'SEGUIMOS CON ORGULLO'


Imaxes da manifestación en Tel Aviv. (Efe)

Por Sal Emergui


Hai once anos, milleiros de israelís -na súa maioría homosexuais, lesbianas e transexuais- encheron a Praza Rabin de Tel Aviv para celebrar a espectacular vitoria de Dana International en Eurovisión. Un triunfo que ía máis aló do concurso musical, un fito para a comunidade gai de Israel que vía como unha das súas principais estrelas traspasaba fronteiras e chegaba aos corazóns da maioría heterosexual en Israel e toda Europa. Unha mediática e colorida saída do armario.


Hai once anos, ninguén dos presentes nesa espontanea festa que tarareaba "Viva a Diva, viva Vitoria, Cleopatra...", imaxinaba que volvería a esa mesma Praza Rabin para solidarizarse coas dúas vítimas mortais do atentado contra un centro municipal de asistencia social en Tel Aviv. Pasou unha semana desde o ataque e o agresor segue libre. Mentres a Policia o busca, non se pode confirmar que actuase por odio homófobo, aínda que si sexa o máis probable.


Na noite deste sábado, a poderosa comunidade gai de Tel Aviv protagonizou unha impresionante demostración de forza. 60.000 heterosexuais e homosexuais uniron as súas voces para gritar "basta ao odio". A manifestación, organizada polo propio Concello de Tel Aviv e apoiado por todos os partidos presentes na corporación así como polas organizacións gais, tivo como slogan: "Seguimos con orgullo". A marea humana invadiu a Praza Rabin para escoitar por exemplo ao cidadán número 1 de Israel, o octoxenario presidente Shimon Peres. "As balas impactaron en todos nós, como seres humanos, como xudeus, e como israelís. Todos os seres humanos naceron como iguais e todos os cidadáns teñen a liberdade de ser o que queiran ser. De ser diferentes e orgullosos. De ser un mesmo", dixo Peres.


É a primeira vez que o presidente de Israel fala nun acto tan grande organizado pola comunidade gai. Tamén participou o Ministro de Educación e alto dirixente do Likud, Guideon Saar, quen foi máis contundente: "A comunidade homosexual israelí é excepcional polo seu talento e enorme contribución a nosa cultura, arte, sistema xudicial, educativo ou nas forzas armadas. Hai que loitar contra a homofobia que poida existir ainda no noso país. É hora de que os líderes nos comprometamos e loitemos para que Israel siga sendo unha vangarda democrática e libre". "Tel Aviv é unha sociedade aberta que educa aos seus a practicar a tolerancia. Por iso, é moi doloroso este asasinato de odio. Debemos romper as barreiras de ignorancia", afirmou o alcalde laborista de Tel Aviv Ron Juldai.


Bandeiras, discursos e actuacións de artistas acompañaron o trascurso de toda a mobilización. Como o homosexual Ivri Lider un dos máis famosos do país e protagonista da banda sonora da internacionalmente premiada película Yossi do director israelí Amos Gitai.

Comentarios