O final de Mubarak é cuestión de horas


Por Maximiliano Borches
Horizonteweb.com
.
Tras gobernar de xeito autoritario durante os últimos trinta anos, o goberno do presidente autócrata Hosni Mubarak, pende dun fío tras a espontánea e decidido manifestación popular e a retirada de apoio occidental e do seu propio exército. O presidente Hosni Mubarak, accedeu á presidencia do seu país, Exipto, tras o asasinato de Anwar El-Sadat, artífice xunto ao primeiro ministro israelí Menahem Beguin, do acordo de paz asinado por ambas nacións en 1979. Até o momento de producirse aquel magnicidio, Hosni Mubarak cumpría a función de vicepresidente. Unha vez arribado ao poder, Mubarak intensificou as relacións con Estados Unidos e outras potencias occidentais, e valéndose deste apoio -aproveitando ademais o contexto internacional daqueles anos: revolución teocrática en Irán, invasión siria ao Líbano e guerra civil no país dos Cedros, xordimento de Hezbollah, guerra Irán-Iraq- Mubarak creou, sob o amparo de Occidente, os mecanismos necesarios para perpetuarse no poder sen recibir demasiadas críticas por iso. Desde entón, o silencio das principais democracias do planeta, ante a permanente violación dos Dereitos Humanos en Exipto, como así tamén o amparo ás diversas trampas electorais que reiteradamente adxudicábanlle a reelección presidencial, fixeron de Exipto; o país máis populoso do mundo árabe e de maior importancia estratéxica, un "oasis" para os intereses inmediatos de Occidente e en particular de Estados Unidos na rexión. Unha das principais causas, ou escusas, para que as potencias occidentais teñan feito a vista gorda ante os diversos atropelos cometidos contra a sociedade civil exipcia durante este últimos trinta anos, é a existencia e popularidade da denominada "Irmandade Musulmá", unha das primeiras agrupacións radicais islámicas -fundada en 1928 polo mestre Hassan el Banna- que serviu de inspiración para a creación de diversos grupos terroristas, por exemplo o grupo palestino Hamas.
.
Como exemplo do apoio recibido por Washington cabe lembrar a visita que fixera o mandatario estadounidense Barak Obama, en 2009 ao Cairo, onde, tras pronunciar un histórico discurso na Universidade coránica de el Azahar, dixo que "Mubarak é a garantía da orde democrática de Medio Oriente", tras o cal, a despedida de Obama realizouse unha vez asinado un convenio que establecía a transferencia de distintos tipos de armamento por máis de 3.000 millóns de dólares.
.
Posíbeis escenarios
.
A revolta popular tunisiana, que acabo con 23 anos de ditadura de Zine Al Abidin Ben Ali, marcou o inevitábel destino que queda por transitar aos gobernos autocráticos do mundo árabe. O efecto dominó que produciu esta revolta popular tunisiana, tivo os seus efectos inmediatos -por agora- en Iemen, Xordania, e con gran intensidade en Exipto. Aínda que son varios os grupos de poder que pugnan por encabezar a revolta exipcia, Occidente e Israel, en particular, están á expectativa de que non sexa a Irmandade Musulmá -quen propugna construír un Exipto islámico/teocrático e que ten fortes vínculos con Hamas- quen termine encabezando un futuro goberno. En termos políticos, un goberno da Irmandade, no país máis poboado do mundo árabe e polo que pasa a través da Canle de Suez gran parte do petróleo e outros produtos desde Asia a Europa, desencadearía unha onda de revolucións islamitas en todo o mundo musulmán -non só árabe.
.
Sen dúbida, este e o principal perigo que podería enfrontar -aínda que hipoteticamente- Israel, nesta nova etapa de cambios políticos no mundo árabe. Por tal motivo, e tendo en conta que o exército exipcio decidiu non reprimir -o que demostra que o goberno de Mubarak transita as súas últimas horas no poder- e o ex director do programa de nuclear de Nacións Unidas (AIEA, segundo as súas siglas en inglés) Mohamad Al-Baradai -que goza de boas relacións con Occidente- proponse encabezar un goberno de transición, tanto Israel, como o resto das potencias que comparten intereses con Exipto, deberían apoiar a creación do devandito goberno de transicion, que ás claras, visualízase como a mellor resposta para tentar destrabar o conflito político/social que podería derivarse -sen unha resposta inmediata- nunha anarquía aínda peor.
.
O mundo árabe comezou a cambiar
.
Unha pantasma percorre o mundo árabe, e o son das súas cadeas demostra o cansanzo popular cara as diversas ditaduras (moitas delas apoiadas por Occidente) que hai tempo, non brindan respostas á situación socioeconómica que lles toca vivir ás maiorías populares daqueles países. A partir de agora, haberá que estar moi concentrado ante estes cambios, para que non deriven -como no caso de Irán- en ditaduras aínda máis feroces que ademais de subxugar aos seus pobos poñen en perigo a estabilidade mundial polos seus desexos teocráticos.
.
O cambio é unha realidade, apoiar a (agora) antigos ditadores, é un erro político que claramente axudaría aos sectores mais oscurantistas das sociedades musulmás, a alzarse co poder. Só o entendemento destes tempos de cambios, e o apoio para que os mesmos se produzan con maior democracia e respecto aos diversos sectores do complexo mosaico ideolóxico árabe, é a solución -polo menos nesta etapa- para que, no futuro, se poidan seguir construíndo as necesarias pontes de diálogo.

Comentarios