Guerra limpa?


Por Afonso Vázquez-Monxardín *
La Región - 12/10/2010
.
Segundo contan algúns expertos, empezou unha nova guerra. Limpa. Calada. Sen estouridos. Sen nenos queimados. Sen recrutas mortos no mellor da vida. Sen bombas de napalm, de fragmentación, de radioctividade, sucias, como se puidese haber bombas limpas. Nesta guerra de novo estilo, nin se sabe ben quen combate e ninguén do común sabe exactamente cando empezou. Seica faoi a cousa alá por mediados de 2009, pero non é seguro. Esta guerra radicalmente nova baséase na absoluta dependencia que temos ?non é un futurible senón un presente temible- do mundo da informática. ¿Lembran ter chegado a un banco co caixeiro fóra de servizo e cos ordenadores 'caídos' e sen poder sacar cartos? ¿Nunca lles pasou nos seus traballos estar un día ou dous bloqueados porque os sistemas informáticos centralizados non funcionaban?Pois a arma chámase 'Stuxnet' e o obxectivo, á vista do visto, parece ser Irán. En agosto deste ano, alí había, segundo Symantec, coñecida empresa antivirus, 62,867 ordenadores infectados, a inmensísima maioría dos infectados no mundo. Para que se fagan unha idea, en Alemaña, por exemplo, só había 15. E seguramente estes en relación coa empresa Siemens, pois o virus é, para que nos entendamos, é unha especie de complicadísimo troiano que ataca o software que fabrica esta empresa para a xestión de procesos industriais e permite controlar desde o exterior os mesmos. Non é pois unha 'arma de destrución masiva' que afecte vía rede a todos os ordenadores persoais dun país ou algo parecido, ou aos ordenadores de bancos, colexios, etc. nada máis lonxe dese obxectivo. Seica ataca só aos involucrados en procesos industriais. E, curiosa e significativamente, aos que teñen que ver co programa nuclear iraní. De aí que se producise unha ralentización recoñecida polo propio Irán na produción do combustible nuclear para as súas centrais, cuxos usos pacíficos declarados non deben ser moi compartidos polos creadores do tal 'Stuxnet'. Non cómpre ser especialmente listo para pensar quen pode estar detrás do tal virus. Segundo parace, tampouco foi casual que os radares sirios fallasen estrepitosamente o día 6 de setembro de 2007 xusto cando uns avións israelís se dirixían a eliminar as instalacións nucelares de Dir a-Zur. Contan que dada a complicación técnica do actual 'Stuxnet' este non se podería construír sen unha grande infraestrutura tecnolóxica por detrás de importancia tal que só estaría ao alcance das primeiras potencias. Ademais, parece que un dos ficheiros do virus se chama Hadasá, o nome hebreo de Esther, a raíña xudía de Persia que liberou ao seu pobo do exterminio decidido polo seu home, o rei persa Asuero. En calquera caso, dáme o corpo que debe haber alguén nun tobo no deserto do Neguev que saiba do tema e que estea sorrindo, aínda que preocupado e traballando. Pois se a cousa ten que ser, mellor así que con lume e sangue, claro. Guerras modernas. Cousas curiosas.
* Afonso Vázquez-Monxardín é socio de AGAI

Comentarios