QUÉDOME CON EDELMAN, E NON CON TARANTINO

Imaxe do enterro en Varsovia de Marek Edelman


Por Richard Seymour

11/10/09

Isto é o que fixo Marek Edelman [1]: en abril de 1943, xunto a algúns compañeiros seus -en particular Mordecai Anielewicz, Chaim Frimmer e Adam Halperin- embarcáronse nunha violenta sublevación contra os nazis, utilizando unha combinación de armas caseiras e obsoletas. O seu obxectivo consistía en impedir que os nazis os transportasen a Treblinka, un dos campos da Operación Reinhardt, para o seu exterminio. Dous terzos da poboación do gueto foran xa trasladados no momento en que se formou a Organización Xudía Combatente. O réxime nazi en Polonia era poderoso, e tiña un poderoso aliado no secular antisemistismo polaco. As institucións destinadas á segregación que os nazis introduciran ao invadir Polonia foron eficaces no illamento da poboación xudía, e eran escasas as oportunidades de resistencia coordinada. Os actos de resistencia individual, como a fuxida, o facerse pasar por xentiles, esconder os seus bens en lugar de permitir que llos arrebatasen, negarse a descubrirse ante os soldados alemáns e demais, víronse acompañados de formas de resistencia colectivas, como a creación de escolas infantís, a observancia das festas xudías e a actividade política clandestina. Pero até 1943 non pode falarse de insurxencia. Polonia fora dividida, tras a invasión nazi, en sectores integrados no Reich, un sector oriental dominado pola URSS, e o territorio restante en mans dos nazis coñecido como "Goberno Xeral", baixo control do cal se atopaba Varsovia. Nese territorio, moito antes da promulgación da Solución Final, os xudeus podían esperar apaleamentos, redadas para realizar traballos serviles, verse obrigados a bailar espidos para diversión das tropas alemás, e confiscación das súas propiedades. Prohibíuselles posuír negocios e desempeñar certas ocupacións, e cara a finais de setembro de 1939, puxéronse en marcha as primeiras etapas da creación do gueto. Para finais de 1940, os xudeus de Varsovia víronse confinados nunha área algo maior dun kilometro e medio cadrado. A poboación máxima do gueto chegou a ser de medio millón, momento no cal a cifra media de ocupación por habitación era de trece persoas. Privada de emprego e ingresos, a poboación comezou a pasar fame, recorrendo á mendicidade ou o contrabando para sobrevivir. Pero o contrabando era perigoso, pois quenquera que fose visto escalando o muro -polo xeral, nenos- era metrallado polos soldados alemáns. Os habitantes tiveron que desenvolver organizacións de autoaxuda para garantir a supervivencia dos máis pobres. Pero non foi suficiente. Para maio de 1941 a metade dos habitantes do gueto morría de fame. Xa en 1942 comezaron a filtrarse noticias das matanzas que se estaban levando a cabo, así como do exterminio posto en marcha. Pero durante moito tempo pouca xente estivo disposta a dar crédito a eses relatos, e seguía prevalecendo o optimismo acerca de que os nazis serían derrotados na guerra e a vida volvería á normalidade. Lembraba Edelman que "o gueto de Varsovia non daba crédito ás informacións. Todos aqueles que se aferraban á vida negábanse a crer que podían arrebatarlles a vida desa maneira". Pero as deportacións masivas comezaron en xullo dese ano, e milleiros de persoas foron enviadas a diario a Treblinka durante seis semanas enteiras. Aínda entón, a resposta consestiu en buscar protección conseguindo traballo nas industrias alemás, pois se pensaba que así se estaba a salvo da deportación. Os nazis trataron de inducir a máxima confusión posible obrigando ás vítimas a escribir postais e cartas tranquilizadoras destinadas ao Gueto de Varsovia antes de envialos á morte. Algúns dos líderes relixiosos tradicionais argüiron que Deus obraría un milagre e salvaría a situación. O dirixente sionista Dr. Isaac Schipper argumentou que a resistencia colectiva causaría "a aniquilación do gueto na resposta nazi". Por outra banda, os socialistas do Bund[2] e os sionistas socialistas crían que a aniquilación xa estaba en marcha, fixesen o que fixesen, e apremaron á resistencia colectiva. Só cando se extinguiu toda esperanza foi posible que xurdise un espírito de resistencia.

.

A finais de setembro de 1942 naceron dúas organizacións de resistencia aos nazis: a Ydowska Organizacja Bojowa (ZOB) ou Organización Xudía Combatente, e a Ydowski Zwizek Wojskowy (ZZW) ou Unión Militar Xudía. Ésta última dirixída a mocidade da conservadora Betari, de inspiración sionista revisionista, mentres que a primeira formábaa unha coalición de forzas de esquerda sionista e do Bund (partido socialista xudeu). Edelman pertencía á ZOB, como membro do Bund da esquerda xudía. Os que podían "pasar" por "arios" deslizáronse fóra do gueto, arriscando a vida tratando introducir armas de contrabando. A ZOB e a ZZW recadaron pola forza tributos entre os poucos xudeus restantes -sobre todo entre os membros da policía xudía- que aínda dispuñan de ingresos ou outros activos dignos de consideración, e utilizáronos para xuntar o seu arsenal. Os colaboracionistas da policía do gueto foi a que recibiu o trato máis severo, pois era a que furtara as propiedades dos xudeus deportados camiño do seu exterminio. Para abril de 1943, a ZZW contaba con 400 membros armados con pistolas e granadas de man, mentres que a ZOB dispuña de 500 integrantes que se fixeron con pistolas, granadas de man, algunhas metralletas e pistolas metralladoras, ademais de 30 rifles. Atopábanse nunha ridícula inferioridade de condicións, tanto de potencia de fogo como, chegado o caso, numericamente. Pero mentres os nazis preparábanse para a súa expulsión final, que debía comezar o 18 de abril de 1943, a poboación restante -só 30.000 persoas por aquel entón ocultábase en bunkers acondicionados. Os combatentes emprazáronse nos edificios deshabitados e esperaron. Custou un mes de loita encarnizada, contra a máis desapiadada máquina asasina de Europa enfrontada a un grupo guerrilleiro escasamente armado, que o xeneral Jurgen Stroop puidese declarar Varsovia 'judenrein' (libre de xudeus). O gueto estaba en ruínas e a maioría dos habitantes mortos ou deportados aos campos de exterminio. Pero os nazis matarían até ao último habitante con bastante máis facilidade de non terse producido resistencia, e por vez primeira crebouse a súa aura de invencibilidade. De súpeto tiveron que enfrontarse a rebelións como as de Treblinka, en agosto de 1943, e Sobibor, en outubro do mesmo ano. Estas revoltas levadas a cabo por presos que traballaban baixo constante vixilancia, con escaso acceso a calquera material e nas circunstancias menos promisorias posibles, terminaron co seu esmagamento e centos de presos morreron nas represalias, pero moitos lograron escapar. Edelman fuxiu do gueto de Varsovia polos sumidoiros o 9 de maio de 1943. Ao ano seguinte produciuse un levantamento xeral en toda a cidade de Varsovia do que tamén formou parte. Tamén este foi despiadadamente esmagado e os nazis non dubidaron en liquidar por centos de miles de civís como consecuencia diso. Novamente conseguiu Edelman fuxir, e cando os nazis foron finalmente derrotados seguiu vivindo en Polonia, traballando como cardiólogo. Resistiu tamén ao brutal estalinismo, participando activamente nos comités de defensa obreiros dos anos 70 e desempeñou un papel crave no movemento de Solidariedade [3]. Aínda que se manifestou politicamente como centrista en anos posteriores, sobre todo tras o derrube da Unión Soviética, Edelman podía crear aínda controversia. A pesar das súas constantes visitas a Israel, Edelman non quixo deixar a súa Polonia natal para manter prendido un facho na memoria da Europa Xudía arrincada pola barbarie nazi. No ano 2002 enviou unha carta aberta dirixida aos palestinos na que criticaba con dureza as súas tácticas terroristas e en especial a dos ataques suicidas, pero afirmaba o seu apoio á creación dun Estado palestino ao carón do Estado de Israel.. Unha última cousa. Tiven noticia desta película (Inglorious Basterds, Malditos bastardos na súa versión española) na que un escollido pelotón de soldados xudeus dirixidos por un norteamericano con cara de Brad Pitt dan caza, torturan, aterrorizan e matan nazis. E deume por pensar no decepcionante que resulta. Trátase dunha fantasía vengativa, non dun documento de resistencia. Non se centra en deter o holocausto xudeu, senón en arrincar un prezo en sangue, tratando de facer pagar unha débeda moral que, por definición, non pode saldarse. Canto mellor, ocórreseme, non fose ter aos Marek Edelman organizando a resistencia nos guetos de Alemaña en 1938. Desde logo, en calquera circunstancia, quédome con Edelman antes que con Tarantino.

NOTAS T.:
[1] Marek Edelman morreu o pasado 2 de outubro aos 90 anos. Nacera en Homel, hoxe parte de Bielorrusia, en 1919.
[2] O lendario partido socialista xudeu Bund, ou Algemeiner Yidisher Arbeiter Bund, foi a máis destacada das formacións socialistas xudías que operaron en Europa do Leste, principalmente en Rusia, Bielorrusia, Ucraína, Polonia, Letonia, Lituania e Romanía entre finais do século XIX e a II Guerra Mundial.
[3] Edelman negouse a abandonar Polonia aínda despois da brutal campaña antisemita das autoridades estalinistas polacas en 1968 que fixo que a súa muller e fillos se exiliasen en París. En 1976 uniuse ao Comité de Defensa Obreira (Komitet Obrony Robotnikówy) e posteriormente a Solidariedade, polo que foi detido varias veces e confinado tras o golpe do Xeneral Jaruzelski en 1981.

Comentarios