ANTISEMITISMO “REVOLUCIONARIO”.

Por Gabriel Albiac.

Se alguén, hai vinte ou trinta anos, ofrecese a unha publicación de extrema esquerda un explícito alegato antisemita rexeitado pola prensa convencional, tomaríano por tolo.

Que ese texto alcanzase o privilexio de ser material de debate interno non pasaba entón nin aínda polas cabezas máis alucinadas. E non é que o antisemitismo non tivera xa as súas fondas galerías, podrecendo o mellor que o xurdiu daquela onda radical que veu tralo esperanzador maio do 68. O antisemitismo estivo sempre aí, transversal a todas as ideoloxías da Europa moderna. Mais, trala derrota do nazismo, ese antisemitismo permanecía elíptico, sob a máscara dun vocábulo “antisionismo” cinicamente desprazado do seu significado de orixe, (sionismo designa no século XIX non outra cousa que xudaísmo laico) e convertido en comodín de calquera cousa.

Ese tempo de reserva xa pasou. Trala ofensiva do integrismo islámico do 11 de setembro de 2001, todo vale. Ate aquela perversa amalgama de revolución e antisemitismo que, incrustada na esquerda obreira de fins do século XIX, atravesa a revolución bolchevique en Rusia e a nacionalsocialista en Alemaña. O monstro do antisemitismo revolucionario está de volta.
Certo que custa traballo aceptalo, talvez porque é demasiado amargo. Os feitos, con todo, impóñense. Os feitos. O texto asínao Tariq Ramadan. E fica proposto no Foro Social Europeo, como material de discusión, aos seus membros. O texto fora rexeitado por Libération e Le Monde, en tanto que inapelabelmente antisemita. Publicouno primeiro un órgano de prensa que leva a tan laica cabeceira de Oumma (isto é, "comunidade dos crentes musulmáns"). O Foro Social Europeo é o coordinador dos que, en Francia, deixaron de chamarse antiglobalizadores para ser altermundialistas (de neoloxismo en neoloxismo), e que coordina a próxima conferencia alternativa, en París e Saint Denis, en novembro.

A tese de Tariq Ramadan é moi sinxela: a existencia dunha conspiración xudía contra Europa, asentada sobre a punta de lanza de venais intelectuais xudeus que tratarían de descompoñer a humanitaria tarefa antiisraelí das novas xeracións de revolucionarios. Todos, no mesmo saco: desde Taguieff a Bernard-Henry Lévi, desde Adler a Finkielkraut. Lacaios xudeus, ao servizo do mal.

A tese de Tariq Ramadán é moi sinxela. É a dos "Protocolos dos sabios de Sión" (canon do antisemitismo moderno), cunha elemental actualización de nomes. O tipo de delirio perfecto para unha publicación como Oumma. O tipo de nazismo que xamais, hai só vinte ou trinta anos, aceptaría ninguén que se reclamase de esquerdas.

Gabriel Albiac

Comentarios

pepe dixo…
Não pode dar o link para o referido artigo do Tarik?