A PARTICIÓN DE PALESTINA


Por Abraham B. Yehoshua, escritor israelí, inspirador do movemento Paz Agora.

O 29 de novembro cumpriranse sesenta anos da votación en que as Nacións Unidas aprobaron a partición de Palestina en dous Estados, un xudeu e outro árabe. A partición foi aprobada grazas ao apoio de dous bloques antagonistas: o comunista e o democrático-occidental. Que foi o que empuxou a ambos bloques a apoiar conxuntamente a proposta de partición en pleno inicio da guerra fría? A razón non está en que as superpotencias rivais tivesen un interese político ou estratéxico na zona; ao contrario, o último que querían era entrar en conflito co rico mundo árabe e musulmán, pero na miña opinión, se optaron por apoiar a creación dun Estado xudeu, foi polo tremendo impacto que supuxera o holocausto xudeu na Segunda Guerra Mundial, e apoiando o plan de partición non só se quería compensar moralmente ás vítimas senón tamén neutralizar, sequera en parte, o terrible antisemitismo que o provocou. Con todo, a creación de Israel supuxo unha reacción hostil nos árabes, que vían que o problema xudeu e o antisemitismo eran en esencia un problema da Europa cristiá, onde vivira durante séculos a maioría do pobo xudeu. Por iso, consideraban inxusto ter que ceder parte da súa terra aos xudeus; ate entón en Palestina residía unha minoría xudía, pero a creación de Israel ía supor a chegada de millóns de xudeus a unha rexión relativamente pequena. Xa que logo, a oposición dos árabes á creación do Estado xudeu era natural e comprensible, e sen dúbida calquera pobo respondería igual. Tras o holocausto, díxoselles aos palestinos que o problema xudeu non era un asunto dos europeos senón do mundo enteiro, e que agora debían pór o seu gran de area para solucionalo. Pero eles opuxéronse e con razón. En definitiva, na votación de novembro de 1947 tomouse unha decisión que provocou un gran conflito, a pesar das súas boas intencións. Ademais, nin as Nacións Unidas nin ningún país moveron despois un dedo para levar a cabo a resolución. O Reino Unido, que era o que controlaba Palestina nese momento, abstívose na votación e unha vez aprobado o plan de partición non colaborou para aplicar a decisión nin para crear unha separación razoable entre os dous futuros estados. Seis meses logo da votación, os británicos abandonaron a rexión e deixaron a ambos pobos no medio dun absoluto caos. Os árabes-palestinos, conscientes de que non podían enfrontarse eles sos ao Estado hebreo, pediron axuda aos estados árabes veciños e, nada máis marcharse os británicos, sete países árabes atacaron o novo Estado co fin de botar aos xudeus ao mar e, aproveitando a ocasión, anexionarse parte do territorio palestino. E as grandes potencias, que case xa se arrepentiran da decisión que tomaran en novembro de 1947, mantivéronse á marxe, nin intentaron parar o ataque ao novo Estado xudeu, nin trataron de impor o aprobado aos palestinos, nin os indemnizaron por perder parte do seu territorio. Así pois, desde aquela resolución de hai sesenta anos, en Oriente Medio flotan constantemente catro elementos que xeran un odio que o tempo non é capaz de aplacar.

1. A hostilidade dos palestinos cara Occidente por imporlles a solución da partición. Iso penetrou tamén no mundo árabe e deu lugar a que manteñan a postura de pór como condición para lexitimar ao Estado hebreo o regreso dos refuxiados palestinos ás súas casas no actual Israel.
2. O sentimento de culpa da Organización das Nacións Unidas por tomar aquela decisión; esa culpa fixo que non intentase realmente solucionar o problema dos refuxiados, senón brindarlles un apoio económico que fixo que durante sesenta anos a maioría dos refuxiados sigan malvivindo en campos na propia Palestina, apenas a varios quilómetros das súas antigas casas, provocando o consecuente resentimento nos palestinos.
3. A sensación de abandono que sentiron os xudeus nada máis aprobarse a resolución da partición, acrecentada por verse obrigados a loitar sós contra o ataque de varios países árabes en canto se declarou o Estado xudeu. Iso fíxoos escépticos sobre a posibilidade de achar unha solución ao conflito.
4. Durante todos estes anos, o mundo árabe e musulmán interpretou a decisión das Nacións Unidas non como un intento e un xesto humanitario para solucionar o problema xudeu e aliviar dalgún xeito a situación dun pobo que sufrira o holocausto, senón como unha estratexia dun Occidente imperialista para colocar un enclave occidental que prexudique a identidade árabe-musulmá. A miña conclusión é que a comunidade internacional terá que obrigar a que se materialice aquela decisión de 1947 para que se cre tamén un Estado palestino; os refuxiados de 1948 han de poder volver a Palestina, pero non ás súas casas de Israel, que de todos xeitos xa non existen; Israel hase de retirar ás fronteiras de 1967 e, para rematar, os territorios que se devolvan aos palestinos han de ser desmilitarizados co fin de garantir a seguridade de Israel.

Comentarios