25 anos do atentado contra o restaurante "El Descanso"


Pou Luís R.Aizpeolea

El País - 18.04.10

Sobre as 22.30 do 12 de abril de 1985, Cristina Salgado estaba na barra do restaurante El Descanso, próximo á base norteamericana de Torrejón de Ardoz, acompañada do seu marido, Arturo Rodríguez, da súa amiga Mercedes Dresh e da parella desta. Era venres e o tres salóns do restaurante, cunha capacidade de 200 persoas, estaba cheos. Súbitamente viu un escintileo e atopouse debaixo dunha chea de cascallos. Pasaron dúas horas antes de que a rescatasen, pero non se desmaiou. Escoitaba berros, pero pareceulle que o tempo pasou rápido ate que a extraeron de entre os cascallos. A Cristina sacárona viva. Non pasou o mesmo co seu marido Arturo, axente de seguridade da Presidencia do Goberno, nin coa súa amiga Mercedes Dresh, empregada do City Bank. Foron 2 dos 18 mortos no atentado terrorista de El Descanso. Cristina, con lesións graves, engrosou a listaxe dos 82 feridos. Só 11 das 100 vítimas (entre mortos e feridos) eran norteamericanos. Hoxe, domingo, a Asociación de Afectados do 11-M celebra un acto de recoñecemento no chamado Bosque dos Ausentes, no parque do Retiro, con motivo do seu 25º aniversario.

O do restaurante El Descanso-La Casa de las Costillas, foi o primeiro atentado do terrorismo islamita en España contra españois e o terceiro máis grave que sufriu este país, con 18 falecidos, despois do ocorrido o 11-M de 2004 en Madrid, con 192 mortos, tamén do terrorismo islamita, e o do Hipercor de Barcelona en xuño de 1987, con 21 vítimas mortais, cuxa autora foi ETA. É, tamén, o máis descoñecido. Vinte e cinco anos despois, ninguén foi detido por este atentado nin tampouco foi xulgado. O feito de que fora o primeiro atentado islamita contra súbditos españois xerou confusión sobre a súa autoría. O atentado produciuse nun establecemento moi visitado por soldados norteamericanos da base de Torrejón de Ardoz (Madrid). Ademais, faltaba un ano para a celebración do referendo da OTAN; estabáse a piques de establecerse relacións diplomáticas con Israel e próxima a visita a España do presidente norteamericano Ronald Reagan. O Ministerio do Interior, dirixido entón por José Barrionuevo, só deu verosimilitude ás dúas siglas que o reivindicaron nas primeiras 48 horas tras o atentado: a Yihad Islámica, realizada desde Beirut (Líbano), e Waad (Promesa), distribuída pola axencia de prensa Kuwait News Agency en Beirut e Adén. Waad era unha sigla que utilizaba a Fronte Popular para a Liberación de Palestina-Comandos Especiais (FPLP-CE), unha escisión da OLP, para reivindicar os seus atentados terroristas.

Co paso do tempo gañou peso a reivindicación da Yihad Islámica. A carta publicada dúas semanas despois do atentado dicía: "O islam está preparado. España e Italia son os primeiros obxectivos. O atentado en Madrid foi o inicio da guerra santa islámica. Morte a Estados Unidos. Os apóstolos da morte están preparados para reemprender a guerra santa". Ademais, este mesmo grupo xa reivindicara en 1984 outros atentados en chan español, pero non contra cidadáns nacionais. En Marbella foi asasinado o súbdito saudita Nasser Abdul Aziz por mor dun atentado contra o propietario do diario kuwaití Al Anbas, Jalid al Maarzook, que resultou ileso. E en Madrid supostamente atentou contra o libanés Elías Jousset Assad Awad, presunto confidente do Mossad (servizo secreto israelí) que quedou parapléxico.

Cristina Salgado non puido decatarse de nada do sucedido nos días posteriores ao bombazo. Estivo no hospital recuperándose das súas graves lesións. Os médicos impedíronlle ver a televisión. Pero ao teceiro día víronse obrigados a notificarlle que o seu marido falecera no atentado. "Intuíao porque Arturo e eu estabamos moi unidos. Deixei de sentirlle e díxenme: Xa non está", lembra Cristina. Esta muller fixouse como un obxectivo primordial da súa vida coñecer a verdade do atentado no que perdeu a vida o seu marido. Militou na Asociación de Vítimas do Terrorismo (AVT) da primeira época e na Asociación Afectados do 11-M. Poucas novidades producíronse desde entón ao redor deste caso. En 1992, o interrogatorio do xuíz Baltasar Garzón ao terrorista arrepentido Ahmed Boumershed, membro do FPLP e ex colaborador do traficante de armas sirio Monzer al Kassar, non obtivo ningún resultado. O caso chegou a estar arquivado temporalmente.

Tras ao atentado do 11 de marzo de 2004 en Madrid, que centrou o interese político e informativo no terrorismo islamita, pareceu que a situación podía cambiar. Entre a numerosa información que achegaron os medios de comunicación sobre o terrorismo islamita, unha testemuña recoñeceu como autor do atentado de El Descanso a Mustafá Setmarian Nasar, sirio nacionalizado español, vinculado coa célula española de Al Qaeda e co seu líder, Abu Dadah. Fíxoo na Fiscalía da Audiencia Nacional. A descrición que presentou de Setmarian coincidía coa recollida no sumario. O seu testemuño obrigou ao xuíz Ismael Moreno a reabrir o caso, arquivado en 1987 por falta de autor coñecido. A Setmarian, reclamado pola Audiencia Nacional, perdéuselle a pista en 2005, tras ser detido en Queta, fronteira entre Afganistán e Paquistán. Hai sospeitas de que pode estar nunha das prisións secretas que teñen os norteamericanos en Diego Gómez, unha illa do Índico, ou ben en Siria. En 2009, o xuíz Garzón enviou un auto ás autoridades norteamericanas preguntándolles sobre o paradoiro de Setmarian. En decembro contestáronlle que ignoraban onde se atopaba. O atentado contra El Descanso foi recoñecido como terrorista polas autoridades xudiciais e gobernamentais. Pero aínda non existe unha verdade oficial. Cristina Salgado e os sobreviventes e familiares das vítimas do restaurante El Descanso seguen querendo coñecer a verdade. Creen que a fiscalía e o Goberno deberían aproveitar as boas relacións coa Administración do presidente Obama para esclarecer este escuro caso.

Comentarios