SOBRE A GUERRA EN GAZA E AS GRANDES PALABRAS


Por Pedro Gómez-Valadés

Non é, en absoluto, a miña intención confrontar nin debater con quen parte da premisa, nas súas análises do conflito palestino-israelí, da negación do dereito de Israel a existir. Digo isto xa que, non é só Hamas quen rexeita o dereito básico á existencia do Estado de Israel, tamén nos nosos lares destacados opinadores nos medios de comunicación fundamentan explícita ou implicitamente todas as súas críticas a Israel desde esta óptica coincidente co integrismo islámico que en Gaza abandeira Hamas.

O máis chamativo, escandalosamente chamativo, dos últimos días no tratamento á guerra en Gaza, é a e iracunda reacción por parte de moitos opinadores e columnistas nos medios. Por suposto que non todos, mais si algúns desde logo moi significativos. E a súa actitude actual é chamativa, escandalosamente chamativa insisto, polo vergonzoso silencio mantido por estes mesmos columnistas fronte aos anos de ataques indiscriminados contra vilas e cidades, contra poboación civil de Israel por parte da organización terrorista Hamas. Vergonzoso silencio incluso cando a propia Hamas pasou a coitelo -literalmente- a centos de militantes palestinos de Al Fatah.

Que estes opinadores neguen a Israel o dereito á autodefensa non é en absoluto estraño, a fin de contas se eu nego o teu dereito a vivir nunca verei con malos ollos que alguén pretenda eliminarte. De caixón. Pero tamén hai valoracións e opinións que desde a lexítima crítica, erran en maior e menor grao polo simple feito de partir do non recoñecemento do dereito do Estado de Israel á autodefensa. Curiosa negativa que non ten parangón noutro estado membro das Nacións Unidas. Resúltame incomprensíbel que todos os estados da Terra teñan recoñecido o dereito a lexítima defensa menos precisamente un dos máis ameazados.

Un dos fracasos, dos maiores fracasos dos que é fundamentalmente responsábel a esquerda europea, é o da perversa banalización da linguaxe. En aras de aumentar seica o calibre da munición usada contra Israel, fálase con irresponsábel alegría de “xenocidio” “Auschwitz” “Apartheid”, etc... A irresponsabilidade histórica de parte da esquerda europea terá algún día que render contas pola súa triste e en ocasións miserábel actitude cando copia e pega as grandes palabras. Porque se a morte de 400 persoas –na súa maioría uniformados- é un xenocidio, ¿Como cualificar entón o atentado das Torres Xemelgas? ¿Porque como se pode cualificar a morte de 400 persoas de “holocausto”, e logo non abrir a boca perante a constante e sistemática eliminación da nación tibetana por China, do drama de centos de miles de esquecidos en Darfur, no Congo? Coñezo a moito esquerdista de salón –moito, demasiado- que no 11 de Setembro de 2001 cando o integrismo islámico facía estoupar as Torres Xemelas, desculpaban e minimizaban as mortes, co delirante argumento dun “ataque antiimperialista ao corazón financeiro dos Estados Unidos”. ¿Como cualificar estas atitudes?

Pero esta pseudoesquerda ten unha boa desculpa, padece de cegueira autoinfrinxida e teledirixida. Desculpa á que non poden recorrer algúns columnistas cando á mantenta e algún a mala fe, deforman a realidade para así poder lanzar as súas particulares pedras de salón ao tanque israelí.

Toda guerra é un fracaso. Pero non é honesto nin sensato a negación a Israel do seu dereito a defenderse. Defenderse de quen, como é o caso da organización terrorista Hamas, ten na súa “Carta Fundacional” a eliminación do Estado de Israel e a expulsión dos xudeus. Pedirlle aos israelís que non exerzan o seu dereito a lexítima defensa é unha hipocrisía que desde logo non axuda en nada á resolución do conflito polo que case todos facemos votos.
Artigo publicado nos xornais GALICIA-HOXE e LA OPINIÓN de A Coruña

Comentarios

Jaume dixo…
Un gran texto, estoy totalmente de acuerdo contigo. Shalom!