O MURO E O MISTERIO.

O muro e o misterio

Por Marcos Aguinis


Os muros sempre foron odiosos, aínda que sirvan de escudo protector. Algúns, como a Muralla Chinesa, tocan a néboa dos mitos. Outro, como o de Berlín, foi a expresión dunha cárcere que moita xente non criticou demasiado porque, dicían, preservaba a experiencia comunista da infección occidental. Houbo unha vasta Cortina de Ferro en Europa e houbo sanguentas Cortinas de Bambú en Asia oriental. Pero a Muralla Chinesa é agora un obxectivo turístico, o Muro de Berlín unha melancólica lembranza e as Cortinas de Ferro e de Bambú evaporáronse na febre dunha nova e crecente prosperidade. Hai pouco, no 2003, comezou Israel a construír o muro que o separa dos territorios palestinos. Poucas veces puido observarse un rexeitamento tan feroz a empedrado algún, con fotografías, artigos e reportaxes que insistían no seu carácter monstruoso. O caso foi levado a case todos os foros internacionais. Déuselle unha importancia tan grande que varreu das axendas outros temas urxentes. Ate debates sobre a moderna escravitude, a prostitución de nenos e o aumento da pobreza foron postergados de reunións transcendentais para focalizarse na condena dese muro, convertido no tema central do universo. Logo o caso foi levado á Corte Internacional de Xustiza, que fallou contra Israel. Tamén á Asemblea Xeral das Nacións Unidas, que tamén fallou contra Israel. Innumerábeis programas da TV, o cine e as cámaras de fotos, sen embargo, non revelaron algo que me sorprende. O muro non é tal en toda a súa extensión: só o 8% está formado polo que curiosamente é difundido nas fotos e os vídeos, e se limita aos lugares en que é necesario protexer á poboación cuvil dos francotiradores. Vin cos meus propios ollos os buracos dos proxectís contra vivendas, escolas e ate ambulatorios, que agora agradecen a presenza deste escudo. O 92% restante é un valado de arame con visores para detectar aos posíbeis terroristas, segundo o detallado informe do Washington Institute for Near East Policy. Non deixoa de sorprenderme que se acuse a Sharon de ter ideado o muro. En realidade Sharon e o espectro máis nacionalista de Israel opuxéronse á súa construción, porque significaba recoñecer que as terras que fican á outra beira non son israelís. Significaba un explícito recoñecemento dos dereitos palestinos. Significaba, ademais, deixar con menos protección ás colonias construídas lonxe do territorio propiamente israelí. A idea foi concibida polos progresistas, pola esquerda e pacifistas de Israel, entre os cales destaca o escritor Amós Oz. Dicían que Israel debe cesar a ocupación, fixar os seus propios límites e dedicarse a exercer a pura defensa, como nos gloriosos tempos orixinais. Yasser Arafat rexeitou en Camp David o audaz ofrecemento israelí de crear deseguida, xa, un Estado palestino co 100% de Gaza, o 98% de Cisxordania e a soberanía compartida de Xerusalén Este. En lugar de avanzar cara a paz, o líder palestino preferiu desencadear a segunda intifada, máis cruel cá primeira, e multiplicou os atentados suicidas. Foi Arafat quen celebrou coma unha vitoria ás primeiras mulleres suicidas, a quen chamou “rosas da nosa causa”. As presións de todo tipo non conseguiron diminuír os atentados e o goberno de Sharon entendeu por fin que a proposta da esquerda israelí, que rexeitara ate ese intre, era a única que podía diminuír o azoute das bombas que estoupaban a diario en autobuses escolares, supermercados, discotecas, rúas céntricas, universidades, restaurantes. O custe do valado era enorme para a economía israelí, que, como resultado da intifada, diminuíu de xeito radical un dos seus principais ingresos, que era o turístico. Ate houbo que recortar o orzamento máis sensíbel, o da educación. A fronteira entre Israel e os territorios palestinos xamais foi recoñecida por ninguén, nin sequera polos países árabes que asinaron a paz con Israel. Só queda a lembranza das liñas de armisticio que se fixaron trala guerra da Independencia, en 1949, liñas extremadamente caprichosas. Por esa razón se insistiu en que este valado non é unha fronteira e será modificado logo de conseguirse a paz. Pero Israel quixo brindar protección a moitas das súas colonias e, por iso, ao principio, o valado deixaba do lado israelí un 16% máis do que marcaba a antiga liña do armisticio. Despois reduciu a porcentaxe á metade. Unha decisión da independente Corte de Xustiza de Israel esixiu unha nova modificación para non agraviar á poboación palestina. Ate agora, tense construído menos da metade do valado, pero reduciuse en máis dun 95% a frecuencia dos atentados. O seu obxectivo de desalentar os atentados terroristas e salvar vidas demostrou ser un éxito indiscutíbel. Unha novidade máis grande é o feito de que existen outros muros, máis vellos e moito máis agresivos, sobre os que moi pouco se fala. É un misterio? Ou é parte da tendenciosidade que mobiliza aos formadores da opinión pública? Por que non se condena o espantoso muro do Sahara Occidental? As horribles cercas de Ceuta e Melilla? A longa zona de separación chipriota? A sólida barreira saudi-iemenita? O compacto muro de Cachemira? Os muros que dividen as cidades de Irlanda do Norte? O valado que constrúe Israel foi cualificada “muro do apartheid”, do racismo, do nazismo. Ningún destes fanáticos cualificativos se aplica aos outros muros, similares ou peores, nin foron centro de discusión en foros internacionais, nin levados á Corte Internacional, nin condenados pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas. Sería inxenuo preguntar por que? Vexamos algúns exemplos que chaman a miña atención. A comezos dos anos 80, Marrocos iniciou un sistema de oito muros, cunha lonxitude de 2720 quilómetros, case catro veces máis extenso có de Israel. Rodeounos, ademais, con campos minados. A construción levouse a cabo en varias fases, cada unha das cales foi aproveitada para gañarlle máis terras á Fronte Polisario. A poboación saharauí foi partida pola metade: 260.000 persoas quedaron dentro do territorio de Marrocos e 200.000 na fronteira con Alxeria. Dentro da mesma zona marroquina os muros internos dificultan a mobilidade e as relacións entre a comunidade. A reacción internacional foi mínima. Como exemplo, no Foro Social Mundial dese ano, de cen talleres que trataban o tema iraquí e palestino, só dous abordaron o problema do Sahara Occidental. É paradoxal que Marrocos envíe un escrito á Corte Internacional para condenar a Israel e que tamén o faga na Asemblea Xeral, coma se estivese limpo de pecado. España construíu muros duplos de 6 metros de altura en Ceuta e Melilla, para separar eses enclaves da poboación africana. Foron financiados pola Unión Europea. Na súa orixe as cercas estaban constituídas por unha dopla muralla paralela de tres metros de altura, arame de puga, detectores de movementos e cámaras. Pero cando os inmigrantes ilegais intentaron cruzala, dando orixe a decenas de mortos e feridos, España dobrou a altura do valado, que, na actualidade, chega aos 6 metros. Abraiado, escoitei que España, mentres condenaba a Israel nos foros e na prensa, solicitaba asesoramento á compañía israelí que constrúe o valado. O reino de Arabia Saudí iniciou no 2003 un sólido muro de separación ao longo da súa fronteira co Iemen, cunha altura de 6 metros, e introduciuse no área neutral que separaba ambos países, o cal dividiu a tribos radicadas na zona. O tribo Wayilá, cuxas terras históricas atópanse dentro do trazado do muro, ameazou con “voar todo”. O goberno iemenita presentou varias queixas, sen resultado ate agora. A India emprendeu a comezos dos anos 90 o muro de separación dentro de Cachemira, que se estende por uns 550 quilómetros. A barreira está composta por un dobre valado de case 4 metros de altura, coroada por arames de puga. Para facela máis efectiva electrificou varios segmentos. Entre as dúas liñas do valado enterráronse innumerábeis minas. Paquistán afirma que esa muralla é unha violación de acordos previos. Pero segundo o goberno da India a incursión de terroristas reduciuse nun 50 por cento. Aínda que os efectos sobre a poboación foron mixtos, a relativa pacificación permitiu o florecemento a cada lado da fronteira. A violencia intercomunitaria que asolaba a Irlanda do Norte determinou que o goberno británico erguese muros de formigón para separar os barrios católicos dos protestantes, aos que chamou “liñas de paz”. As portas son custodiadas pola policía e permanecen pechadas durante a noite. Co aumento do clima de paz, estes muros en vez de desaparecer multiplicáronse. Hai coincidencia de todas as partes en que a súa presenza foi positiva, polo menos ate agora. Chipre sofre o vello conflito das súas comunidades grega e turca. Sobre a liña de armisticio construíuse unha longa franxa de separación de 300 quilómetros de longo. O sistema, patrullado por forzas da ONU, tamén atravesa sectores da capital, Nicosia, onde algunhas das súas rúas están divididas por feas murallas de cemento. Esta división impuxo que 200.000 gregos fosen expulsados do Norte e substituídos por 50.000 turcos que fuxían do Sur. Ate o ano 2003 estaba prohibido o paso dunha zona á veciña. Pese aos traumas xerados, a franxa tan odiada ao principio aumentou a seguridade e a estabilidade de Chipre. Como advertimos, no tema dos muros acosa o misterio, porque xeran repulsa e, sen embargo, a veces producen beneficios. É unha incómoda paradoxa e teñen algo de aporía.

Comentarios

Anónimo dixo…
Who knows where to download XRumer 5.0 Palladium?
Help, please. All recommend this program to effectively advertise on the Internet, this is the best program!