A CAUSA PERSA


A CAUSA PERSA

A historia de Irán foi amputada e só se considerou a partir da súa islamización

Por Xosé Luís Méndez Ferrín

O Talabani, ese kurdo que esquenceu pedir a independencia da súa patria nun tristrás, mandou que os verdugos que puxesen o sedeño no pescozo de Saddam Hussein e a patulea dos que o escarnisen no intre da execución fosen fanáticos xiís. Alén de cumprir a directiva da CIA que consiste en enfrontar sectarios xiís contra idem sunís, o presidente kurdo de Iraq posto polos EE UU estaba a lle dar pábulo aos intereses iraníes, aínda que lles pareza mentira a algúns. No máis profundo, e case sempre inconfesado, da fantasía sectaria xií en Iraq está a crenza absurda de que eles, árabes por onde se mire, son en realidade "persas" ou sexa iranís e, polo tanto, de condición aria e de natureza superior. Esta loucura está fomentada polos servizos secretos de Teherán que utilizan estes xiís árabes con auto-odio para os seus fins expansionistas. Porque, convén sabelo, o réxime iraní é imperialista de ámbito rexional. Será preciso lembrar que a insurrección contra o réxime pro-occidental do Sha non se fixo no nome dos principios patrióticos e tenuemente socialistas do doutor Mossadeq que un día nacionalizara o petróleo de Irán e ao seguinte foi deposto polo Intelligence Service e a CIA de consún. Fíxose no nome de Deus e o poder foi tomado non polo pobo senón por unha seita, a xií; ou mellor dito: foi tomado por unha caste sacerdotal que aínda o mantén con man de ferro. No Irán, os sacerdotes xiís teñen propiedades, grandes e pequenas, e disfrutan do monopolio do poder presentándose perante as multitudes como intérpretes únicos do desexo e da vontade de Deus. Os sacerdotes, unha vez que tomaron o poder, fundamentaron unha nova cultura. Se o Sha, especialmente nas súas últimas etapas, botaba man da tradición do imperio persa dos Ciros e dos Daríos, os Homeinis, somentes en apariencia, prescindiron desa tradición e dixeron, só dixeron, basearse na Revelación Divina que é o Corán. A historia de Irán foi entón amputada e só se considerou a partir da súa islamización: o anterior foi condenado á total escuridade. De modo que Omar Khayyam, por facer apoloxía do viño e por místico heterodoxo e matemático sublime, foi borrado da nova cultura iraní, o mesmo que Firdusi. A partir de entón, o réxime dos ayatolláh preparou un novo nacionalismo persa baseado, non na memoria do imperio pagano, senón na ortodoxia musulmana da seita dominante como única depositaria da Verdade eterna do Islam. Xorde así o fundamento ideolóxico destes almorábides ou derwiches indoeuropeos que, sob tal capa para enganar parvos, mantén no interior do país un escuro fascismo teocrático e de cara o exterior un proxecto de imperialismo rexional centrado de momento na satelización de Iraq convertido en satrapía, o que os defronta aos EE UU. Donos xa do Arabistán ou territorios árabes ocupados por Irán no Sul, o seu obxectivo máis o menos tácito é controlar a totalidade de Iraq, onde eles queren un réxime coma o seu no que a caste sacerdotal xií, imbuída do mito estúpido da súa condición superior aria, teña mando absoluto e así ir, ao mesmo tempo, á restauración do Imperio de Ciro o Grande sen decilo claramente. A iso se refería Saddam Hussein cando falaba dos persas na súa derradeira mensaxe á posteridade.

Comentarios