O FACTOR X DOS XUDEUS


Por Pilar Rahola

Tranquilos, todos quedos. Que non se asuste Maruja Torres nin toda a corte de martelos de herexes israelís que moran polas esquinas do dogmatismo progre. Este artigo non vai de Oriente Próximo, tal vez porque o verán, a pesar das súas negras noticias, resístese a abandonar as boas intencións. Ademais, a persistente lóxica perversa da maldade terrorista cae polo seu propio peso, máis alá dos intentos que algúns teñen de demonizar todo o que cheira a occidental, e perdoar paternalmente o que se coce nas montañas onde cabalgan os novos Almanzor. En todo este mesto e complexo conflito entre unha ideoloxía nihilista totalitaria, con vocación imperial, e o código ético-político da modernidade, hainos que son tan anti-occidentais, que acaban sendo antimodernos. E por modernidade entendo os valores históricos que callaron nun modelo de sociedade libre. Por dicilo cun símil de propia colleita que me resulta simpático: hainos que ven a un cura católico e sáelles un sarpullido, pero ven a un imán nas montañas do Líbano, e teñen un orgasmo. Imaxínense a histeria se ven a un rabino...Dicía que o artigo ía doutra cousa. O pasado xoves, nese edificio máxico de Puig i Cadafalch que hoxe alberga a Casa Asia, vivimos unha estraña e feliz tarde de verán. O profesor de ciencia política Xavier Torrens e Jaume Huberman, voceiro da comunidade xudea Bet Shalom de Catalunya, convidáronnos a reflexionar sobre o "factor X dos xudeus", tal vez inspirados por ese estimulante programa musical que trunfa en Cuatro. Que factor cultural, relixioso, histórico, incluso ate xenético podería explicar as sorprendentes cifras que rodean aos innumerábeis escritores, pensadores, directores de cine, músicos, creadores de todo tipo que xurdiron do pobo xudeu? Que un grupo humano que representa menos do 0,2% da poboación mundial teña dado á humanidade máis do 20% dos premios Nobel, entre eles algúns dos últimos, está fóra de toda estatística e, seguramente, de toda lóxica. Claves na literatura mundial, con algúns fitos no século XX que marcaron a fogo a xeracións enteiras -con Marcel Proust ao corpo-, tamén foi a achega xudea a que sentou as bases do pensamento moderno. O chiste resúmeo de xeito magnífico: un día, un xudeu subiuse á montaña e, ao baixar, asegurou: "Deus é a verdade, e a verdade está na lei". Chamábase Moisés. Séculos despois, outro xudeu aseverou: "A verdade é Deus, e Deus é amor". Chamábase Jeshúa (Xesús). Logo apareceu outro que, sen amor divino, asegurou que a verdade era o diñeiro. Era un tal Karl Marx. Despois chegou Freud e situou a verdade algo máis embaixo do peto, na zona crucial da entreperna. E, para acabar o círculo, apareceu o xudeu Einstein e varreuno todo: "A verdade é relativa". Nada da filosofía, da matemática, da física, da medicina, da literatura, da música, nada relevante no terreo do pensamento, a ciencia e da creación se pode explicar sen a extraordinaria achega do pobo xudeu. E sempre foron moi poucos. E sempre foron perseguidos como ratas.Factor X? Aí estivemos, nunha sala ateigada, con xentes por corredores e chan improvisado como cadeira, intentando dar resposta a un particular enigma. O historiador Joan B.Culla analizou a achega política, Xavier Torrens, atreveuse coa creatividade, Vicenç Villatoro coa literatura, eu apurei algunhas ideas sobre a achega ao pensamento, o rabino Ariel Edery lidiou coa superación na adversidade e, coa axuda de Jaume Huberman, que nos acolleu nese espazo de liberdade e cultura que é a xente de Bet Shalom, saíron algunhas ideas presentábeias. Este é o aperitivo dunha reflexión colectiva apaixonante e, seguramente, imposíbel. O factor non é xenético. No pobo xudeu hai de todo, como en todas as boticas, desde cerebros brillantes a xente de moi limitada ambición mental, aínda que a porcentaxe de xenios está fóra de toda curva estatística. O factor non é relixioso, xa que parece que os deuses só iluminan os camiños cando un acende as velas. Tampouco parece un factor histórico, aínda que a pesada carga da súa pesada historia conformou un instinto sobrenatural de superación. Xavier Torrens falou do valor do estudo, non en van os xudeus foron, durante séculos, o único pobo da nosa cultura que estaba alfabetizado. Pero tamén estudan os fundamentalistas do Pakistán, de xeito que o factor diferencial non é estudar, senón o que se estuda... Persoalmente, situei a cuestión na senlleira cultura libertaria e antidogmática dun pobo que incluso discute co seu propio Deus, pobo do libro, vinculado á palabra e á reflexión. Foron eles quen, hai miles de anos, escribiron un código de leis que aínda marca as pautas actuais da convivencia. E foi o rabino Edery quen selou a reflexión. Tal vez o factor X é a vida xudea, o conxunto de valores que marcan o seu complexo entramado cultural, nos cales, a veneración pola vida, a superación individual e o compromiso coa cultura teñen sido o seu feito diferencial durante séculos. Desde logo, non é baladí o enorme esforzo económico que Israel dedica á procura científica e médica -nun país que se ve obrigado a dedicar o 60% dos seus recursos a defensa-, pero iso só explicaría o fenómeno nas últimas décadas. Aínda que quede este dato para contrarrestar algúns odios: 50 anos de petróleo e recursos ilimitados, decenas de países e millóns de persoas, non deron un só premio Nobel ao mundo. 50 anos de Israel, con escasa poboación e recursos limitados, deron máis dunha decena.Este artigo non pretende responder ao enigma, pero pareceume interesante plantexalo, inspirada por esa feliz tarde de verán. E non tanto para animar a buscar respostas, como para lembrar que cando falamos dos xudeus, falamos de cultura, de pensamento, de ciencia. Ningún pobo aportou tanto sendo tan pequeno. Sen embargo, o maioritario non é o agradecemento. O maioritario é repetir, machaconamente, as maldades do prexuízo e do desprezo.

Comentarios