A II REPÚBLICA ESPAÑOLA E OS XUDEUS



Por Andreu Lascorz. Presidente de ARCCI

Os éxitos de "A lingua das bolboretas", "Libertarias", "Terra e liberdade", de biografías, autobiografías e doutras manifestacións culturais sobre a guerra civil propoñen reflexións. O por que deste gran interese quizais ten que ver co feito de que probablemente a guerra civil representou o último espertar solidario da conciencia intelectual europea en defensa dunha causa con maiúsculas, e que á fin e ao cabo foi o preludio da segunda guerra mundial, onde os fascismos europeos derrotaron ás democracias. Sempre planeou outra cuestión, as causas da relevante participación de xudeus europeos, norteamericanos, da Palestina do mandato británico e de todas partes do mundo. Entre 6.000 e 8.000 viñeron a defender a República. Moitos deles eran internacionalistas e querían deter o nazi-fascismo europeo. Sobre un total de aproximadamente 40.000 voluntarios, chama a atención o elevado peso deste continxente de voluntarios xudeus, moi diverso. que consolidou no bando fascista a identificación entre comunistas e xudeus. Recordemos o complot xudeo-marxista. Simpatía, afecto, admiración pola República, identificación dos sublevados coa España da Inquisición... explica que moitos obreiros e intelectuais xudeus residentes na Terra de Israel enviaran apoios económicos. Mesmo o diario liberal "Haaretz" defendeu a República. Preto de 250 xudeus, maioritariamente do Partido Comunista, que loitaban pola súa existencia na Palestina do mandato, enfrontados ao movemento árabe-palestino, abandonaron a súa terra por defender a República como pioneiros do antifascismo e buscando a solidariedade internacional obreira, típica da tradición socialista xudía. Un rabino norteamericano dixo: "Tomei as armas contra os perseguidores do meu pobo e da miña clase, a dos opresores". Os xudeus eran máis do 70% nos servizos médicos das Brigadas Internacionais, e o idish converteuse en lingua franca nos hospitais e nos grupos que cruzaban os Pirineos por para sumarse á loita. Tras 1939, republicanos e xudeus sufriron confinamentos en campos de concentración e exterminio, mentres loitaban contra os nazis. Posteriormente, algúns republicanos españois capitanearon naves de inmigrantes ilegais (a Atamaut, Independencia e a Moledet, Patria) repletas de xudeus sobreviventes do Holocausto cara á Terra de Israel, que aínda xestionaba o goberno británico. No inicio da Guerra de 1948 a Defensa Armada Xudía (Haganá) tentou conseguir a axuda de exiliados españois en Francia para que lles levasen armas. O compromiso antifranquista de moitos membros dos gobernos e da diplomacia israelí foi un factor determinado que impediu o establecemento de relacións diplomáticas entre Israel e España. Non foi até o ano 1986 cando Felipe González e Simón Peras acordaron o establecemento de relacións diplomáticas plenas.

Artigo publicado en Reusdigital.cat

Comentarios