LADY GAGA, ENTRE A SANTIDADE E OS BARES DE XERUSALÉN



Por Sal Emergui
.
Mentres o republicano Mike Huckabee visita estes días a cidade tres veces santa para apoiar a Israel ("o meu apoio a este país e ao seu dereito a construír en Xerusalén Este non é popular pero é o que sinto", dixo), unha compatriota súa busca o seu rumbo espiritual, quizais con axuda de whisky. Trátase de Stefani Joanne Angelina Germanotta. Ou para entendernos, Lady Gaga, unha das actuais e máis polémicas estrelas do 'pop' mundial. "Hoxe en día visitar Xerusalén emocióname moito máis que beber e perder a conciencia nun bar. Aínda que... quizais me emborrache en Xerusalén", afirma sorrindo a cantante. Aténdonos ao seu historial cheo de alcol, a súa insinuación non caeu como unha broma senón como unha sincera ameaza. Se se achega a algúns dos moitos bares xerosolimitanos que desafían o ambiente divino da cidade pode sufrir o que moitos identifican como a "síndrome de Xerusalén". Desde hai semanas, os seus fans israelís esperan que chegue a noite de mañá mércores, cando a provocativa loira actuará no Festival 'Non Stop Music' de Tel Aviv. "é unha grande honra estar aquí. Eu crecín no seo dunha familia católica e fun educada sobre o concepto de que Israel é un lugar sacro e moi especial. Por iso, estar agora aquí e visitar os lugares santos de Xerusalén é unha experiencia espiritual moi forte", afirma, tras adiantar que desexa bañarse tamén no Mar Morto. Ante unha batería de 'paparazzis' e xornalistas, a artista de Nova York deu unha particular explicación do seu soño: "A miña aspiración nunca foi ser famosa senón unha estrela. É algo moi diferente a ser unha famosa máis. Por exemplo se és estrela, a xente tenche medo". Antes de que comparecese ante os medios de comunicación os organizadores do Festival realizaron unha petición: "Non preguntedes nada sobre a identidade sexual de 'Lady' xa que a rolda de prensa pode acabar moi mal". Nunha chiscadela á audiencia local, apareceu vestida cunha chaqueta de coiro, lucindo nas súas costas a Estrela de David, cosida con puntos prateados.
Lady Gaga loce ás costas a Estrela de David
.
Nada máis pisar Israel, Lady Gaga soltou a seguinte mostra de modestia: "Son moi popular porque son moi sexy. Son a única estrela 'pop' no mundo á que a súa compañía discográfica tenta vestir no canto de espila". Lady Gaga é un fenómeno e quere que todos nos deamos conta. "Oxalá a xente estivese máis interesada nos meus éxitos ou na miña música, pero son muller, loira e non levo pantalóns. Creo que por iso me preguntan sempre pola miña vida privada", declara a un medio israelí antes de contar a súa última experiencia: "Estiven dúas semanas nunha mansión dun amigo fotógrafo en Hawai. Foi moi importante estar todo ese tempo espida e fumando haxix". A norteamericana de 23 anos expuxo varias esixencias aos produtores israelís. Un espazoso vestiario con ducha e lavabos privados á beira do escenario do Festival. Que lle preparasen unha cea diferente cada noite, esixindo que fose norteamericana, asiática, turca e mexicana. Un forte cinto de seguridade. E centenares de botellas de auga para ela e os seus. Por algo Lady Gaga acapara nove nomeamentos nos Premios MTV Vídeo Music que se celebran en setembro. A nova artista ten todas as papeletas para ser elixida como "a mellor artista revelación do ano". Hoxe en Israel preferiu non comentar nin analizar as súas posibilidades. Hoxe non toca falar da súa relación con homes, mulleres ou ambos os sexos á vez. Nin se sobre se sigue identificándose co título da súa canción 'Beautiful, Dirty, Rich'. Hoxe toca espiritualidade, campás e rezos. A pesar do seu sonoro éxito ('Just Dance', 'Poker Face', 'Paparazzi'...) os seus mediáticos videoclips, os seus fans, a súa provocativa retórica e a súa segura exhibición de peitos na inminente actuación en Tel Aviv, Lady Gaga é consciente de que a súa presenza é só un aperitivo -con moita bebida, iso si- para o prato forte do verán en Israel: Esther, o nome cabalístico de Madonna, que aos seus recentemente cumpridos 51 anos, segue reivindicando o reinado.

Comentarios