DELENDA EST?

Por Manuel S. Pérez Millos
.
A soada coletilla case monomaníaca de Catón o Vello referente á antiga Cartago, parece cobrar vixencia hoxe día e, xuntamente con ela, xorden certas reflexións preocupantes. Refírome á carreira armamentística nuclear emprendida por Irán, baixo os auspicios de fanáticos metidos a pseudorredentores universais e aiatolás iluminados. Esta é unha situación en extremo perigosa para o mundo que defende desde cousas tan importantes como a liberdade individual, a dignidade da muller como persoa, a cultura con diversidade no debate, a lexislación independente de imposicións relixiosas, a igualdade de ambos sexos perante a lei, a salvagarda dos dereitos humanos do reo condenado (o que impide, entre outros abusos, as mutilacións penais), até asuntos -se cabe menores- tales que a proscripción de abstinencias forzosas canto ao que se come e bebe; é dicir: aquilo que, en fin, constitúe todo, ou case todo, o que fainos presumir de ser plenamente civilizados. Dado o enorme risco que supón para a nosa sociedade ese estado de cousas, é para espantarse ante a pasividade con que se contempla o que acontece, e xa que non dubido de que quen son as nosas paradigmas máis ou menos inmediatos sexan persoas ponderadas e con sentido común, rogo a quen poida me aclare as seguintes dúbidas:

1) Por qué non se detén o programa atómico dun país que ameaza con volver tomar para o Islam os territorios que lles foron reconquistados séculos atrás, e que declara abertamente que persegue a aniquilación doutro país próximo?

2) Por qué se monta un alboroto ante as probas balísticas e nucleares de Corea do Norte -con material tan rudimentario que se considera un éxito insuperable do seu inefable líder o que os foguetes alcancen o limítrofe Mar de Xapón- e ven impasiblemente os mísiles iranianos capaces de bombardear con precisión Europa?

3) Como se dixire que o país cunha das maiores reservas de hidrocarburos necesite acometer a construción de centrais nucleares para proporcionarse enerxía?

4) A que espera a esquerda, laica, feminista, pacifista e defensora dos dereitos humanos para manifestarse contra a nuclearización militar dun país cuxa política se orienta polos ditados do fanatismo relixioso?

5) Por qué desde os líderes mundiais até os ilustradísimos guías políticos máis próximos se empeñan en crer que os cidadáns somos idiotas?

Comentarios