OS NOSOS FILLOS E A SHOÁH





Por Francesc-Marc Álvaro

La Vanguardia - 01.06.09

Ter quedado ao marxe das dúas grandes guerras mundiais que convertiron o pasado século XX nun matadoiro a gran escala creou tanta ignorancia nas Españas como os cuarenta años de franquismo. Neste sentido, basta con cruzar os Pireneos para comprobar, aínda hoxe, que somos uns europeos bastante raros, marcados por certas lagoas insalvables. Unha delas, importantísima, é non ter experiencia directa na nosa sociedade do exterminio planificado dos xudeus de Europa a mans do réxime de Hitler. Para nós, cidadáns dun Estado tan peculiar que un ditador dos anos 30 perdurou até 1975, o holocausto é unha referencia afastada que nos chegou a través do cinema e a televisión. A consciencia do asasinato de seis millóns de persoas nos campos nazis, a traxedia sen comparación posible que os xudeus denominan shoah, non forma parte da nosa cultura política. E isto, nótase a diario. Ducias de debates públicos desenvólvense no noso país sen asumir esta premisa histórica, extremo impensable na maior parte de Europa. Non esaxero se afirmo que, con todas as excepcións que se queira, o descoñecemento dos nosos mozos sobre esta páxina única da historia europea é sobrecolledor. Considérase que, en xeral, os nosos escolares saben pouca historia, así ocorre, por exemplo, coa Guerra Civil. Pero a ignorancia que impera sobre o holocausto rompe todas as previsións. Recentemente, charlando cun mozo que culminou con éxito os estudos de secundaria e agora traballa no negocio familiar, puiden comprobar até que punto un cidadán nado e crecido en democracia pode ser completamente alleo aos datos básicos dun acontecemento cuxa transcendencia e densidade histórica, política e moral transformaron radicalmente a forma de pensar e de actuar de toda a humanidade, non só dos xudeus, dos alemáns ou dos europeos. Unha situación deste tipo é menos habitual entre mozos franceses, italianos, belgas, holandeses, austriacos, checos, húngaros ou polacos. Estas sociedades non puideron eludir o trauma colectivo que supuxo para elas a destrución dos xudeus.

A educación é a base.

Europa reconstruíuse, a partir de 1945, facendo pedagoxía contra a experiencia nazi. A España democrática, en cambio, tivo outras urxencias, antes que pór a historia ao día: estabilizar un sistema de partidos, crear un deseño territorial, modernizar un exército, ingresar nas comunidades europeas... Hoxe, con máis calma, podemos empezar a encher moitos ocos. Así o entendeu Agustí López, alcalde de Sort e deputado de CiU no Parlament de Catalunya, ao presentar unha proposta para que o Departament d'Educació da Generalitat estableza acordos de colaboración con Casa Sefarad-Israel, para impulsar a formación dos profesores de historia de secundaria no holocausto e outros xenocidios. López observa que a presenza de educadores de Catalunya nas interesantes actividades especializadas que realiza Casa Sefarad-Israel é moi reducida. Na súa exposición de motivos, o deputado tamén remarca un dato que merece ser considerado seriamente: as vidas dos nosos estudantes están cada vez máis lonxe, en todos os sentidos, non só cronoloxicamente, de feitos como a Guerra Civil ou o holocausto. Engadamos a iso a inexorable desaparición dos últimos sobreviventes daquel horror, os únicos capaces de desmentir coa súa soa presenza e memoria aos miserables que se atreven a negar a verdade dos fornos crematorios. Os nosos descendentes xa non terán acceso ao testemuño vivido do holocausto, haberá que fialo todo aos libros e aos mestres. A iniciativa de Agustí López debe ser escoitada e acollida con interese polo conseller Maragall e polos docentes. É un proxecto que trata de dar maior consistencia cívica á nosa memoria colectiva. O alcalde de Sort sabe de que fala, pois nesta localidade existe, desde o 2007, un pequeno museo dedicado ao impacto da Segunda Guerra Mundial na zona, cando alí coincidiron militares aliados, fuxitivos da Francia ocupada e xudeus de todo o continente. Como estudou ben o historiador Josep Calvet, foron moitas as persoas xudías de varias nacionalidades que viron nos Pireneos unha porta cara á liberdade. Non só Walter Benjamin. En función do celo dos funcionarios e dos avatares da guerra, déronse historias tráxicas e outras con final feliz, sen esquecer que o réxime de Franco foi cómplice das deportacións. Só a ineficacia burocrática e o valente papel dalgúns diplomáticos españois, como documentou Eduardo Martín de Pozuelo na súa premiada serie en La Vanguardia, frearon algo esa infame colaboración. Sobre o papel, en primeiro de bacharelato, na modalidade humanidades e ciencias sociais, dentro de Historia do Mundo Contemporáneo, abórdase o xenocidio dos xudeus. Á vista dos resultados, hai que profundar nestas leccións. Tampouco se comprende que en terceiro de ESO, e dentro de Educación para a Cidadanía, se estuden os Dereitos Humanos, a democracia e a diversidade sen mencionar para nada a Shoáh. Explicar nas aulas o que foi o mal radical -por dicilo á maneira de Jorge Semprún- é tarefa urxente e un deber para cos nosos fillos. A súa ignorancia acúsanos.

Comentarios

Anónimo dixo…
Para não esquecer a História...

http://www.edicoes70.pt/site/node/60

João Moreira