DÚAS AUDIENCIAS, UNHA MENSAXE


Por Mario Wainstein

Director de www.aurora-israel.co.il

Esta nota está dirixida a dous destinatarios diferentes e polo tanto dividida en dúas partes. Con todo, non contén unha dopla mensaxe e non difire nin contradi un ao outro. é máis: compleméntanse. Tanto é así que advirto a quen corresponda: a cita dunha das partes sen a outra será considerada unha terxiversación do expresado e desde xa prohibo facelo, como gustan algúns sitios pantasmas e piratas da rede. Os feitos en resumo: na aldea Naalin, nos territorios ocupados, levan a cabo sistematicamente manifestacións non violentas pero saboteadoras contra a edificación do muro de separación en terras da aldea. O Exército repele aos manifestantes, nunha especie de xogo de gatos e ratos, que á súa vez non cometen agresións contra persoas pero si tratan de danar parte do construído e de sabotear as maquinarias que o fan. Nunha das manifestacións de hai máis de dúas semanas, os soldados detiveron a un palestino manifestante e, cando estaba coas mans atadas, evidentemente desarmado e aferrado polo brazo do xefe da forza, un soldado disparoulle, desde unha distancia de escaso metro e medio, feríndoo no pé. O suceso está filmado desde unha casa veciña e non deixa lugar a dúbidas. Agora vén a parte desta nota que está dirixida ao público israelí e ao público xudeu da diáspora. Deixen de xustificar e de comprender. A conclusión que hai que tirar do episodio, a conclusión maior, é que a ocupación foi quen de corrompernos e de facernos chegar a lugares que anos atrás non imaxinaríamos que chegariamos. Claro que o episodio non é a regra, pero pobres de nós se nos conformamos con iso, porque hai un clima, un caldo de cultivo que permite que o fenómeno apareza e que sexa moito máis asiduo do que quixésemos. Coma o sei? Sinxelamente, porque a organización Betzelem, que é quen presentou a denuncia, é a que lle deu á familia a cámara de video e fíxoo porque obraban no seu poder múltiples denuncias pero non tiñan as probas. A filmación non foi unha casualidade, eles sabían que iso sucedía, propuxéronse filmalo e lográrono. O outro aspecto preocupante constitúeo o feito de que, ate que non se presentou a denuncia coa filmación, e a pesar de que está absolutamente claro que houbo numerosas testemuñas dos feitos, e entre eles o propio xefe da forza, non houbo ningunha denuncia interna dentro dos cadros castrenses, de maneira que se involucre á Policía Militar e se investígue algún presunto ilícito. Dito doutro xeito: se non o denunciaron con evidencias inapelables ante toda a opinión pública, todo isto tapouse e xamais se tería sequera investigado. Agora, cando os feitos son investigados, cando os cadros superiores teñen coñecemento deles, sintome con dereito a crer que se tomarán as medidas do caso, polo menos ate que me demostren o contrario. Dito dunha maneira un pouco paradoxal, preocúpame menos o que sei das condutas inmorais de Tzáhal que o que non sei. Non o sei eu e non o saben as autoridades competentes que poden e deben facer para combatelas. Esa conduta é a síntese de todo o que se debe evitar e é o símbolo do noso maior fracaso, o fracaso moral. Máis de corenta anos de ocupación fixeron o seu e foron máis fortes que todos os bos propósitos dos que crían que a nós non nos debería de suceder. Cando o finado profesor Yeshaiahu Leibovich prognosticaba enseguida despois da Guerra dos Seis Días en 1967 que iso precisamente nos debería de suceder, provocaba os ataques acendidos de quen non lle permitían que sospeitase desa maneira que os nosos propios fillos serían capaces de condutas inmorais.


Agora vén a parte desta nota que está dirixida a todos os que se deleitaron coa filmación, e a todos os xornalistas que a presentaron como ''unha proba dos fusilamentos'' que practica o ''exército xudeu'' cos palestinos. é lóxico que o disparo dun soldado xudeu aos pés dun palestino con balas de caucho, provocando unha ferida no pulgar do seu pé, teña maior difusión e provoque máis denuncias morais que a glorificación dun suxeito, non xudeu, que asasinou a golpes a unha nena de catro anos. é tan lóxico como a liberación de centenares de árabes palestinos a cambio dun prisioneiro israelí. Non o digo con ironía, creo que vostedes teñen razón. Non se trata dun dobre raseiro. Vostedes, sinxelamente, saben que nós somos superiores moralmente e por iso esíxennos o que a outro non. Creo que é certo e teñen razón. Somos superiores. Tan superiores, que a denuncia da conduta inmoral non proveu de vostedes senón de nós mesmos, dunha organización non gobernamental israelí e xudía que se chama, e non por casualidade, ''Betzelem'', que quere dicir ''a imaxe'', un nome extraído da Biblia hebrea, que di que o home, todos os homes, foi creado a imaxe e semellanza de Deus. Paréceme ben que nos esixan pero non se fagan ilusións: ninguén de vostedes é quen de esixir nos como o facemos nós de nós mesmos. Ademais, carecen da mínima altura moral para esixirnos: eses xornalistas italianos, por exemplo, que de pura casualidade filmaron o cruel linchamento dos dous israelís en Ramala ao comezo da segunda intifada, cun nobre loitador da liberdade sostendo un pedazo de fígado nos seus dentes e lanzando pedazos de cadáver desde o balcón, non só non pediron saber que castigo se lles propinaría e se por casualidade foran arrestados os gloriosos combatentes antropófagos, senón que enviaron unha carta de desculpas á Autoridade Palestina, prometendo que non volvería suceder e que eles son amigos e simpatizantes. De maneira que permítanme sorrir se agora din algo moralista en torno ao pulgar ferido do raparigo palestino. A verdade é que nós, israelís, vivimos nunha permanente situación límite con moi pouco marxe de manobra. Por unha banda é evidente que somos unha democracia que debe saber defenderse porque está a ser agredida, polo outro debemos coidar que esa defensa non mergulle á democracia que queriamos defender. Aquí non estamos como en España, contra un terrorismo amable da ETA que avisa antes de facer estoupar unha bomba. Se repetidamente cidadáns árabes de Xerusalén cometen atentados terroristas, hai que limitar o seu accionar para defenderse. Pero esa é unha medida que coarta liberdades cívicas elementais. Diráseme que todo se podería solucionar se deixásemos de ser un país ocupante e estou totalmente de acordo. é máis, tanto o Goberno actual como a maioría da Knésset como a maioría da poboación israelí aceptan a creación dun Estado palestino nos territorios de Cisxordania, á beira de Israel. é Ismail Haníe quen repetiu, esta mesma semana, que ''volveremos a Aco, a Haifa, a Ramla, a Yafo'' e de feito a Tel Aviv. Se no lado palestino houbese con quen falar seriamente sobre unha partición do territorio, cousa que rexeitaron en 1947 e seguen rexeitando, aínda que menos vehementemente, tamén agora, teriamos unha solución ao alcance da man. Pero non hai con quen falar, e vostedes moitas veces propoñen que renunciemos, de todos xeitos. Pero ao bordo do abismo resistímonos a dar un paso á fronte: se vostedes cren que o noso suicidio é unha solución, terán que afacerse a vivir co conflito. O prezo, lamentablemente, pagámolo nós.

Artigo publicado no xornal israelí AURORA

Comentarios