SAÍR DE GAZA

Por Ignacio Ramonet

La Voz de Galicia

03.02.05


O Goberno israelí de Ariel Sharon votou en favor da retirada de Gaza. É unha decisión lóxica e valente que esta creando tensións fortes no interior de Israel onde a maioría da poboacióna a aproba, mentres unha minoría de extrema dereita está disposta a todo por retardar esa retirada. Sobre todo os oito mil colonos que un tempo adoraron a Sharon e agora están ameazando con matalo, como o fixeron con Isaac Rabin. Os tempos cambiaron desde aquela provocación do xeneral Sharon ao presentarse o 28 de setembro de 2000, protexido por decenas de policías, na Chaira das Mesquitas (o monte do Templo para os xudeus). Así se puxo en marcha unha nova engranaxe tráxica: a segunda Intifada, protestas de civís palestinos, brutalidade desproporcionada da represión, nenos e adolescentes palestinos abatidos polas balas, horrible linchamento de dous militares israelís, represalias contra os árabes israelís, salvaxes atentados suicidas nas rúas das cidades israelís, reocupación militar das cidades autónomas palestinas, provocacións de colonos extremistas, novos e terribeis atentados contra civís israelís, etcétera. A espiral de violencia parecía non ter fin. O choque planetario do 11 de setembro de 2001 non interrompeu o ciclo de vinganzas e represalias. Barbarie cotiá. Regresión política. Con chamadas, entre os fanáticos de ambos os campos, á «limpeza étnica» ou á «segregación das poboacións». Retorno á desesperación dos civís palestinos, cuxas condicións de vida volvéronse infernais debido aos sucesivos bloqueos das cidades. O PNB palestino por persoa e ano diminuíu sensiblemente, pasando de 2.245 dólares en 1992 a menos de 1.300 en 2004. E retorno da inquietude e o medo no seo da sociedade israelí, que, traumatizada e martirizada, segue sendo no sen embargo maioritariamente partidaria dun acordo de paz. A morte de Arafat e a elección democrática de Mahmud Abbas parecen despexar o horizonte. En Gaza, un millón de palestinos viven en condicións de miseria, mentres que uns oito mil colonos xudeus extremistas, protexidos por soldados armados ate os dentes, ocupan un terzo do territorio, constituído polas terras mellor regadas... Desprezando o dereito internacional, Israel promoveu a implantación de poboacións xudías vindas en moitos casos de ultramar. Folga dicir que a actitude colonial das autoridades repugna a numerosos cidadáns israelís. Porque este singular estado non se parece a ningún outro. Certamente, é o froito das teses formuladas en 1896 por Theodor Herlz. Pero o estado de Israel xorde tamén, indiscutiblemente, do antisemitismo europeo, dos pogromos rusos e do xenocidio nazi. Constitúe o porto e o refuxio ao que se acolleron millóns de perseguidos en busca dun espazo de liberdade. Así pois, para todos eles, e en particular para os sobreviventes dos campos de exterminio, Israel non é só un proxecto nacional, senón tamén un proxecto moral. Un proxecto moral ate agora traizoado. Pero que podería cobrar de novo sentido logo da retirada de Gaza e máis aínda se a iso séguelle o recoñecemento mutuo de seguridade e de soberanía.

Comentarios