30 ANOS DE PAZ FRIA

Histórico apretón de mans dos vellos inimigos, o exipcio Sadat e o israelí Beguin.


Por Sal Emergui
Desde Jerusalem
30 anos de fría paz que sucederon a 30 de guerra. Esta semana celébranse sen euforia tres décadas do Tratado de Paz entre Israel e Exipto asinado o 26 de marzo do 79 na Casa Branca polo presidente exipcio, Anuar Sadat e o primeiro ministro israelí, Menajem Beguin, con auspicio do presidente norteamericano Jimmy Carter. Aínda que só tiña un ollo, o entón ministro israelí de Exteriores, o xeneral Moshe Dayan, demostrou que a súa visión de lonxe era perfecta ao afirmar: "Quizais haxa un acordo pero será unha paz moi fría". Precisamente nesta semana evitouse un incidente diplomático entre Israel e Exipto grazas ironicamente á prórroga de dúas semanas que pediu Benjamín Netanyahu para formar Goberno. Se estivese a exercer, a cerimonia principal desta efeméride tería como anfitrión no ministerio de Exteriores en Xerusalén ao ultranacionalista Avigdor Lieberman. As ameazas de boicot do embaixador exipcio en Israel, Yasir Rida, non se cumprirán xa que de momento Tzipi Livni segue no cargo. Hai uns días, Rida dixo a un dirixente achegado a Netanyahu: "Hai tres cousas que representan a honra nacional exipcia: as pirámides, a presa de Asuán e o presidente Hosny Mubarak. Lieberman xa atacou a dous das tres". Referíase ás declaracións de hai oito anos cando ameazou con bombardear a presa de Asuán se hai un enfrontamento bélico e á máis recente contra o rais exipcio. Foi o pasado mes de outubro cando Lieberman queixouse de que "en tres décadas de paz, Mubarak nunca aceptou vir aquí de visita oficial. Se quere dialogar connosco que veña aquí. Se non, que se vaia ao inferno". Ese día, o portavoz da cancillería exipcia, Hosam Zaki, respondeu: "Lieberman é un racista pero hoxe démonos de conta de que é un maleducado". Lieberman enviou mensaxes conciliadoras a Exipto que lle pide 'un xesto'. O futuro viceministro de Exteriores, Dani Ayalon, asegura que "non hai ameaza de boicot. Exipto sabe que Lieberman non é a imaxe que describiron os medios de comunicación". Pero este é só un episodio máis das estables pero frías relacións bilaterais que reinan desde hai 30 anos. Aínda que o asesor de Carter, Zbignew Brzezinski, afirmase o día da firma do Tratado que "non só hai alegría senón unha atmosfera de reconciliación", o certo é que ningún dos dous termos definen dita paz. Tzvi Barel escribe no diario Haaretz que "Exipto segue sendo un país sospeitoso para Israel... E non hai masiva chegada de turistas exipcios nas praias de Tel Aviv, os intelectuais israelís son boicoteados en Exipto e a embaixada israelí no Cairo está illada e vixiada non tan só polos servizos de Seguridade exipcios senón por cámaras e xornalistas preparados a cazar ao 'espía' exipcio que se atreva a achegarse ao edificio para pedir a Israel un visado. Cando un deputado exipcio quere ofender a un compañeiro dille: "mesmo os israelís non farían o que ti fixeches". Exipto recuperou o Sinaí (agora invadido por turistas israelís) pero pagou o seu prezo pola paz por exemplo co asasinato de Sadat (81), a suspensión por 10 anos na liga Árabe ou a decisión de 18 países árabes de retirar os seus embaixadores no Cairo ao día seguinte da firma con Beguin. "Exipto terá a paz pero os palestinos aínda non recuperaron os seus dereitos", dixo o xefe da diplomacia, Boutros-Ghali. Nestes 30 anos, os Gobernos en Israel sucedéronse a un ritmo vertixinoso mentres o sucesor de Sadat segue inamovible. Días antes da súa histórica viaxe a Xerusalén (19 novembro do 77), Sadat dialogou con Mubarak ao que nomeara vicepresidente tras 'fichalo' da Forza Aérea. "Díxenlle que non pasará nada malo se o tentamos", rememorou recentemente. Non é unha paz entre pobos senón entre dirixentes. é unha relación sen amor nin tan sequera agarimo. Só intereses estratéxicos. O ex embaixador israelí en Exipto, Zvi Mazel afirma que "a rúa exipcia é moi hostil cara a Israel. Os medios de comunicacións atácannos diariamente con caricaturas e incitación ao odio tanto contra os xudeus como contra Israel". Pola contra, o xornalista Barel, escribe que "Israel quere unha paz intensa con Exipto, pero a distancia. Turistas nórdicos? Si. Que franceses compren casas aquí? Por suposto. Exipcios, non. é dicir, non árabes". Os dous países comparten un desexo: que a paz siga sendo estable e fría.

Comentarios