HEROÍNAS DO NOSO TEMPO



Por Nicole Muchnik

Houbo un tempo no que a mocidade do mundo escolleu ao Che Guevara como heroe. Ate o día de hoxe, a venda de camisetas, pósteres e demais chucherías coa súa efixie constitúe un mercado florecente. Cabe preguntarse se a mocidade do mundo coñece os nomes de Taslima Nasreen, de Ayaan Hirsi Ali ou de Nawal Al Saadawi. Para ser xustos, polo menos deberían poderse atopar algunhas fotos delas na sección de panos fetiches e outros chaveiros solidarios: as tres son mulleres, universitarias, demócratas, e as tres están ameazadas de morte nos seus países. Oriúnda de Bangladesh, a escritora Taslima Nasreen tivo a mala sorte de suscitar a cólera dos islamistas indios con Lajja (A vergoña), novela gañadora do Premio Sajarov 1994 que denuncia o tratamento da comunidade hindú no seu país, maioritariamente musulmán. A autora tivo que fuxir de Bangladesh, onde varias outras obras súas están prohibidas, do mesmo xeito que en India, para non ferir a susceptibilidade musulmá. Refuxiada en Calcuta, non decidira calar e criticou en particular a condición das mulleres na sociedade islámica. Foi condenada á morte en agosto de 2007 e, a consecuencia da pasividade do Goberno comunista bengalí ante unha serie de manifestacións violentas, tivo que abandonar Calcuta e refuxiarse en Nova Deli con protección policial india. Grupos de mulleres indias piden ao Goberno que se lle conceda a nacionalidade india á autora emigrada de Bangladesh cuxa visa vence en febreiro de 2008. O partido Bharatiya Janata denuncia tamén o silencio do primeiro ministro e esixe un debate no Parlamento. Non entanto, nos feitos dan a impresión de que as autoridades indias estan a empurrar suavemente a marcharse, aconsellándolle que busque un país acolledor fóra do continente. (Se Taslima volve a Calcuta, a esquerda perderá o voto musulmán) ameaza un responsable musulmán local que representa ao redor dun 30% do electorado.(Hai perigo de novas violencias. O Goberno debe elixir entre ela e nós) Canto pesa a liberdade de pensamento, o valor e a vida mesma dunha muller ante a perda das eleccións a favor dos islamistas? Ameazada de morte polos islamistas do mundo enteiro, Ayaan Hirsi Ali, escritora e deputada holandesa de orixe somalí, vive actualmente nun "lugar seguro" dos Países Baixos con protección policial. Por que esta escritora de 38 anos con aspecto de top model, deputada liberal, sumamente intelixente e cargada de diplomas, debe de temer pola súa vida e suscitar unha xusta entre algunhas das grandes mentes europeas imbuídas de tolerancia? "Esta muller é perigosa, esta muller está en perigo", segundo di Pierre Haski de Rue 89. Podería converterse na "primeira refuxiada occidental desde o Holocausto", escriben Sam Harris e Salman Rushdie (a quen non se lle pode negar un coñecemento íntimo do problema). A historia de Ayaan é exemplar: de estrita obediencia musulmá na súa infancia, vítima da ablación e escapando dun matrimonio forzado, refuxiouse nos Países Baixos onde obtivo a nacionalidade. En 2002, Gerrit Zalm, viceministro de Holanda, fíxoa entrar en política prometéndolle protección física. Pero en 2004, mentres traballaba co cineasta Theo Van Gogh, este foi degolado polos islamistas, que uniron este asasinato coa ameaza de morte para a nova deputada liberal. Para que a carta de ameaza non pasase desapercibida, atopoulla cravada no peito do mozo cun coitelo de carniceiro. Ayaan Hirsi Ali exiliouse por un tempo en Estados Unidos, onde proseguiu a súa investigación sobre as Luces no Islam, pero perdeu os fondos destinados á súa seguridade que lle concedeu o seu Goberno. En Francia circulou unha petición para que se lle concedese a nacionalidade francesa, algo que non espertou o entusiasmo das autoridades. "Europa é covarde", escribiu Salman Rushdie. En realidade, Ayaan Hirsi Ali desorienta aos "especialistas" da intolerancia. Declárase atea e cita a Voltaire: "O Corán é obra do home, non de Deus", escribe. "Por conseguinte debemos interpretalo e adaptalo segundo os tempos modernos. Abandonei o mundo da fe, da ablación xenital e do matrimonio en aras ao mundo da razón e a emancipación sexual. Logo desta viaxe, cónstame que un destes dous mundos é simplemente mellor que o outro". Pero o seu xuízo sobre a actitude occidental é lapidario: "A colonización e a escravitude crearon un sentimento de culpabilidade en Occidente que leva á xente a adular as tradicións foráneas. É unha actitude perezosa e ata racista". As afirmacións de Ayaan Hirsi Ali non gustan a todo o mundo. É así que tanto Timothy Garton Ash como Ian Buruma criticaron o seu pensamento radical. "Ayaan Hirsi Ali é hoxe unha valente, aberta e un tanto simplificadora fundamentalista da Ilustración -escribe o primeiro-. Non estou convencido de que declaracións públicas como as que fixo Ayaan Hirsi Ali acerca de que o Islam é atrasado e o seu profeta perverso, sirvan para algo". Polo ben de todos, nunha palabra, Ayaan faría ben en defender a súa vida pero endulzando o seu pensamento e sen criticar demasiado aos seus verdugos. "É o paradoxo do multiculturalismo -responde o autor francés Pascal Bruckner-, que outorga o mesmo tratamento a todas as comunidades pero non aos individuos que as compón, negándolles a liberdade de liberarse das súas propias tradicións". Para pechar un debate tan profundo como vital para Europa, o soado escritor sueco Lars Gustafsson suxire "dous axiomas bastante obvios: -A tolerancia da intolerancia procrea intolerancia; -A intolerancia da intolerancia procrea tolerancia". Máis nomes. Non fai falta recordar a historia da birmana Aung San Suu Kyi, cuxos 16 anos de arresto domiciliario alternándose con simulacros de liberación son, xunto coa represión sanguenta das súas partidarios, o pasatempo preferido dos ditadores birmanos. Case descoñecido é, en cambio, o caso da catedrática birmana Aung Ma Tin Yee, ameazada e exiliada en Tailandia, onde codirige a All Ethnic International Open University como así o Empowering Women of Burma, un movemento de mulleres que ela mesma fundou en 1992. Discriminadas nos seus países de orixe, ameazadas, exiliadas, son tamén a sirio americana Wafa Sultan, a asiática Irshad Manji, nacida en Uganda, a turca alemá Seyran Ates, e a turca Necla Kelek, todas elas culpables de terse tomado en serio os nosos principios democráticos. A decana das nosas heroínas é probablemente a exipcia Nawal Al Sadawi. Coñecidos son os seus méritos -diplomada na Universidade do Cairo e en Columbia University de Nova York, investigadora na Facultade de Medicina de Ain Shams, no Cairo, repetidamente encargada de misións por conta das Nacións Unidas, ex conselleira da Comisión económica das Nacións Unidas en África Occidental, comprometida autora de 45 libros, moitos deles premiados e traducidos a máis de 30 idiomas-. Nawal Al Saadawi é unha loitadora incansable pola emancipación da muller no Islam, pola recuperación do nome materno asociado ao paterno, polo aborto, contra a ablación e contra o abuso sexual dos nenos. Nun Exipto no que un 91% das mulleres sufriu a ablación, "o veo mental é o máis perigoso -escribe-, porque é invisible. O sistema educativo e os medios de prensa colaboran para velar as mentes". Encarcerada repetidamente, Nawal Al Saadwi vive exiliada desde abril de 2007. O detonador foi esta vez a reedición en xaneiro dunha obra de teatro escrita varios anos antes titulada "Deus dimite do cume", na que Deus aparece como un espírito, nin muller nin home. Non é demasiado politicamente correcto pedir para estas mulleres, como para moitas outras, verdadeiras vítimas do noso tempo, xunto co dereito a expresarse libremente e a elixir a súa vida, un recoñecemento internacional á altura dos seus méritos.

Comentarios