Ou son os xudeus ou é o tranvía



Por Javier Gómez*

Escribo en quente e convén non facelo. Pero xa é sete palabras tarde para arranxar iso, así que, como moito, convén só telo presente. Difícil escribir en frío pensando nos metrallados esta mañá nunha escola xudía de Toulouse: un, de dez anos, dous irmáns de seis e tres anos, e o pai destes, profesor de lingua hebrea na escola. Un adolescente de 17 anos loita nestes momentos nun hospital por non ser o quinto cadáver. Mortos baixo as balas por ser xudeus. En 2012. En Europa.

Onte colguei en Twitter a portada en facsímil do New York Times do 15 de maio de 1948, día da creación do Estado de Israel. Un capricho xornalístico dunha recente viaxe a Israel. Un tipo que, a xulgar polo avatar, defende os dereitos dos homosexuais, respondeume que os xudeus se valen da "renda emocional do Holocausto" para masacrar aos palestinos. Entendín que ante semellante falta de sensibilidade e matices, non valía a pena entrar en razoamentos, pero si me custou dixerir a frase. Confío en que lle vaia ben defendendo os dereitos dos oprimidos por razóns sexuais.

O outro día paseaba por Xerusalén-Este cando percibín un incremento da presenza militar. Aos poucos minutos decateime de que apuñalaran a unha muller israelí. Fixérao un palestino. Cal foi a miña estupefacción cando, ao ler a nota da axencia Efe, descubrín que o suxeito do titular non era a muller, nin o acto de violencia, senón o tranvía: "O tranvía de Xerusalén é suspendido tras ser apuñalada unha muller xudía".

Pasei a noite na zona árabe de Xerusalén. Falei cos seus habitantes, a maioría israelís árabes, os mesmos que en varias enquisas aseguraron que preferirían seguir vivindo no Estado de Israel, aínda que se constituíse por fin un Estado Palestino. E lembrei un texto no xornal El Mundo que falaba de apartheid en 9 quilómetros cadrados. Dun "muro gris de cemento". Do "cheiro e a desposesión". Duns barrios abandonados, sen recollida de lixo nin servizo postal. Estrañoume ver como recollían o lixo. Sorprendeume non atopar ese muro de cemento, por máis que o busquei. Vino en Belén. Ou preto de Ramallah, pero non en Xerusalén. Nin que dicir das miñas cellas arqueadas ao ver como chegaban cartas ao hotel onde durmía, preto da Porta de Herodes.

Recoñezo que sempre me seduciu a utopía do sionismo de esquerdas: unha democracia en Oriente Medio, un verxel no deserto, un Israel progresista, un soño do que cada vez queda menos. Por non dicir case nada. Preguntáballe a un amigo que coñece ben a cuestión por que a esquerda israelí está feita trizas e respondeume cunha lóxica esmagadora: "A esquerda pacifista pediu a retirada do sur do Líbano para conseguir a paz e, desde entón, Hezbolláh atacoulles desde alí. A esquerda pacifista pediu a retirada de Gaza para conseguir a paz e desde entón Hamás ataca con morteiros. Obviamente, a ver quen lles fai caso agora pedindo a retirada unilateral de Cisxordania".

Neses días do meu periplo israelí e palestino recomenzaron as escaramuzas en Gaza. Israel iniciou as hostilidades matando o xefe das milicias. A Yihad islámica e outras milicias responderon con disparos de morteiro e mísiles sobre zonas habitadas por civís. O Exército israelí bombardeou as posicións de lanzamento de morteiros cun saldo de 25 mortos. Se contabilicei ben, 22 milicianos de Hamás e 3 civís (a quen lle importa se a foto difundida desde Palestina dunha nena de 6 anos vítima dos ataques israelís era en realidade dun accidente de coche de hai 6 anos). En territorio israelí caeron 153 mísiles Grad e foguetes Qassam, máis medio centenar interceptados no aire.

Israel equivócase. Israel mata. Israel esmaga moitos dereitos dos palestinos para defender os seus. E, perdón por unha formulación tan simplista, a min paréceme mal. Pero os palestinos matan, equivócanse e tamén esmagan dereitos, aínda que dicilo supoña para algúns participar na "renda emocional do Holocausto". Dá a sensación de que, cara a fóra, cara ao xornalismo, cara a España, as cartas de bos e malos xa están repartidas antes de analizar cada feito, cada día, cada evento. E nas polvoreiras do mundo parece arriscado xogarlla a indios e vaqueiros.

Os pobres afgáns resistentes aos soviéticos convertéronse anos despois no terror talibán. A resistencia siria empeza a estar influenciada pola yihad e os seus metodos terroristas. Moitos dirixentes africanos estudaban en Europa e Estados Unidos e conducían movementos de liberación que despois, apoiados por Occidente, reproducían no poder as mesmas ditaduras pero cambiando as contas de crédito beneficiadas por esquilmar aos seus pobos. Por non falar dos Balcáns, onde cada piñeiral esconde unha fosa común, e hainas de todas as cores.

Por certo, a muller apuñalada restablécese no hospital. E o tranvía de Xerusalén retomou o seu servizo. Segue percorrendo ambas as zonas de Xerusalén: a hebrea e a palestina, a xudía e a árabe, a occidental e a oriental. Nos seus vagóns viaxan pasaxeiros de todos os credos.

* Artigo publicado no magazine Jot Down (Marzo 2012)

Comentarios