INICIATIVA PARA REFUNDAR A ESQUERDA ISRAELÍ


Algúns dos intelectuais israelís máis coñecidos internacionalmente son os impulsores da refundación da esquerda israelí con obxecto de presentar nas eleccións do próximo 10 de febreiro unha alternativa ao Partido Laborista. A mobilización prodúcese nun momento delicado para a esquerda do país no seu conxunto, especialmente para o Partido Laborista, que se atopa en clara caída e ao que as sondaxes apenas auguran unha decena de deputados. A intención dos intelectuais é buscar unha substitución á formación de Barak. Entre a trintena de intelectuais que participan na iniciativa de crear unha nova formación atópanse os tres escritores máis recoñecidos no ámbito internacional Amos Oz, A. B.Yehoshua e David Grossman, así como outros moi populares dentro do país. Todos denunciaron a diferenza abismal que existe entre o discurso político dos líderes laboristas e a súa política real. "Durante moitos anos houbo unha gran diferenza entre o que di e o que fai o Partido Laborista", recalcou Oz, quen tamén se amosa decepcionado porque o líder laborista, Ehud Barak, non descarte integrarse nunha coalición co Likud de Benjamin Netanyahu despois das eleccións xerais. O descontento co Partido Laborista é enorme e os intelectuais non ocultan que a súa intención é buscar unha substitución á formación de Barak, que consideran errática e sen un programa claro, non só no tocante co conflito árabe-israelí senón tamén ante a crise económica. A idea consiste en agruparse en torno ao partido Meretz, que conta con cinco deputados na actual Kneset. O acto fundacional do novo partido terá lugar o 5 de decembro. A nova formación, que en principio levará un nome aínda por determinar, será de esquerda segundo os seus fundadores, e aspirará a contar co apoio das bases de Meretz, os verdes, laboristas desengañados, xudeus relixiosos modernos e árabes israelís. As expectativas dos promotores consisten en lograr unha representación de deputados de dous díxitos, aínda que outros consideran que se trata dunha perspectiva demasiado ambiciosa. A iniciativa chega mentres dentro do laborismo se vive unha profunda crise de dirección e de programa que nas últimas semanas traduciuse nunha ampla denuncia de Ehud Barak e na esixencia dun relevo na dirección.

Comentarios