Disparos masivos de mísiles cara a Israel desde Gaza

Máis de 20 foguetes foron disparados contra Israel desde Gaza hoxe sábado.


O pasado mércores, as Brigadas Al Quds (brazo armado da Yihad Islámica) romperon a tregua cun mísil de tipo Grad disparado desde Gaza contra a cidade de Ashdod. Como resposta, a Forza Aérea israelí atacou este sábado a un comando da Yihad nunha base terrorista matando a cinco dos seus membros. Entre os 5 mortos pola resposta israelí figura Ahmed Sheij Jalil, un veterano dirixente das Brigadas Al Quds. Logo, os terroristas lanzaron esta tarde e noite un ataque masivo contra poboacións do sur de Israel (Ashdod, Ashkelon, Sderot, Kiryat Malaji, Ofakim, Gan Yavne e Eshkol entre elas), provocando un morto e múltiples feridos. En Ashdod, cidade costeira situada a uns 30 quilómetros ao sur de Tel Aviv, impactaron catro foguetes, un deles preto dun edificio de vivendas, causando feridas leves a unha persoa e varios incendios. Nesa mesma cidade outro foguete caeu nunha escola, aínda que non causou danos materiais nin persoais por caer no patio. Outro proxectil explotou na localidade de Gan Yavne, próxima a Ashdod, e causou feridas leves de metralla nas pernas a un home de 40 anos. Dous foguetes máis caeron nas proximidades de Eshkol, ao noroeste do deserto do Neguev, sen provocar danos, e máis tarde outro preto da cidade de Ber Sheva. Segundo informan os medios israelís, os sistemas de defensa antiaérea conseguiron interceptar varios foguetes antes de que caesen en Ber Sheva, a capital do Negev, ao leste da franxa de Gaza.

Comunicado do Exército israelí
"O comando terrorista alcanzado estaba a se preparar para disparar un mísil de longo alcance e é o responsábel do disparo dun mísil Grad contra o sur de Israel o pasado mércores", comunicou o Exército israelí. O Estado Maior do Exército israelí analiza a situación de emerxencia así como posíbeis respostas aos mísiles da Yihad islámica.
Protección Civil ordenou aos habitantes do sur de Israel que non se afastarse dos refuxios. "O noso ataque ao mediodía non foi como resposta ao mísil do mércores contra Ashdod senón para evitar o disparo de mísiles dese comando terrorista", manifestaron fontes militares a medios locais.
O Ministro de Exteriores israelí, Avigdor Lieberman, asegurou esta tarde que o seu Goberno "non busca unha confrontación cos palestinos e non quere tensar a situación" pero advertiu de que "non podemos tolerará máis ataques" contra Israel "sen unha resposta". "Espero que os ataques cesen esta noite coa axuda dos países veciños, a comunidade internacional e a Autoridade Palestina, do contrario haberá consecuencias nos próximos días", dixo Lieberman. Varios grupos palestinos reivindicaron esta tarde o lanzamento de ducias de mísiles, foguetes e morteiros sobre o sur e o centro de Israel.
Faleceu un dos feridos en Ashkelon
Un home que resultara ferido polo disparo dun morteiro na súa casa de Ashkelon faleceu por mor desas feridas na noite do sábado, mentres era atendido no Hospital Barzilai desa cidade. Nas cidades de Gan Yavne e Ashdod suman 24 feridos de diversa consideración.


Imaxe difundida desde Gaza na que pode verse o disparo de varios fogetes

Comentarios