QUEN PERDEU TURQUÍA?


Editorial
Jerusalem Post
.
Israel podería facer algo máis para evitar a aparente ruptura das súas relacións con Turquía? Poderiamos facer algo que fixese inconcibible para os turcos que na súa televisión estatal unha serie retratase o conflito palestino-israelí como unha loita entre os psicópatas sionistas e os coitados palestinos? Sen dúbida, se Israel reaccionase á violenta "resistencia" palestina non coa Operación Chumbo Fundido, senón cunha pasividade ao estilo Gandhi, cunha declaración de que mentres haxa mulleres e nenos en Gaza o noso exército non dispararía de novo e en lugar de impor un "asedio" - respondendo á toma do poder de Gaza por Hamas -, proporcionase unha pista de aterraxe onde puidesen descargar os avións de carga iranianas, sen dúbida os avións israelís e turcos poderían agora, supomos, levar a cabo manobras conxuntas. Pero vaiamos máis aló.
.
Se mañá Israel se retirase ás Liñas de Armisticio de 1949, dividise Jerusalém, abandonase Judea e Samaria, os bloques de asentamentos estratéxicos, o val do Jordán, nunha palabra todo, en nome do "fin da ocupación"; se ademais Israel entregase os Altos do Golán e aceptase o ingreso de millóns de palestinos que "retornarían" ao noso novamente truncado estado de 15 Km de ancho; se inclusive Israel se comprometese a non impugnar a extradición do Estado Maior do IDF á Haia para facer fronte ás falsas acusacións de crimes de guerra e os xudeus permaneceran mudos mentres o seu estado era desmantelado e as faccións palestinas loitaban entre elas polo poder, sen dúbida a cortesía reinaría probablemente nas relacións entre Turquía-Israel.
.
Podemos mesmo imaxinar á Asemblea Xeral da ONU aprazando o debate sobre a "a cuestión de Palestina". Evidentemente, o que inhibe todo esta especie de nirvana é a terca insistencia de Israel en utilizar o mesmo dereito á autodefensa do que gozan os Estados soberanos. A verdade: o xiro de Turquía en contra de Israel enténdese mellor no contexto da súa transformación e evolución desde o ethos secular, nacionalista e occidental de Mustafa Kemal Ataturk ás actitudes dogmáticas, radicais, pan-islámicas e prol Oriente Medio dos seus gobernantes actuais. Isto reflíctese máis claramente na aparente decisión de Turquía de non proseguir activamente coa adhesión a Unión Europea (UE) xa que parece renunciar a tratar de conciliar o que quere para ela mesma co que Occidente require. O mércores pasado, Olli Rehn, responsable da UE a cargo da ampliación da comunidade, criticou moi duramente ao goberno islamita de Ankara pola imposición de duras sancións aos medios de comunicación críticos co réxime. Pero a día de hoxe parece que a UE necesita máis a Turquía que á inversa.
.
En canto aos militares, os cales historicamente cumpriron unha función homeostática cada vez que os gobernos turcos se desviaron do camiño de Ataturk, foron politicamente neutralizados e subordinados ao réxime. Non ten sentido pois que os israelís nos preguntemos que fixemos para que agora os gobernantes árabes, persas e turcos nos atribúan as máis viles das intencións - por exemplo, conspirar para destruír os santuarios musulmáns no Monte do Templo, ou saborear o asasinato sistemático de nenos árabes para extraerlles os seus órganos -. En resumo, sen desexar facer caso omiso dos posibles danos causados por tal ou cal política israelí por comisión ou omisión, na análise final Israel non perde Turquía máis do que perdeu Irán ou perdeu aos palestinos "moderados". O movemento nacional palestino, con toda a súa obstinación autodestructiva, pareceu que con Mahmoud Abbas e Salam Fayad avanzaba lentamente cara á aceptación de mala gana dunha solución de dous estados. Pero foron desbordados por Hamas. Calquera iniciativa que agora emprenda Abbas en dirección á moderación - acordar temporalmente deixar de lado o repudiable informe Goldstone, por exemplo - é denigrado como perfidia.
.
Esta contorna levou mesmo a un home sensato como Fayad a que o seu gabinete realizase deliberacións sobre se os soldados israelís están a roubar os órganos aos mozos palestinos. Esta semana, referiuse a unha Palestina froito dun compromiso territorial como un potencial estado de "Mickey Mouse". A explicación fundamental do que está a suceder en Turquía e entre os palestinos (e hai décadas que pasou en Irán) é que estas organizacións políticas non poden facer a paz coa modernidade. En cambio, en diversos graos, están a virar cara ao Islam radical, o cal prometeu pór fin ás rivalidades étnicas e nacionais e promocionar unha igualdade socioeconómica. Estas sociedades fragmentadas sucumbiron aos opiáceos do Islam radical, xa que proporciona respostas absolutas acerca do correcto e do incorrecto, e instaura distincións entre crentes e infieis. Pero á vez asegura que nunca terminará o distanciamento con aqueles que elixiron outro camiño. Dado que esta situación provén do seo da civilización musulmá, dela tamén debe proceder a solución.

Comentarios