LITURXIA TEOCRÁTICA, IDEOLOXÍA NIHILISTA

Por Pilar Rahola

Pode existir un nihilismo de corte teocrático? Sen dúbida é un auténtico oxímoron, con notábeis méritos para formar parte dos grandes contrapostos da linguaxe. Parece que a exaltación ate o paroxismo da transcendencia espiritual, non pode desembocar no ren absoluto, coma se intentásemos xuntar a Santa Tareixa de Xesús e a Nietzsche, e pretendésemos non afundirnos no intento. O filósofo alemán gustaba de dicir que vivía no abismo permanente e, en cambio, os grandes místicos, aseguran vivir na plenitude. É, quizais, a plenitude espiritual outro xeito de abismo? Sexa como sexa, non parecería doado xuntar ambas construcións mentais se non fose porque, por encima da filosofía está a realidade, e esta sempre sobarda as expectativas. Hoxe, o fenómeno ideolóxico máis serio, máis tráxico, máis perigoso e, sen dúbida, máis letal que actúa no mundo, topou a fórmula para sumar o amor a Deus co amor á nada, e desde a nada, considerar que a vida non ten outro valor que o valor de quitala.
Os guerreiros do islamismo yihadista, adestrados nunha cultura de xenreira e morte, son nihilistas de manual, auténticas encarnacións do baleiro absoluto e, con todo, a súa linguaxe, a súa liturxia, a súa escenificación é, toda ela, relixiosa. En certo sentido son os antihéroes do home que buscaba Albert Camus en “Les justes”, non dubidan como dubidaba o seu personaxe Kaliayev, senón, cal émulos de Stepan, matan e morren sen ningunha fractura interior. Sen ningunha pregunta. Sen alma. Por suposto, trátase dunha socialización da morte como paradigma, e só dende esa socialización, pódese entender a esencia do fenómeno e pódese calibrar a súa enorme dimensión.

Estes últimos meses, algúns colegas, que ate agora consideraran que xentes coma quen escribe, interesadas polo yihadismo islámico desde hai anos, eramos uns demagogos, ou uns alarmistas sen fundamento, ou quizais directamente axentes infiltrados do Mossad -coma eses vendedores de santos de Olot, que Pere Calders aseguraba que eran espías xaponeses-, estes notábeis colegas acaban de ver a luz e descubrir a ameaza. E cal setas após a choiva, aparecen baixo as árbores e enchen os micrófonos de sisudas explicacións que, por dar, conseguen dar todas as respostas que algúns levamos anos buscando. A problemas complexos, solucións simples, di o catecismo do bo populista, e debe ser un catecismo moi lido nas cátedras universitarias. Porque se o yihadismo se explicase cos argumentos que estes días oín ate a saciedade, especialmente en boca dos intelectuais orgánicos da progresía, a cousa sería de rirse, mentres choramos de pena.
De entrada, e como era de agardar, parece que o terrorismo islámico non é máis que unha reacción violenta ao imperialismo ianqui, que por suposto é o responsábel de todos os males que axexan ao mundo islámico. Ao mesmo tempo, o islam non é culpábel de nada, máis que de sufrir durante décadas e finalmente sublevarse. Todo o enfoque perverso nace de Occidente, e todo o vitimismo paternalista, aplícase a Oriente, coa clásica ollada condescenciente cara ao terceiro mundo de Quico “o progre”. Proxectada a mirada maniquea, o planeta se divide entre as responsabilidades americanas, a deixazón europea, que vive sen vivir nela, e os pobres países do islam. Por suposto, explícase o fenómeno en términos de pobreza, marxinación e desesperación. Así cadran os suicidas de Hamás, os adolescentes adestrados nos campos de Hezbolah, os degoladores de persoas iraquís e ate os suicidas que aparecen polo suleste asiático. Trátase de debuxar pezas tópicas para organizar un quebracabezas que non rompa ningún dos esquemas da corrección política.
Ben. Como unha está para incordiar, e ten a teima de analizar a cuestión desde hai décadas, permitireime algúns matices sensiblemente correctores do dogma progre sobre o yihadismo. Primeiro, o fenómeno, coma ideoloxía de masas na súa versión moderna, nace na década de 1920 na Universidade do Cairo, cando nin existía Israel, nin Estados Unidos pintaba nada. Os grandes ideólogos foron condenados a matar moi pronto, pero os seus seguidores, exipcios e sirios na súa maioría, repartíronse por Europa e foron acollidos por fermosos países como Suíza e Inglaterra, que vían neles unha clara oposición aos réximes de corte soviético. Moi pronto recibiron decenas de millóns de dólares de Emiratos e Arabia, e a súa actividade, a súa loxística, os seus centros de estudos, as súas míticas e toda a parafernalia do fundamentalismo islámico medrou con extraordinaria rapidez, por todo o ámbito musulmán. Cando, en 2001, a raíz do 11-S, cortáronse de raíz os fondos que financiaban desde Europa o fenómeno, os bancos islámicos implicados levaban xa décadas de actividade.
Non hai espazo neste artigo, para lembrar o que significou a guerra fría, mais non se pode explicar o fundamentalismo islámico sen falar da Unión Soviética. Ou sen falar do terrorismo iraniano, que matou a decenas de persoas en Arxentina. Ou sen falar do papel das ditaduras do petrodólar, activas no financiamento dunha mirada integrista do islam. Cando, en Palestina, comezaron a adoutrinar nenos para a morte, en campos de colonias financiados por Irán e, no seu momento, Iraq, ninguén quixo ver o fenómeno como o que era: a derivada palestina do nihilismo integrista, un nihilismo que superaba a idea dun Estado palestino, para abrazar directamente a república islámica. E tivemos Bali, Beslam, Kenya, Turquía, centenares de mortos ate chegar ao primeiro atentado en Europa, Madrid, Londres. Polo camiño, Bush cometeu o gravísimo erro de perpetrar unha guerra inútil. Pero para chegar a Atocha, o fenómeno atravesara mares e tiñase mundializado. Nun resumo acelerado: non é unha ideoloxía de pobres, senón profusamente financiada. Non é unha ideoloxía de marxinados, aínda que use a marxinación coma munición. Non é unha ideoloxía liberadora, senón todo o contrario: o seu obxectivo é o dominio integral do ser humano. Non pretende liberar pobos, senón crear unha única Umma musulmá. E, aínda que sexa difícil de dixerir, non nace da maldade americana, senón moito antes, dunha mirada regresiva, medieval e furibundamente antilibertaria do propio islam. Emprega os erros de Occidente, pero nace dos seus propios monstros. Todo iso, e máis, interactúa no fenómeno, e sen entender a complexidade de décadas, o único que conseguiremos serán algunhas paridas mentais, desas que quedan tan ben nos faladoiros progres, simpáticas, politicamente correctas e totalmente inútiles.

Comentarios