RECORDEMOS O CASO DA "MASACRE DE JENIN"

Vista aerea de Jenín


Por David Mandel
.
Israel está a ser condenado en numerosos editoriais e artigos pola desproporcionalidade entre o número de mortos palestinos e o número de mortos israelís causados neste conflito. (Non é claro se os que se queixan o fagan porque o número de palestinos mortos é de varios centos, ou ben porque o número de israelís mortos non chega a vinte).
.
Unha das razóns entre a "desproporcionalidade" de mortos entre os dous lados é que Israel construíu refuxios para a súa poboación, mentres que Hamás construíu búnkeres para os seus líderes. Israel protexe aos seus nenos e Hamás úsaos coma escudos vivos. Israel fai os máximos esforzos para evitar vítimas civís, incluíndo avisar por medio de chamadas telefónicas e panfletos aos residentes da zona para que a desocupen. Unha das tácticas que Israel usa para ese propósito, é arroxar unha bomba sónica sen carga explosiva para que as persoas se dean de conta da seriedade da advertencia, e desocupen o lugar antes de que sexa destruído. Hamás, pola contra, non dispara os seus foguetes e mísiles contra brancos militares, senón a cidades, Sderot, Ashdod, Ashkelon, Beer Sheva, -sen previo aviso por suposto- co propósito de causar o máximo número de mortos e feridos na poboación civil.
.
Non se pode negar que palestinos inocentes morreron ou foron feridos. Pero, un observador imparcial tampouco podería negar que esta traxedia foi causada pola insensatez de Hamás de disparar máis de 300 foguetes a poboacións civís de Israel nada máis que terminou a tregua, o cal, sumado aos 7,000 foguetes que disparara durante os últimos anos, fixo que Israel, -estado que, do mesmo xeito que toda outra nación, ten como principal deber protexer aos seus cidadáns,- dixera basta. Aínda que o Talmud ensina que quen salva unha vida salva un mundo, e isto aplícase a todo ser humano, sen distinción de relixión, sexo, nacionalidade ou raza, é importante determinar se as cifras de mortos e feridos proporcionadas por Hamás, cifras aceptadas cegamente polos medios de comunicación, son reais, ou se foron esaxeradas co propósito de manipular a opinión pública.
.
É útil recordar o caso da "masacre de Jenin".
.
O 27 de marzo do ano 2002 un terrorista suicida de Hamás matou a 32 persoas que estaban a celebrar Pesaj no Hotel Park en Natania. Israel, nesa ocasión, tamén dixo basta, e enviou as súas tropas a Jenin, a cidade palestina de onde saían a maioría dos suicidas. A batalla tivo lugar desde o 3 de abril até o 11 de abril do ano 2002. Os xornais europeos inmediatamente chamárona a batalla de "Jeningrado", manifestando así a súa admiración aos terroristas palestinos, ao comparar a Jenin coa heroica Stalingrado. De inmediato producíronse reportaxes de numerosos mortos no lado palestino. O 10 de abril a BBC informou da morte de máis de 150 palestinos. Saeb Erekat, portavoz da Autoridade Palestina, informou á CNN que había 600 mortos. Con cada informe o número de mortos foi en aumento. Yasser Abed Rabbo, Ministro de Información Palestino denuncio que Israel enterrara máis de 900 palestinos. Ahmed Abdel Rahman, Secretario Xeral da Autoridade Palestina, dixo que miles de palestinos morreran e foran enterrados clandestinamente polos israelís.
.
Kofi Annan, daquela Secretario Xeral das Nacións Unidas pediu ao Consello de Seguridade que enviara unha forza multinacional á rexión. O Consello de Seguridade aprobou por unanimidade o 19 de abril enviar unha misión a Jenin para investigar os feitos. Abed Rabbo, satisfeito desa decisión, dixo que esa era "o primeiro paso para xulgar a Ariel Sharón nun tribunal internacional". As persoas escollidas para a misión expresaran anteriormente a súa antipatía cara a Israel, e Israel decidiu non cooperar. A Asemblea Xeral aprobou unha resolución condenando as accións de Israel en Jenin.
.
Finalmente, o 31 de xullo do ano 2002 as Nacións Unidas emitiron o seu ditame final establecendo que na batalla morreran cincuenta e dous (52) palestinos, dos cales a grande maioría eran combatentes, e así como 23 soldados israelís que tamén morreron na acción. A "masacre de Jenin" existiu unicamente na propaganda dos palestinos e nos informes dos medios de comunicación moi pouco imparciais.

Comentarios