AVIÓNS ISRAELÍS Vs.BOMBAS IRANIANAS


Por Daniel Pipes
Con excepción de "un suceso catastrófico", informa Middle East Newsline, George Bush ten decidido non atacar Irán. Unha fonte da administración explica que Wáshington considera a cooperación de Irán "necesaria para unha retirada [das forzas norteamericanas] de Iraq". Se isto é certo, implica que o estado xudeu deberá enfróntarse en solitario a un réxime que ameaza con "borrar a Israel do mapa" e que está construíndo as armas nucleares para facelo. Os líderes israelís están dando sinais de que a súa paciencia estase esgotando: o Primeiro Ministro en funcións, Shaul Mofaz advertía xustamente que "os esforzos diplomáticos deberán render resultados cara a finais de 2007". Poden na práctica as Forzas de Defensa de Israel dar ao traste co programa nuclear de Irán? As análises de alto segredo das axencias de Intelixencia responden normalmente a preguntas así. Pero os alleos con talento, utilizando fontes públicas, tamén poden facer os seus prognósticos. Whitney Raas e Austin Long estudaron este problema no Instituto Politécnico de Massachusetts e difunden a súa impresionante análise "Osirak Redux? Assessing Israeli Capabilities to Destroy Iranian Nuclear Facilities" na revista International Security. Raas e Long céntranse exclusivamente na factibilidade, non no atractivo político ou nas implicacións estratéxicas: no caso de que o mando nacional israelí se decidise a danar a infraestrutura iraniana, poderían as súas forzas lograr esta misión? Os autores consideran cinco compoñentes dun ataque con éxito: Intelixencia: atrasar a produción de material fisionábel esixe incapacitar só tres das instalacións da infraestrutura nuclear de Irán. En orde ascendente de importancia, son: a planta de auga pesada e os reactores de produción de plutonio en construción en Arak, as instalacións de conversión de uranio en Isfahán, e as instalacións de enriquecemento de uranio de Natanz. Destruír as instalacións de Natanz en concreto, observan, "é moi crítico para atrasar o avance de Irán cara á nuclearización". Arsenal: destruír as tres instalacións con confianza razoábel esixe -tendo en conta o seu tamaño, a súa situación baixo terra, as armas dispoñibles para as forzas israelís, e outros factores- 24 bombas de 5000 libras e 24 armas de 2000 libras. Plataforma: observando "a estraña amálgama de tecnoloxías" dispoñibles para os iranianos e as limitacións dos seus avións de guerra e forzas de defensa á hora de plantar cara ás forzas aéreas israelís de alta tecnoloxía, Raas-Long calculan que as IDF precisarían un paquete de ataque de 25 F-15 e 25 F-16. Rutas: os cazas israelís poden alcanzar os seus obxectivos a través de tres camiños: Turquía polo norte, Xordania e Iraq no medio, ou Arabia Saudita polo sur. En termos de combustible e carga, as distancias pódense cubrir nos tres casos. Forzas de defensa: en lugar de predicir o resultado dunha confrontación Israel-Irán, os autores calculan cantos dos 50 avións israelís terían que alcanzar os seus tres obxectivos para que a operación tivese éxito. Calculan que 24 avións terían que alcanzar Natanz, 6 Isfahán, e 5 Arak, ou 35 en total. Chegados a este punto, iso significa que as defensas iranianas terían que deter como mínimo 16 dos 50 avións, ou un terzo da forza de ataque. Os ataques consideran "considerábel" este ritmo de erosión no caso de Natanz e "case inimaxinábel" no caso dos outros dous obxectivos. En conxunto, Raas-Long conclúen que a modernización incesante das forzas aéreas de Israel dálle "a capacidade para destruír ate os obxectivos máis reforzados en Irán con certo grao de confianza". Comparando unha operación iraniana co ataque de Israel ao reactor nuclear de Iraq en Osirak en 1981, que foi un éxito rotundo, conclúen que este "non parece ser máis arriscado" que o anterior. A gran interrogante que pende sobre a operación, coa que os autores non especulan, é se algún dos gobernos, turco, xordano, americano ou saudita accedería ao uso israelí dos seus espazos aéreos (Iraq, recorde, tópase baixo control americano). A menos que os israelís logren o permiso previo para cruzar estes territorios, os seus avións terían que abrirse camiño ate Irán loitando tamén contra terceiros. Isto pon en perigo todo o proxecto moito máis que ningún outro factor. (As IDF poderían minimizar este problema voando ao longo de fronteiras, por exemplo, a turco-siria, permitindo que ambos os países no camiño afirmasen que avións israelís atopábanse no espazo aéreo do outro). Raas-Long dan a entender, mais non afirman, que as IDF poderían alcanzar o illote continental de Jarg, a través do cal se exporta o 90% do cru iraniano, danando cumpridamente á economía iraniana. As forzas israelís teñen "unha probabilidade razoábel de éxito" unilateralmente. Destruír as instalacións nucleares iranianas podería axudar a disuadir a Teherán de seguir adiante co seu programa de armamento. O estudo Raas-Long, xa que logo, fai máis probábel un acordo diplomático. Os seus resultados merecen a maior consideración posíbel.

Comentarios