O ESTALINISMO E OS XUDEUS (2ª PARTE)


Por Alicia Benmergui

Coa morte de Lenin en xaneiro de 1924, desátase na Unión Soviética unha loita pola súa sucesión que cinco anos despois outorgaralle o poder absoluto a Josef Stalin. Stalin logrou obter o control absoluto do PCUS e do goberno con infinita astucia e paciencia, eliminando a todos os seus posíbeis rivais. De orixe xeorxiana, nacido na marxinalidade do imperio, chegou a ocupar un lugar fulcral, converténdose no máis ruso dos rusos. Posuía poucos estudos, unha moi escasa cultura, e un desprezo profundo polas ideas e as discusións. Transformouse nunha especie de zar, gobernando ao PCUS e ao seu país por medio do medo e o terror. Os fortes sentimentos antisemitas de Stalin manifestáronse en épocas moi temperás, unha delas en 1907, durante un congreso socialdemócrata en Londres, segundo conta o historiador Enzo Traverso no seu libro "Os marxistas e a Cuestión Xudía" "como a maior parte dos delegados bolxeviques era rusos, e entre os mencheviques había unha forte minoría xudía, a Stalin gustáballe repetir a broma segundo a cal os bolxeviques debían organizar un pogrom para desembarazarse da facción xudía. Non se trata polo demais dun episodio illado. En 1905 dirixiuse nestes termos aos obreiros xeorxianos de Batun" "Lenin está ofendido polo feito de que deus envioulle camaradas como os mencheviques! Despois de todo, quen son? Martov, Dan, Axelrod, xudeus circuncisos...". O Gran Terror Dez anos despois da morte de Lenin, en xaneiro de 1934 reuniuse o Partido Comunista da Unión Soviética no seu vixésimo congreso, sob a denominación "Congreso dos Vencedores", entre outras cousas, un dos obxectivos era a celebración do éxito obtido co primeiro plan quinquenal. O xefe do Partido Comunista de Leningrado, Sergej Kirov, pronúnciase contra a pena de morte polos delitos de opinión e propón en xeral unha liberalización do sistema. Obtendo no congreso mais consenso que Stalin, é nomeado secretario do partido xunto o mesmo Stalin. Pero o once de decembro Kirov foi asasinado en circunstancias pouco claras. Stalin acusa do delito aos traidores e aos imperialistas estranxeiros. A policía política leva a cabo unha campaña de arrestos que golpea aos comunistas aliados de Stalin, o goberno ordena unha serie de medidas que preparan o desencadenamiento do terror. Un decreto do sete de abril de 1935 estende as penas previstas para todos os adultos e maiores de doce anos (será decisivo para chantaxear aos incriminados coa ameaza de actuar contra os seus fillos). O nove de xuño establécese a pena de morte para as tentativas clandestinas de fuxir cara ao estranxeiro e por falta de celo revolucionario, a deportación para os familiares, informados ou non deses feitos. En setembro de 1936 outro proceso xudicial nos casos de actividade contrarrevolucionaria exclúe a petición de graza para os condenados. Fronte á posible ameaza do nazismo e en apoio das democracias occidentais promúlgase en decembro de 1936 unha nova constitución de carácter garantista, redactada na súa maior parte por Bujarin, que fora rehabilitado. Nela recoñécense os dereitos e as liberdades tipicamente occidentais ou liberais, pero tamén o dereito ao traballo, ao descanso e á educación gratuíta. Pero estas garantías eran só formais en ausencia dunha maxistratura independente: non tiñan ningún valor real. Antes do desencadenamiento do Terror, Stalin procedeu a desmantelar unha serie de organizacións que consideraba pouco fiables. Así foi como na primavera de 1935 foi disolta a Asociación dos Vellos Bolxeviques. Entre 1934 e 1939 foron suprimidas as institucións xudías sobrevivientes e en particular as escolas onde se ensinaba en idisch. O mesmo Agurskij, antigo perseguidor dos xudeus, foi acusado de formar parte da "clandestinidade xudía fascista" e foi detido. A partir de 1936 desencadéase unha onda de represión sanguenta que se manifestará con novos procesos, montados ao modo de espectáculos que terán entre os seus protagonistas como imputados a grande parte da antiga dirección bolxevique. O primeiro proceso terá lugar contra o "centro trotskista-zinovieviano" (19-28 agosto 1936): os acusados, os xudeus Kamenev e Zinoviev confesaron mandar asasinar a Kirov e proxectado o asasinato de toda a dirección do PCUS. Zinoviev confesa ademais que se pasou ao bando fascista. Todos os acusados recoñecéronse culpables e foron fusilados. En decembro continúa o proceso contra o "centro paralelo trotskista" por sabotaxe e relacions co inimigo alemán e xaponés (23-30 xaneiro 1937): son acusados diversos vellos militantes bolxeviques, entre eles Radek, tamén xudeu, acusado de preparar clandestinamente a destrucción e desmembramento do Estado Soviético para colaborar cos inimigos estranxeiros. Todos os inculpados recoñecéronse culpables e foron fusilados, só Radek foi deportado, desaparecendo logo nun campo de concentración.

Artigo tirado de Milin Cultural

Comentarios