O PRINCIPIO SEXTO DE GOEBBLES E A LEGAL NEGACIÓN

Por Afonso Vázquez-Monxardín

Seguramente coñecen o nome de Joseph Goebbels e o de August Friedrich Kellner non lles di nada. E son dous alemáns para lembrar. O primeiro, sábeno, é un preparadísimo dirixente nazi, sensible coas artes, creador da manipulación política moderna e un abominable monstro que non dubidou en matar os seus seis fillos antes de se suicidar na caída de Berlín. O segundo, Kellner, un modesto inspector de xustiza, socialdemócrata, escribiu durante a segunda guerra mundial un diario titulado A miña oposición desde a consciencia de que a súa loita interna na Alemaña daqueles momentos era imposible. A propósito escribiu: "Non podería combater os nazis hoxe porque teñen o poder de calar a miña voz, por iso, decidín loitar contra eles no futuro. Dareilles ás xeracións vindeiras unha arma contra o rexurdir de tal demo: a miña testemuña dará fe dos actos bárbaros e amosará como paralos". E escribiu un diario de 800 páxinas que paseou medio mundo. Pero hoxe imos lembrar o sexto dos dez mandamentos da teoría da propaganda elaborados polo sabio e criminal comunicólogo alemán (o principio da orquestración) aquel que en síntese di que unha mentira repetida continuamente pasa por verdade. Precisamente porque é así, nos países avanzados de occidente é delito a negación do holocausto xudeu. Porque o pobo hebreo xa padeceu varias veces na historia a infamia da mentira: desde as acusacións de asasinatos rituais de nenos na España medieval, aos protocolos de Sión, difundidos por verdade, aínda hoxe, nos medios islamitas, a dicir, que non houbo xudeus nas Torres Xemelgas. Contra a mentira criminal, é bo lexislar para impedir sequera a posibilidade de que a unión orquestrada de moitos medios poderosos puidese chegar a relativizar, arrecunchar, ocultar e acabar negando a verdade. Por iso, a decisión do Constitucional Español amparando na liberdade de expresión o dereito dos neonazis españois de Cedade á negación do holocausto énchenos de tanta vergoña como a Ahmadineyad de satisfacción. Non me estrañaría que quixese subvencionar un próximo congreso de negación neste Madrid, capital dunha ridícula tolerancia. Mentres o bo de August Friedrich Kellner se ha de revolver na súa tumba alemá baixo a ollada triste de millóns de xudeus que chegaron ao ceo, directamente, desde as chemineas do inferno.

Comentarios