Theodor Herzl: 150 anos do seu nacemento

Viena e Budapest conmemoran o 150° aniversario do nacemento do xornalista e escritor austro-húngaro Theodor Herzl, creador do sionismo político e "pai intelectual" do Estado de Israel cambiando, para sempre, a autoestima xudía. A teoría de Herzl era que coa existencia dun Estado propio, os xudeus serían fortes, algo "revolucionario" para un pobo que sufriu persecucións ao longo de séculos, ao longo de toda a súa historia pasando a ser grazas ao nacionalismo sionista protagonistas da súa propia historia. Theodor Herzl naceu o 2 de maio 1860 no seo dunha acomodada familia xudía de Budapest, de fala alemá. En 1877, trasladouse a Viena, onde estudou Dereito e viviu en carne propia o crecente antisemitismo austríaco. Foi admirador de Lutero, von Bismarck e partidario da asimilación dos xudeus. Pero, ao terminar a universidade, viviu a experiencia da imposibilidade de facer carreira na administración pública, polo que se dedicou á escritura e ao xornalismo. En 1891 trasladouse a París como correspondente do xornal "Neue Freie Presse" de Viena, un dos máis prestixiosos de Europa. Na capital francesa, Herzl experimentou outra forma de antisemitismo, o que fixo madurar nel a idea de elaborar unha solución revolucionaria para o que entón se chamaba a "cuestión xudía". Un punto de inflexión foi o proceso en 1894 contra o militar xudeu francés Alfred Dreyfus, acusado de espionaxe e condenado con probas falsas e calumnias antisemitas. Tras o seu retorno a Viena, Herzl dedicouse a elaborar a ideoloxía sionista e, en 1896, publicou "O Estado Xudeu". A súa obra tivo unha recepción que oscilou entre o grande entusiasmo e o escéptico rexeitamento. Herzl insistiu na súa visión de crear un Estado xudeu e, para agosto de 1897, convocou o primeiro "Congreso Sionista Mundial", celebrado en Basilea, onde presentou por vez primeira ante un gran auditorio as súas ideas: Estado moderno, secular e plurilingüe, modelo para o resto de mundo. Era sen dúbida un nacionalista liberal. Tras o éxito do primeiro Congreso Sionista, emprendeu un frenético periplo viaxeiro, que levouno por toda Europa e por Medio Oriente para convencer a políticos, comunidades xudías e aos árabes das vantaxes dun Estado Xudeu. A súa idea foi rexeitada polo Imperio Otomán. Herzl seguiu sendo o líder do movemento sionista pero o seu ritmo de traballo acabou pasándolle factura e morreu en 1904 con só 44 anos. Iso si, a súa visión fíxose realidade apenas 50 anos despois do Congreso de Basilea, cando a ONU aprobou a resolución 181 e foi declarada a independencia do Estado de Israel.


Comentarios