A BOA SOCIEDADE



Por Hannah Arendt (Alemaña, 1906 - EE.UU, 1975)
De «Eichmann en Xerusalén. Un estudo sobre a banalidade do mal».

Eichmann, a diferenza doutros individuos do movemento nazi, sempre tivo un inmenso respecto cara á "boa sociedade"; e os bos modais dos que facía gala ante os funcionarios xudeus de fala alemá eran, en grande medida, o resultado de recoñecer que trataba con xente socialmente superior a el. Eichmann non era, nin moito menos, como unha testemuña lle cualificou, un Landsknechtnatur, un mercenario, que quería fuxir a rexións nas que non se observasen os dez mandamentos e nas que un home puidese facer o que quixese. Ate o último instante, Eichmann creu ferventemente no éxito, o criterio que mellor lle servía para determinar o que era a "boa sociedade". Características de Eichmann foron as súas derradeiras palabras acerca de Hitler, a quen Eichmann e o seu camarada Sassen decidiron "dar pouca importancia" no seu relato. Eichmann dixo que Hitler "quizais estivese totalmente equivocado, pero unha cousa hai que non se lle pode negar: foi un home capaz de elevarse desde cabo do exército alemán a Führer dun pobo de oitenta millóns de individuos ... Para min, o éxito alcanzado por Hitler era razón dabondo para obedecerlle". A conciencia de Eichmann ficou tranquilizada cando viu o celo e o entusiasmo que a "boa sociedade" puña en reaccionar tal como el reaccionaba. Non tivo Eichmann ningunha necesidade de "pechar os seus oídos á voz da conciencia", tal como se dixo no xuízo; non, non tivo tal necesidade debido, non a que non tivese conciencia, senón a que a conciencia falaba con voz respectable, coa voz da respectable sociedade que lle rodeaba.

Comentarios