras europeas coma en continentes afastados, non criticaba os supostos excesos israelís, máis ben celebraba con alivio a definitiva integración de Israel, como nación xudía, no clube nada exclusivo das nacións banalmente normais.60 anos despois do Holocausto e cando parece que a narrativa xudía, incluso a narrativa do Holocausto, está sendo integrada na memoria colectiva dos europeos --sexa a través de museos, departamentos e cátedras universitarias ou de proxectos pedagóxicos nas escolas-- e o acto de hoxe é un reflexo digno desa integración da Shoá na narrativa nacional dun país europeo, neste caso España, e nun momento en que o Estado de Israel é xa unha entidade nacional potente e consolidada, aínda segue aberto o debate de se chegou a hora de pechar definitivamente a conta entre xudeus e cristiáns en Europa.



Eu defendo a memoria. Pero ao mesmo tempo é necesario que os xudeus, desde logo tamén en Israel, empecemos a abandonar a mentalidade da vítima e do gueto, que as veces é un impedimento na nosa relación co mundo que nos rodea. Só se chegamos a asumir a lexitimidade das demandas doutras vítimas e chegamos a aceptar que nós, no noso afán de asegurar un futuro normal para a nosa vila, convertemos a outros en vítimas, seremos capaces de conseguir a reconciliación coa nosa contorno. A memoria do Holocausto si, pero para abrir camiños cara o futuro e non para quedar ancorados no pasado. No 1991, despois da Guerra do Golfo, pronosticou o historiador xudeu-americano Charles Meyer que a Shoá perdería a súa centralidade na vida israelí dada a consolidación do Estado de Israel como resultado da inmigración da URSS e o proceso de paz que se inauguraba. Equivocouse. Precisamente nese novo período se intensificou o cultivo da memoria do trauma holocáustico, coma se os israelís necesitasen a seguridade que lles ofrecía a memoria e a mentalidade de vítimas para se afrontar aos novos desafíos. En marzo do 1998, cando o país esperaba o veredito no proceso de Iván Dameniuk, un suposto verdugo ucraniano nos campos de concentración nazis, o profesor Yehuda Elkaná, supervivente en Auschwitz, escribiu un artigo titulado "A favor do esquecemento" no que propoñía abandonar a memoria da Shoá sempre e cando desta se sacasen leccións de exclusivismo nacionalista. A democracia israelí periga, dicía, no momento en que a memoria da Shoá participa na nosa vida cotiá. O predominio da memoria histórica converte a nosa vida estatal nunha resposta ao Holocausto, na expresión dun profundo temor existencial. A presión obsesiva da memoria da Shoá corre o risco de converterse na base ideolóxica dunha sociedade de vítimas con inmunidade moral na súa confrontación co mundo árabe e co mundo en xeral. Esta, dicía Elkana, podería ser a vitoria última e paradoxal de Hitler. Pois é absolutamente perverso comparar a Arafat e a Abu-Jihad con Hitler. Non é necesario divorciarse das leccións para a supervivencia xudía para, ao mesmo tempo, sacar aquí unha lección universal da Shoá. Coa comparación entre Hitler e Arafat, ou incluso Saddam Hussein ou Ahmedinejad, dáse lexitimidade á comparación que algúns palestinos fan entre Israel e os nazis. É así como a través dun perverso proceso de analoxías se humilla a memoria das vítimas do Holocausto. Non nos é permitido perpetuar a vinganza continua de Hitler no sentido de manter á sociedade israelí como refén inválido da memoria. Se todo o que ocorre na nosa vida --especialmente nas nosas relacións e conflitos co mundo árabe-- é interpretado a través da memoria --e non só Arafat, senón tamén o sheik Yassin, Assad, Sadam Hussein, Ali Jamenei e Ahmedineyad, son novas edicións do mesmo Hitler-- chegamos a unha situación na que Israel, e a súa sociedade, en vez de actuar como un estado soberano nun mundo que cambia vertixinosamente, vive encarcerado na paranoia holocáustica dun gueto sempre ao bordo da destrución. Israel necesita dominar a memoria en vez de converterse no seu refén.



SEIS II A existencia de Israel como Estado e como nación deriva das grandes leccións da súa historia milenaria. O noso desafío hoxe é afrontar o mundo que nos rodea non só coas ferramentas defensivas que desenvolvemos ao longo dos anos, pero tamén coa mesma audacia de pensamento e da imaxinación creativa que tanto caracterizou ás elites xudías a través dos séculos. Non nos é permitido permanecer encerrados e inmóbiles no gueto mental das nosas convicións. En instantes clave da nosa historia as elites xudías souberon indicar o camiño da perplexidade á lucidez. Foron entre os primeiros en detectar a chegada do Holocausto --no aniversario de Hermann Broch escribíalle Elias Canetti en 1933 que vivimos entre dous guerras de gases; esta que se aveciña destruiranos a todos-- pero as masas non responderon, nin tampouco as clases medias. Seino. Non é nada fácil ser conciliadores nunha zona do mundo tan disfuncional como é o Oriente Medio, na cal abundan os fundamentalismos e os líderes suicidas, unha parte do mundo na que hai pouca misericordia para o feble, e menos aínda son os casos nos que dase unha segunda oportunidade ao derrotado.



Pero outra saída que non sexa a do recoñecemento mutuo e a salvagarda da dignidade de todos simplemente non existe. Hoxe, as nosas clases dirixentes e a nosa sociedade civil teñen a responsabilidade de concebir solucións valentes e xenerosas precisamente polos nobres ideais sobre os cales se construíu o Estado xudeu, e polos altos valores da civilización xudía. Foi cunha combinación única da razón democrática e da utopía que o movemento sionista fixo posible que os xudeus recuperasen os seus dereitos nacionais históricos e ofreceulles unha licenza para o futuro. Esas mesmas ferramentas terán que ser postas agora ao servizo da titánica labor de quebrar o código xenético do conflito árabe-israelí, e abrir o camiño á nosa definitiva reconciliación co noso contorno.

quarta-feira, janeiro 18, 2012

O galego 4049 de Mauthausen







Por Manuel Rivas


Estamos nunha casa de Négrepelisse, na prefectura de Tarn et Garonne, no departamento Midi-Pyrinées, en Francia. É o día 6 de agosto de 1945. Un home escribe unha carta o 6 de agosto. Vai para trinta anos. Naceu en San Miguel de Mones, na aldea do concello de Petín, Ourense, o 18 de novembro de 1915. Mais no seu aspecto semella que pasou o século enteiro como unha apisoadora por riba del. Agora non. Xusto agora, non. Porque está a escribir unha carta.
Para el esa carta é máis importante que calquera outra cousa que se poida escribir. Moito máis importante que unha obra mestra. Talvez, de estabelecer algunha comparanza, a carta que escribe laboriosamente, porque non está afeito a escribir, porque leva moito tempo sen poder escribir, mesmo diriamos, e non sería esaxerado, que leva moito tempo sen vivir, pois esa carta, cunha letra que avanza a ritmo de buril en táboa de madeira, tería por título axeitado o de Á procura do tempo perdido, o que puxo Marcel Proust á súa magna obra.





Iso é o que fai Albino González. O galego que vai para trinta anos que chegou a Négrepelisse e que se puxo a escribir unha carta. Este home silandeiro escoita o son da súa propia escrita como unha "voz baixa" da Historia humana. El tamén anda á procura do tempo perdido. Marcel Proust transformou a enerxía da memoria en tempo de pescuda. Lembrar sería un ir á procura. E iso transformou a narración. Xa non só se trataría de facer biografía ou reflectir o pasado. O tempo da novela xa sería un novo tempo. O presente que contén o pasado e que presinte o futuro.
Albino González, ao seu xeito, utiliza a técnica de Proust. Mais ten que ser cauto na expresión do seu lembrar, malia a escribir á persoa que máis quere no mundo. Escribe a María. Escribe a Ibiza. Non desexa lectores. Abonda con María. Sería un triunfo que María o lese. Mais el sabe que vai ter máis lectores. Lectores indesexábeis. Lectores secretos. Talvez apaixonados. Tan apaixonados que, esta tempada, en España, está de moda o andar á caza. Á caza do ser humano. Os da Censura Militar. Os da Censura Policial. Vai ti saber cantos lectores tivo a carta cando chegue a María, se é que chega a María. Porque María, pasado o tempo, é tamén un enigma.
Vexamos o que escribiu Albino:
"A mi inolvidable Marujita: Pienso que te extrañará mucho el recibir esta misiva mía tan tardía, pero la primera por la posibilidad.
Maruja, después de cuatro años te escribo estas líneas para que sepas solamente que aún vivo, y que vivo pensando en ti, en la lucha tan larga y dura que se me ha impuesto para vivir, no he olvidado por ello, el recuerdo de un ser que me ha sido siempre querido.


Yo pienso que te habrás casado o en todo lo mínimo te habrás ligado en amor a otro hombre, cosa que yo considero muy justa, si esto es así, no por ello olvido tu amistad ni tampoco debes hacerlo conmigo, y si por el contrario tu sigues aún queriéndome como yo a ti, espera poco más que días llenos de Felicidad que se aproximan para nosotros.
Dime algo del que como yo fue tan informtunado, tu papá. Cuéntame algo más que yo a ti, yo tengo historia pero no para hoy, dale besos de mi parte con el amor de hijo a tu mamá, a Anita y a Lidya, y recibe inolvidable María el eterno amor de Albino".
En Que é a literatura?, obra do 1948 que marcou durante anos o debate verbo do compromiso do escritor, Jean-Paul Sartre preguntábase por que e para que se escribe. Sabemos que Albino escribe a unha moza chamada María. Sabemos que escribe que á procura. Soña cunha noiva para o futuro. Mais hai un anaco na carta, unha febra deste tecido, que constitúe de seu un manifesto abraiante da condición humana, o agargalar nunha frase a realidade e o desexo. Albino condensa nesa frase todos os tempos e toda a experiencia do mundo. Sen nomealo, contén o horror. Sen citala, apoia na esperanza. Non hai ningunha grandilocuencia, ningunha retórica, ningún ornamento, mais a construción é perfecta, imposíbel de mellorar:
"Escribo estas líneas para que sepas solamente que aún vivo, y que vivo pensando en ti".
Son dezaseis verbas. Eis o porqué e o para quen. Se toda a linguaxe caera no Sil e as aureanas e aureáns que bateaban as augas co cunco para topar as pebidas de ouro tivesen que decantar unhas verbas, que máis quererían? Estou vivo e penso ti. Va que presta lanzar un xubiloso xuramento! Mais Albino escribe esta bomba informativa en voz baixa. Iso é o que leva facendo a humanidade perseguida dende sempre cando transmite a información esencial. Esa é a verdadeira Ars Poetica equivalente a como a define Archibald MacLeish:
"A poem should not mean
But be"
Dito ao xeito de Albino: O poema está vivo.
Quen era Albino González?
Un galego que loitara no Exército republicano, ferido de gravidade en Irún, e que se repuxera en Valencia, onde coñeceu a María Gómez cando ela tiña 16 anos. El volveu á fronte a loitar, pasou a Francia cando a caída de Cataluña e foi internado no penoso campo de Argelés. Cando a invasión nazi, Albino alistouse no exército francés. Detido polos alemáns, sufriu o destino de miles de españois republicanos. Os que levaban como marca o triángulo azul nos campos de exterminio nazis. Cando Franco e Serrano Súñer foron consultados polos xefes nazis sobre o destino destes españois recibiron a resposta de que os "verdadeiros" españois estaba en España. É dicir, estes dous grandes criminais non tiñan mortos dabondo no propio país senón que converteron en apátridas a miles de SP, os spaniards, heroicos españois nas gadoupas nazis. Albino foi levado ao inferno de Mauthausen co número de matrícula 4049. No mesmo convoi ía o ourensán Juan González del Valle, con número de matrícula 4054, logo deportado a Gusen, coa matrícula 9035, onde morrería gaseado o 26 de novembro de 1941. Albino sobreviviu en Mauthausen. Cando foi liberado o 5 de maio de 1945, día en que entrou o Exército dos Estados Unidos, era un dos responsábeis clandestinos da resistencia naquel inferno.
Algo sabiamos del polo que contara o fillo, Xesús González Gómez, sabio certamente en Ars Poetica e na historia das "voces baixas" da humanidade. Autor, entre outras pezas imprescindíbeis nunha biblioteca xerminal, de A lingua secreta. Entre nós, XGG. O valor dunha clave para protexerse do virus da amnesia. É el, XGG, quen agora publica no mesmo volume Cartas da noiva, de Albino González González, e El argonauta, de Juan Gómez Ripoll Campos (Edicions Documenta Balear). El argonauta é o comezo dunha novela truncada polo crime. O seu autor era Juan Gómez, o pai de María, pasado polas armas no cárcere provincial de Palma en 1942. Cando coñece a noticia da morte de Juan Gómez, Albino escribe a María: "Otros muchos conmigo juran ser vuestros padres, o relevar sus funciones, juran defenderos, juran sosteneros, y no hace falta jurar puesto que tú bien sabes quienes somos nosotros". Quen eran? As "voces baixas".


Tirado do xornal El País 21.11.08

domingo, janeiro 15, 2012

Que pasou esta semana en Israel?

Neve en Israel



Unha vaga de frio, acompañada por unha tempestade, afectou onte a Israel. A neve caiu con intensidade nos Altos do Golan e no Monte Hermon onde, segundo a Radio do Exércíto, chegou a ter un metro de altura.

sexta-feira, janeiro 13, 2012

Turquía, estado modelo?



Por Jon Iñarritu / Iñaki Aldekoa / Alex Larragoiti


GARA - 12.01.2011


http://www.gara.net/paperezkoa/20120112/314773/es/Turquia-estado-modelo


Tras unha visita ao Kurdistán Norte, os membros da delegación do partido basco Aralar realizan un balance no que denuncian a volta á represión contra o pobo kurdo por parte dun Goberno turco, que nos últimos anos viña realizando tímidos xestos e promesas. A pesar de querer aparecer en ámbitos internacionais como "exemplo a seguir en Oriente Medio", en Turquía, din os asinantes, vívense uns niveis de represión que lembran aos duros anos da década do noventa.


A principios do pasado mes de decembro, convidados polo BDP e por Abdullah Demirbas, alcalde de Diyarbakir-Sur, unha delegación de Aralar, acudimos ao Kurdistán Norte. Alí asistimos como observadores á macro-xuízo contra 156 representantes políticos kurdos, que retomouse o 6 do devandito mes, e mantivemos unha rolda de contactos con diferentes partidos e asociacións kurdas.
As dificultades que atopamos os observadores internacionais para poder acceder ao tribunal de Diyarbakir e, de igual forma, o ser testemuñas da imposibilidade dos acusados de declarar na súa lingua materna; a vaguidade das acusacións; así como o feito que varios dos procesados fosen xa xulgados e condenados polas mesmas causas, amosounos a gravidade da situación e a falta de garantías democráticas que se está a vivirse no Kurdistán Norte.
Nas reunións que mantivemos cos membros do BDP (Partido da Paz e da Democracia), a Asociación de Dereitos Humanos e a Asociación de desaparecidos, informaronnos dos centos de detencións de representantes institucionais; ademais dos 96 xornalistas (record do mundo superando mesmo a China) e dos centenares de menores detidos; das innumerábeis denuncias de torturas; dos máis de 250 kurdos asasinados «en situacións estrañas»; e todo iso, durante os gobernos AKP. Tamén faláronnos das fosas comúns xa localizadas, e da imposibilidade de desenterrarlos; fosas nas que se atopan os cadáveres dos máis de 17.000 kurdos «eliminados» polo Estado, na súa maior parte, nos anos 90. Este é o panorama estremecedor da «Democracia á turca»; esa que agora veñen a presentar como «modelo a seguir» en Oriente Medio.
Nos últimos anos, o partido gobernante en Turquía, o AKP (Partido da Xustiza e o Desenvolvemento), realizara certos xestos e promesas que deixaban adiviñar un cambio na política represiva exercida polos sucesivos gobernos turcos contra o pobo kurdo: o simulacro de recoñecemento parcial da identidade kurda; a posta en antena dunha canle en lingua kurda; tras anos de prohibición, unha aparente tolerancia ante as opcións electorais kurdas; e unha redución de detencións e torturas.
O espellismo non durou moito. Algúns analistas consideran que estes foron xestos calculados de cara ao cumprimento dos criterios de adhesión á Unión Europea, os coñecidos como Criterios de Copenhague; ou ben unha táctica meramente electoral. A realidade é que o Goberno turco volveu aos peores niveis de represión desde os anos noventa. A isto hai que engadirlle a ruptura da última tregua declarada unilateralmente pola guerrilla do PKK (Partido dos Traballadores do Kurdistan), polo que podemos manifestar que atopámonos cunha espiral de violencia acción-reacción que fai temer o peor e que sitúanos nunha situación que esixe medidas inmediatas de cara a resolver este longo conflito.
O recentemente finalizado ano 2011 pasará á historia como aquel no que en Oriente Medio varias sociedades erguéronse contra os réximes autoritarios que someteron ás súas poboacións, acontecementos coñecidos como «a primavera árabe». Un ano no que a Comunidade Internacional condenou e mesmo tomou medidas contra varios deses estados como Libia ou Siria. Neste contexto, varios estados e organizacións internacionais propuxeron o «modelo turco» como o ideal para estas sociedades. Subido á recuperada doutrina do neo-otomanismo, o primeiro ministro turco Erdogan paseouse por Exipto e Tunes; tense autonomeado defensor máximo da causa palestiniana e dos dereitos humanos en Siria; e preséntase como adaíl da defensa dos dereitos dos desamparados da Rexión. Todo isto, mentres as súas forzas armadas deteñen, torturan e bombardean o Kurdistán, sen piedade algunha.
É salientábel o feito de que, o pasado día 19 de outubro, a aviación turca bombardease o val de Kazán (Sueste), nunha operación contra supostos militantes do PKK na cal morreron 37 persoas. Todos os indicios levan a pensar que nela se empregáronse armas químicas, o que motivou unha investigación que está a ser levada a cabo por varios deputados dos parlamentos europeo e alemán, e encabezada polo membro do Die Linke, Feleknas Uca. De confirmarse estas sospeitas, sería un grave crime segundo a lexislación internacional que esixiría medidas inmediatas.
A ONU e a UE deben ser contundentes con Turquía. Un estado que foi referente no século XX en varias políticas, como as de educación, a laicidade, o feminismo, a igualdade; onde o Kemalismo tivo grandes acertos impulsando as políticas sociais e a igualdade e terríbeis erros masacrando ás minorías.
No momento actual, o Goberno Erdogan está a optar por fomentar o peor do nacionalismo turco, aderezado cun islamismo lixeiro pero imparábel e eliminando da sociedade turca os mencionados «acertos kemalistas». Toda esta estratexia, segundo varios expertos, non ten nada de casual senón que está claramente deseñada, e os guías da mesma parecen non ser outros que a sinistra e islamita «Confraría Gülen» e o seu líder Fetula Gülen, mentores dos señores Gül e Erdogan.
Finalizamos a viaxe na Asemblea Nacional Turca de Ankara, nun encontro cos deputados do BDP, formación que conta con 36 deputados. O seu portavoz, Hasip Kaplan, insistiunos na súa preocupación pola situación represiva actual e manifestou o seu pesar polo pouco eco que ten o «asunto kurdo», non só nos medios e nas institucións internacionais, senón tamén entre as organizacións de solidariedade cos pobos. Por último, mostrou o seu interese polo proceso de paz e normalización vascos, sobre os cales tomou notas, especialmente sobre o labor dos observadores internacionais e sobre a Conferencia de Aiete e os seus membros.
Despedímonos brindando con auga, xa que o Goberno islamita prohibiu o consumo de alcol, mesmo no restaurante do Parlamento. Brindamos cun nos (saúde en kurdo), en voz baixa; pola paz, a liberdade e todos os dereitos dos pobos de Oriente Medio e do Mundo. Topa!, Nos!, tamén desde Euskal Herria por un futuro como o que compartimos ambos os pobos, desde a defensa da nosa identidade nacional e da xustiza social.
PD: Ao estar a rematar este artigo, chéganos a nova do falecemento de 40 civís kurdos, bombardeados por un suposto "erro" da aviación turca. Unha suma e segue na desgraza do pobo kurdo...

sexta-feira, janeiro 06, 2012

Unha evolución indesexábel cara a un Estado binacional




Por Abraham B. Yehoshua - Haaretz (30.12.2012)













No seu artigo de opinión da semana pasada ("Agora é o teu turno", Haaretz, 23 de decembro 2011), Avraham Burg expuxo unha nova tese que sostén que chegou o momento de prepararse para a posibilidade de que Israel se estea movendo con certeza cega e irreversíbel cara ao establecemento dun estado binacional en Eretz Israel.
Á parte do campo relixioso (debido á estrutura da súa identidade relixiosa), do campo da extrema dereita laica (debido á violencia das súas fantasías), e á marxe da esquerda post-sionista (debido á súa visión cosmopolita-humanitaria), todos os outros campos políticos e ideolóxicos de Israel entenden e articulan o feito de que un Estado binacional en Eretz Israel é unha posibilidade perigosa e moi desfavorábel, tanto a curto prazo como (especialmente) a longo prazo.
A pesar deste feito, entenden que estamos a dar grandes pasos, aínda que sen necesidade, cara ao establecemento dun Estado binacional, unha entidade que nalgunhas etapas da historia sionista foi contemplada como unha posibilidade plausíbel, e mesmo como loábel nalgúns círculos. Mesmo se moitos de nós cremos que é posíbel evitar a creación dese suposto Estado binacional a través de medidas políticas contundentes, aínda existe a obriga de prepararse para esa posibilidade, tanto intelectual como emocionalmente, do mesmo xeito que nos preparamos para outros estados de excepción. O obxectivo desta atenta vixilancia sería garantir que un Estado binacional non socave a estrutura democrática de Israel, e non destrúa por completo a identidade nacional colectiva dos xudeus-israelís, a cal tomou forma durante as últimas décadas. Debemos darnos de conta de que un Estado binacional non xorde exclusivamente polas accións de Israel, a súa creación tamén sería consecuencia da complicidade e a colaboración silenciosa dos palestinos, tanto de dentro de Israel como de máis alá das súas fronteiras. Incluso os membros máis pragmáticos de Hamas queren arrastrar a Israel, como un primeiro paso, cara a tal eventualidade.
E quizais non se deba só á súa dubidosa suposición de que o que é malo para os xudeus sen dúbida debe ser bo para os palestinos, senón que tamén se derivaría loxicamente da perspectiva palestina, xa que polo que ao pobo palestino se refíre, un Estado binacional en toda a Terra de Israel é unha opción mellor que unha pequena Palestina extraída das fauces de Israel despois de moito esforzo e derramamiento de sangue.
Debido á forte economía de Israel e aos seus fortes lazos con Occidente, un Estado binacional, mesmo un que fose medio democrático, podería prometer aos palestinos unha vida mellor e máis segura, e (o máis importante) unha maior área territorial, toda a cal desexaban obter tras unha campaña de varias decenas de anos e cuxo obxectivo declarado era obter toda Palestina.
É por iso que debemos ter en conta as numerosas razóns dentro da visión palestina para desexar un Estado binacional. Esta visión quizais explique a obstinación da Organización para a Liberación Palestina, tanto no cumio de Camp David de 2000 como durante as conversas entre a Autoridade Palestina e o goberno de Olmert. Ademais de que pode influír na postura da Autoridade Palestina durante as últimas sondaxes do goberno actual de Israel á hora de propor unha serie de negociacións destinadas a forxar unha verdadeira solución, e que foron evitados pola parte palestina. Esta visión tamén explicaría a pasividade dalgunha maneira insondable dos palestinos con respecto á organización de protestas civís non violentas contra os asentamentos. Talvez tamén sexa responsábel da súa tranquilidade aparente tras a queima dalgunhas das súas mesquitas por parte de matóns xudeus.
A diferenza dos seus irmáns en Siria e nos outros estados árabes -que se enfrontaron co torso espido ás balas que o exército disparaba contra os seus propios compatriotas-, os palestinos observan pasivamente como a construción de asentamentos acelerouse, e é que subconscientemente pensan que a súa paciencia arrastranos cara a un Estado binacional.
Ao mesmo tempo, apoiándose en miles de anos de "experiencia", os xudeus unha vez máis parecen "querer inseminarse e cultivarse" dentro do seo doutro pobo, un pobo que pertence á grande nación árabe. Deste xeito, os xudeus actúan exactamente como fixeron os seus devanceiros en Ucraína, Polonia, Iemen, Iraq e Alemaña. En parte por medo, en parte por paixón, os xudeus diríxense cara a unha situación que xa lles trouxo grandes calamidades no pasado e que, aínda máis conmovedoramente, asestaría un golpe mortal a calquera posibilidade de normalización nacional sob soberanía israelí.
Para a maioría dos relixiosos, fanáticos ou semi-moderados, a visión binacional non resulta tan ameazante. Calquera persoa que soubese conservar a súa identidade a través dos ritos relixiosos e dunha vida comunitaria circunscrita a través do mundo durante séculos, sen dúbida podería conservar a súa identidade nun barrio illado, rodeado de aldeas árabes, pero cunha compañía do IDF protexendo o seu benestar.
Os extremistas de dereita, que consideran a Israel como un grande portaavións estadounidense (como o ministro Uzi Landau comentou), penso que consideran que a superpotencia estadounidense permitiralles resolver o problema demográfico chegado o caso mediante a realización dunha serie de transferencias en pequena escala nalgún momento futuro.
Ademais, os "humanistas", os veteranos da degustación das ideas dunha fraternidade ideal entre as nacións inculcadas por movementos como Hashomer Hatzair e Brit Shalom, non atoparán nada ilexítimo en que as oficinas de Hamas se instalen nun futuro no complexo de Azrieli de Tel Aviv, a condición de que estas oficinas non molesten a súa sensibilidade idílica humanista.
Pero para aqueles que crían e soñaban cunha identidade nacional xudía israelí independente, que para ben ou para mal enfróntase á proba de facer fronte a unha realidade nacional-territorial enteiramente propia, un Estado binacional representa un soño roto, unha máis que segura fonte de desmoralización ante os conflitos internos que sen dúbida se desenvolvesen no futuro no devandito Estado binacional, como demostrou o fracaso de todos os experimentos binacionais desenvolvidos no mundo, e onde os pobos involucrados estaban máis preto entre si que os xudeus e palestinos en termos de relixión, economía, valores e historia.
É aínda posible evitar esta conxuntura negativa que se prevé na futura saúde do paciente? Seguirá sendo posible persuadir aos palestinos para que se mobilicen para a consecución do logro dunha solución de dous Estados (mesmo se os estados están unidos como unha federación)? Seguirá sendo posíbel persuadir aos amigos de Israel nos Estados Unidos e en Europa para que continúen mostrando a súa contundencia e apoio moral, e así poder facer recapacitar a Israel sobre a caída en espiral que se marcou para si mesma?
Queiramos ou non, o binacionalismo está a progresar. Como poderiamos conter o dano? Como poderiamos tratar con el de maneira que non destrúa a identidade nacional independente do Israel secular, e non nos esmague creando algún lugar onde reine a exclusión das mulleres, tanto xudías como musulmás? Estas son cuestións vitais e novas á que mesmo o campo da paz debe proporcionar axiña respostas.